Galeguista e cosmopolita

VIGO

29 nov 2019 . Actualizado a las 11:51 h.

Coñecín a Manolo Soto cando comezaba a súa notoriedade política. Nas eleccións de 1979 eu traballaba para El Pueblo Gallego e xunto con Xosé Antonio Perozo, co que facía equipo, fomos a sede do PSOE nas galerías do cine Plata. Na noite electoral, as urnas daban gañador a UCD e o alcalde debería ser Víctor Moro. Soto demostrou xa daquela unha das facetas máis características do seu paso pola vida pública: a paixón por negociar e conseguir acordos imposibles a priori. As súas artes serían hoxe moi necesarias para poñer de acordo a persoas e proxectos políticos diferentes. Naquel momento fundacional das corporacións democráticas, formou un goberno con cinco partidos que funcionaron coma un reloxio de precisión. A UCD minguou na oposición e nas segundas eleccións, novamente en coalición, gobernou con máis folgura. E o volveu a facer nunha terceira ocasión, na etapa en que «me fichou» -así o dicía el- para ir como independente nas listas municipais. Estivo durante meses convencéndome de que era a persoa idónea para poñer a andar unha promesa electoral ben novidosas: crear unha concellería da Muller. Tardei en aceptar, pero nunca me arrepentín e a el lle debo e agradezo esa oportunidade.

Medrábase na dificultade. Tiña unha mente moi rápida e traballaba mellor coa adrenalina ao límite. Case sempre ía por diante dos argumentos que escoitaba nas longas xuntanzas que celebraba cos seus equipos pero, se aparecía algún verdadeiramente valioso, rendíase con satisfacción e non daba batalla. Admiraba a capacidade de traballo e a intelixencia nos seus colaboradores, tanto políticos coma funcionarios. E penso que nel destacaban, precisamente, ambas as cualidades.

A súa ampla visión quedou demostrada naquela etapa de paso da dictadura a democracia. Foi un político de convicción galeguista e talante cosmopolita, convencido de que ambas posicións eran compatibles. A súa actuación no PSdeG foi sempre nesa dirección e a súa defensa dun Estatuto «de primeira», como o de Euskadi e Cataluña, foi crucial. Liderou a primeira denuncia ecoloxista coa aventura do Xurelo até a fosa atlántica onde se afundían residuos radiactivos, cando o medio ambiente apenas estaba na axenda política. Defendeu a igualdade de xénero coa posta en marcha de políticas a prol das mulleres, cando tampouco era un asunto prioritario no debate público. E estaba firmemente comprometido coa autonomía de Galicia como quedou de manifesto coa histórica manifestación a prol do Estatuto do 4 de decembro ou a creación en Vigo dun servizo de normalización lingüístico pioneiro nunha grande cidade. Sempre falou en galego, publica e privadamente.

O Sireno, o saneamento das parroquias, as pelexas con Vitrasa, os enfrentamentos con Manuel Fraga, e tantas cousas máis, quedan nas crónicas da época. Nas persoas que o coñecimos e o quixemos, queda a figura dun home culto, cariñoso, noble e esforzado que amou a súa cidade como amaba a súa familia e amizades, de xeito incondicional.