A praza da Princesa recolle o labor xornalístico de Fernández del Riego

Jorge Lamas Dono
jorge lamas VIGO / LA VOZ

VIGO

XOAN CARLOS GIL

La Voz de Galicia ofrece unha exposición sobre a súa relación co intelectual

17 may 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

O Día das Letras Galegas é unha data intimamente relacionada con Francisco Fernández del Riego xa que el foi o seu creador alá polo ano 1963 cando logrou que a Real Academia Galega puxese en marcha a súa idea. Así que hoxe é un bo momento para achegarse á praza da Princesa de Vigo e coñecer un pouco máis deste home sobre quen se reconstruíu a estrutura cultural galega despois da guerra civil.

Nesta praza, ao carón da Casa Galega da Cultura, onde tantos anos traballou don Paco, se pode descubrir a vinculación existente entre o intelectual galeguista e La Voz de Galicia, xornal co que colaborou durante 67 anos. A exposición, que se pode ver ata o sábado, consiste en catro cubos informativos que percorren a vida de Francisco Fernández del Riego e a prolongada relación que mantivo con La Voz de Galicia. A través de fotografías, páxinas do xornal cos seus artigos ou as entrevistas que concedeu, a mostra permite achegarse a unha faceta que Del Riego sempre tivo como fundamental na súa actividade intelectual, que foi a de escritor de periódico.

Para La Voz, o escritor foi unha firma de referencia, que exercía o poder da palabra dende a tribuna que lle brindaban as súas columnas no diario. O xornal recoñeceu a importancia da súa traxectoria outorgándolle en 1994 a súa máxima distinción periodística, o premio Fernández Latorre, un intre que recolle o primeiro cubo da mostra.

A seguir, a exposición continúa cunha aproximación aos difíciles anos da posguerra, nos que Francisco Fernández del Riego tivo que empregar o pseudónimo Salvador Lorenzana para asinar os seus artigos. Eses textos contribuíron tamén á reconstrución do galeguismo na posguerra, e que xerou fitos como a celebración do Día das Letras Galegas, de cuxa primeira edición, en 1963, La Voz deu cumprida información.

O terceiro dos cubos aborda como ningún tema lle resultaba alleo a Francisco Fernández del Riego, que trataba cuestións de lingua e literatura, pero tamén de historia ou gastronomía, o que fala da súa altura intelectual e mais da amplitude dos seus intereses.

Por último, a mostra péchase con algunhas das entrevistas que La Voz lle fixo ao escritor, no que reflexiona sobre o seu traballo pero tamén amosa a súa cara máis humana.