A vida de don Paco sae á praza da Princesa

La Voz

VIGO

M. Moralejo

Ante a Casa Galega da Cultura pódese ver dende hoxe unha exposición sobre Fernández el Riego

15 may 2023 . Actualizado a las 05:10 h.

Dende que Francisco Fernández del Riego asomou, a comezo dos anos trinta, na vida pública galega, tanto como militante do Partido Galeguista como representante estudantil na Universidade de Santiago de Compostela, foise forxando unha fonda e prolongada relación co xornal La Voz de Galicia.

As distintas etapas vividas ata a morte do intelectual galeguista, en novembro do 2010, están recollidas na exposición que hoxe será inaugurada, as 18.00 horas, na praza da Princesa de Vigo.

O presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes; o director de La Voz de Galicia, Xosé Luis Vilela Conde; e o premio nacional de Literatura e autor do libro Francisco Fernández del Riego: a tinta de Galicia, que publica La Voz co gallo do Día das Letras, Xesús Fraga, participarán no acto inaugural ante a Casa Galega da Cultural, centro de operación de don Paco durante varias décadas. Os asistentes recibirán un exemplar do libro.

A exposición, que estará na praza ata o sábado, está composta por varios cubos informativos nos que se pode seguir a relación de Fernández del Riego con La Voz de Galicia. No primeiro, se mostran as primeiras intervencións públicas do autor da reconstrución cultural galega durante o século XX, para, logo, pasar aos primeiros artigos escritos no xornal durante a década dos anos corenta. Entón, don Paco tiña prohibido expresarse publicamente, pero salvou o veto empregando o pseudónimo de Salvador Lorenzana. Xa cando puido asinar os artigos co seu nome, prolongou esa relación ata o mesmo ano do seu pasamento. O derradeiro artigo foi publicado tres meses antes do seu falecemento. Neles, tanto falaba da actualidade cultural galega como tamén de outras cuestión, como viaxes, gastronomía ou amigos.

A devoción de Fernández del Riego pola palabra tivo a súa tribuna durante décadas en La Voz de Galicia, xornal que, en 1963, apoiou a súa proposta de crear o Día das Letras Galegas.

O último espazo expositivo recolle a imaxe dun home xa convertido no referente intelectual de Galicia, pero tamén a de unha persoa moi querida, que amosaba nas páxinas do xornal, en numerosas entrevista, un perfil máis humano e, as veces, retranqueiro.