A «foodtruck» de Galicia sabe amar axuda aos pescadores de Redondela, que esgotaron os produtos da ría
30 ago 2024 . Actualizado a las 08:58 h.Desfrutar do produto da ría sempre é unha bendición. Se é de balde, aínda máis. Ontde, os veciños de Cesantes e Redondela deron boa conta dos pinchos gratuítos que ofrecía a foodtruck de Galicia sabe amar, a campaña da Consellería do Mar que pretende pór en valor a actividade de pesca e marisqueo e concienciar sobre a versatilidade do produto do mar, así coma da importancia de incluílo na dieta habitual.
Un dos catro vehículos que o programa ten dispoñibles para xirar pola comunidade presentouse en Cesantes para servir arredor de mil racións de catro propostas diferentes: croqueta de queixo de San Simón, coroada cunha mousse de sardiña e pemento do Couto confeitado; mexillón galego DOP sobre panipuri (pan crocante indio) recheo de hummus de fabas de Lourenzá; bruschetta de pota encebolada con queixo do Cebreiro; e ameixa vermella con mollo verde. Unha oferta gourmet pola que os visitantes agolpábanse.
«Levamos dende as dez da mañá sen parar de facer pinchos, vén xente todo o rato», comentaba Carlos Suárez, o chef para a ocasión. Decenas de bañistas e veciños achegáronse para catar as creacións e ditaminar a súa favorita. «Este da croqueta non estaba tan mal», afirmaba Enrique Carballo, veciño de Redondela. «O invento este da ameixa coa salsa… Tereille que pedir a receita para facelo eu», dicían entre risas un grupo de señoras da zona.
Os degustadores non foron os únicos beneficiados da visita de Galicia sabe amar. Tal e como promove no seu obxectivo, a campaña axudou a visibilizar a confraría de pescadores local, San Xoán de Redondela, que aproveitaba a chegada da foodtruck para comezar unha campaña de venta directa de produto na lonxa. Grazas a isto, o pósito conseguiu vender os máis de 50 quilos de sardiña, xouba e xarda dispoñibles en tempo récord. «Foi demasiado ben, pescamos máis do habitual e aínda así conseguimos vendelo todo en hora e media», comentaba Nisi Otero, patroa maior da confraría que, acompañada de Manuel Pereira, vicepatrón primeiro e representante da pesca a flote, e Manuel Vidal, representante de artes menores, vía como se desenvolvía con éxito unha das primeiras campañas da súa política de recorte de gastos e incremento de vendas.