«Sabemos quen asasinou ós cabalos en xaneiro»

VIGO

Oscar Vázquez

Pese aos episodios de violencia deste ano, Domínguez destaca a escasa conflictividade no territorio

25 ago 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

O ano comenzou na Serra da Groba cunha matanza indiscriminada. Catro cabalos foron asasinados a golpes por uns autores que continúan sen identificar. Sete meses despois da matanza, non existen culpables. O caso tivo un gran tirón mediático e foi noticia en toda España. Naqueles días parecía que os conflictos entre gandeiros e veciños da Groba eran pan de cada día. Nembargantes o presidente da Asociación de Gandeiros da Serra da Groba, Modesto Domínguez, incide en que a conflictividade é escasa.

-A Serra da Groba é un lugar conflitivo?

-Non, para nada. Case non hai conflitos porque xa non se traballa a terra coma antes. Os cabalos xa non causan molestias.

-E os asasinatos de xaneiro?

-Todo o mundo sabe quen son, incluso o Seprona, pero non existen probas para culpalos.

-E non os denuncian?

-Nós preferimos calar. O Seprona sabe quen son, pero o dito, non hai probas. Aínda que creo que se continúan facendo cousas así os terminarán pillando.

-Por que o fixeron?

-Pois porque eles teñen vacas e os cabalos molestan. Comenlles parte da comida que deixan para as vacas.

-Entón foi un conflito puntual?

-Si, o ambiente é moi bo. Na asociación tentamos que os cabalos xeren os menores problemas posibles.

-Cales son os principais problemas cos que se enfrentan os garranos?

-Por un lado está que cada vez somos menos. Só somos sete ou oito traballando todo ano, pero tampoco podemos esixir máis aos socios. Moitos son maiores e a outros é mellor non apretarlle moito. Hai que evitar que vendan os garranos.

-No 2012 moitos venderon os seus cabalos. Que significou iso para a asociación?

-Nese ano vivimos unha situación complicada. Co decreto da Xunta moitos deixaron a asociación e venderon os cabalos. Agora parece que todo se recupera un pouco.

-Que critican dese decreto?

-Criticamos que se trate ao garrano como a un animal doméstico. É certo que historicamente tivo donos, pero iso non quere dicir que sexa doméstico. O cabalo vive todo o ano no monte e nós só o collemos para os curros como se fixo sempre. Non nos parece ben que teñamos que pagar por o animal tanto cando non nos aporta beneficio ningún e temos que traballar moito para protexelo.

-Xa lle comunicaron á Xunta que non estaban a favor deste decreto, pero nada cambiu. Por que cren que non atende as súas críticas?

-Terá outros intereses para a Serra de A Groba. O que nos parece é que non queren ao cabalo aquí

-Que intereses?

-Non sei. Por exemplo cos garranos na Groba non se pode plantar eucaliptos como se fai en case todos os montes da zona. Outra cousa que nos sorprende é que cando se proxectaba un parque eólico aquí en 2006. Todo o territorio que ardeu durante a vaga de incendios se correspondía co plano do borrador do proxecto eólico que se presentara na Xunta. Son cousas que te fan pensar mal.

-Teño entendido que unha enfermida está matando a moitos cabalos.

-Si, acaba con eles moi rápido. É un parásito que collen cando lles pica unha carracha. Trasformalles todos os glóbulos vermellos en auga.

-Como supestes desta enfermidade?

-Comezamos a ver como cabalos fortes morrían ou andaban sen forzas. Un día levei un para a casa e coideino, pero non se terminaba de recuperar. Saqueille sangue e era casi todo auga. Despois levamos a analizar todo e xa nos dixeron que era.

-Tamén pedides un matadoiro.

-Estamos esperando a que a Xunta autorice ao matadoiro de Nigrán para que tamén pasen cabalos. Aquí sempre se comeu cabalo e agora hai que ir ao matadoiro de Cambados ou de León.