As Lavandeira de San Simón, as pioneiras que honran a memoria

La Voz VIGO / LA VOZ

VIGO

XOÁN CARLOS GIL

Primeiro equipo feminino de fútbol gaélico de Vigo, homenaxea co seu nome as mulleres resilientes da illa na Guerra Civil

04 dic 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

As Lavandeiras de San Simón foi un grupo de mulleres que axudaron, desinteresadamente, aos presos da illa levándolles comida e roupa limpa durante a guerra civil. Ese alcume dá nome agora ao primeiro equipo feminino autoxestionado de fútbol gaélico que nace en Vigo e que xa está a competir na liga galega. «Queriamos facer memoria e honrar ás mulleres disidentes e solidarias que na Guerra Civil se ofreceron para dar alento e acougo a un montón de presos do franquismo que se viron despoxados a liberdade na illa de San Simón por defender ideas progresistas e esas mulleres eran as lavandeiras», comenta Alejandra Gómez, tesoureira e xogadora da nova entidade.

As Lavandeiras empezaron a ter vida pouco despois de que o Independiente, o club de fútbol do que formaban parte, lles comunicase que a súa disciplina non tiña cabida esta tempada. «Dixeron que o fútbol gaélico ía desaparecer, entón tiñamos que decidir unirnos a outro club de fútbol que nos quixera, desaparecer ou montar un club nós de 0 e a mediados de verán empezamos a movernos», comenta Alejandra. A última foi a vía elixida e decidiron converterse «no primeiro equipo feminino autoxestionado de Vigo». E entón tocou escoller nome, facer todo o papeleo para constituírse en club buscar adestradores (David Díos Ferro e Ismael Pereira Martínez), e principiar unha campaña de captación xa que só quedaban seis do curso pasado. «Fomos a universidades, achegámonos clubs deportivos e agora mesmo temos 22 fichas». Todo, poñendo cartos do seu peto.

Crowdfunding en marcha

A día de hoxe, xa contan con varios patrocinadores e onte mesmo puxeron en marcha una campaña de crowdfunding —o enlace está na súa conta de Instagram (@lavandeirasfg— para pagar os campos de adestramentos. Teñen cedido polo Concello de Vigo o campo da ETEA para un día á semana tiveron que alugar o do Colexio Montecastelo para outro. En total, esperan recadar 2.900 euros dun presuposto global de 5.000 para o primeiro ano.

No aspecto deportivo, disputan unha liga galega «ten moito nivel» e xa van pola segunda xornada de liga con outras tantas derrotas «pero hai que ter en conta que máis da metade son nenas que están aprendendo a xogar». O seu arco de idades vai dos 18 anos da máis nova ata os 47 da veterana.

Lonxe do que se puidese pensar, non son o fútbol tradicional nin o rugbi os deportes de procedencia das xogadoras das Lavandeiras de San Simón. «Moitas non veñen de ningún sitio», aclara Alejandra, pero outras chegaron de disciplinas tan diferentes como «o baloncesto, do balonmán.. ata temos unha de taekuondo». En canto as calidades que debe ter unha xogadora, comenta que «é importante que teñas tiro para marcar gol ou tirar a paus, é importante correr, e ter estratexia, pero non hai un perfil definido de xogadora».

Todo, para practicar un deporte que segundo a directiva das Lavandeiras, «aos ollos da xente pode parecer un deporte máis ou algo similar ao fútbol», se ben o que a ela máis lle chamou a atención son os sentimentos que nacen. «As Lavandeiras é casa, seguridade, sentir calor, apoiarnos entre todas, é como unha gran familia». Unha casa que segue aberta á chegada de novas xogadoras: «Nunca sobra xente e nos encantaría que cantas máis lavandeiras mellor». De cara ao vindeiro ano, non descartan acudir a súa primeira cita internacional.