«Os nenos do Xabarín Club foron unha xeración perdida para o galego»

Bibiana Villaverde
bibiana villaverde VIGO / LA VOZ

VIGO

Oscar Vázquez

Interpretou a Viki o vikingo, o detective Conan ou Chichí na serie Dragon Ball. «Os actores de dobraxe non dobramos a boca, senón os ollos dos personaxes»

14 oct 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Din que a memoria sonora é a última que se perde. A ciencia foi capaz de demostrar que quen xa non recorda o seu nome, si reacciona ás melodías da súa xuventude. Por iso, escoitar a voz de Teresa Santamaría (Vigo, 1965) sabe a bocadillos de mortadela naquelas horas de merenda cun porco bravo que conectaba aos nenos, simultaneamente e por tempo limitado, a un universo de fantasía cando non se empregaba o concepto anime. «Foi moi especial. Foron uns anos tolos de traballo, pero anos dun descubrimento cultural e sociolóxico. Creabamos soños e fantasías para os nenos e para nós». Hoxe Santamaría e o elenco de actores de dobraxe desa xeración xa son pais e avós, pero seguen agardando noticias da creación da Iniciativa Xabarín, aprobada por unanimidade no Parlamento galego no 2021, para devolver aos nenos a posibilidade de «medrar na súa cultura e a súa lingua».

Empezou coa dobraxe no ano 1988, «como digo eu, facendo as mareas, porque é unha profesión con altibaixos». Asegura que lle resulta imposible recordar todos os personaxes, entre os que se atopan a intrépida Chichí de Dragon Ball, a intelixente sobriña do doutor Gadget, a voz de Viki o Vikingo ou Conan, do detective Conan. Aparte dos debuxos, tamén deu voz a Ron Weasley en Harry Potter. «É unha lástima que non se soubera reter aos nenos da xeración do Xabarín Club. Foi unha xeración cautiva daquela televisión e tamén unha xeración perdida, porque despois de aqueles anos, non se lles souberon dar máis contidos en galego e acabaron marchando. Penso que foi algo deliberado».

Aquela xeración busca hoxe ese estímulo lingüístico para os seus fillos, nenos con dominio gramatical da lingua, segundo os estudos, pero que non usan o idioma. «Aquel programa no que os nenos agardaban que saíra a súa foto no seu aniversario foi un elemento normalizador da lingua. Os idiomas axudan a medrar, e cando cho quitan, algo de ti morre. Hoxe custa atopar nenos para dobraxes que dominen o idioma galego». Lamenta, ademais, as poucas posibilidades de ter estreas nos cinemas en galego. O presente do oficio vén hoxe marcado pola dobraxe en galego para plataformas como Disney, Amazon Prime ou Netflix. «En Galicia temos un soporte que é a TVG2. Por que non empregalo?». Anima a buscar series en galego como O Poder dos aneis, «está moi ben feita, moita xente non sabe que pode ver produtos de calidade na súa lingua».

«Se se fala da dobraxe, malo»

A dobraxe é unha arte descoñecida para o público xeral. «Somos os irmáns pobres da interpretación». O traballo consiste en traducir a expresións autóctonas os diálogos universais. Ródase a tempo real, fronte a un monitor coa peza audiovisual e co guión traducido na man. «Cando chegamos ao estudio non sabes o que vas dobrar. O director explica as características psicolóxicas de quen vas interpretar, e temos que imitar, o máis fiel posible». É unha destreza, «unha técnica», que ten moito de empatía e sentimento. «Nós non dobramos a boca, dobramos os ollos. Pero si que tes que meter o texto na boca do personaxe, facer pausas, ser habil coa sincronía e ter un absoluto dominio da lingua». Aquel «Seica estás bébeda, Sue Ellen», de Dallas, é unha icona e un exemplo de que a dobraxe pode elevar a obra orixinal. «Somos un colectivo ignorado porque o noso traballo está ben feito cando non se fala de nós. Se ao acabar unha película falas da dobraxe, malo».

Pódese ser boa actriz de dobraxe sen ter unha boa voz? Para Santamaría máis importante que a materia prima é saber usala. «Nós somos imitadores, pero podemos salvar películas. Hai actrices de dobraxe ás que lles resulta moi doado facer cine ou teatro porque teñen algo que lles falta a moitos actores, o dominio da voz». A día de hoxe non hai escolas de dobraxe, un oficio que se aprende en cursos técnicos. Esta profesional cre que debería desenvolverse unha formación máis específica. «Cando me din de facer unha proba a alguén sempre digo que si, porque quero ver que hai aí. Un actor de dobraxe se forma traballando, pero debería haber escolas específicas».

Iniciouse no oficio nun deses cursos. Inscribiuse mentres estudaba oposicións para mestra, despois de cursar maxisterio. Non exerceu nas aulas, pero ensinou galego a milleiros de nenos. «Non adoitan recoñecerme, pero si que me sorprendeu unha vez que estaba nun concerto de Sondeseu, onde son cantante e pandereiteira, e se me achegou unha parella para preguntarme si era a voz de Conan». Hoxe cumpre 58 anos, pero a súa voz segue a sonar a infancia. «Sempre interpretei nenos e seres mitolóxicos con voces agudas, pero agora que son maior, xa me chaman para facer a voz das mamás deses nenos», di como brincadeira.

A SÚA CANCIÓN FAVORITA

«Luka», de Suzanne Vega. «Son cantaruxeira e pandereiteira en Sondeseu, calquera canción do grupo me encanta, pero escollín esta porque fala dos malos tratos infantís e de xénero, unha lacra que temos que erradicar. Recordo cando a escoitei por primeira vez, na casa onde vivía, no barrio vigués de Canadelo Baixo».