Lorena Pérez: «Vai ser a miña primeira vez na nova Sangriña e faime moita ilusión»

MÍRIAM V. F. VIGO / LA VOZ

VIGO

SPORTING LA RIOJA

A ex capitá cumpre a súa terceira tempada en Logroño, onde é feliz

27 feb 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Lorena Pérez Alonso (Salceda, 1991) vive a súa terceira tempada no Sporting La Rioja, o equipo que apostou por ela cando o Guardés decidiu non ofrecerlle a renovación. Este sábado, por primeira vez, retorna á Sangriña, onde o líder espera a un equipo rioxano inmerso na pelexa pola salvación. A xogadora galega, para quen é un partido especial, di que van sen presión, sabendo que as rivais son favoritas, e cre que iso pode beneficiar ao seu equipo.

—Van case tres anos xogando fóra de Galicia. Como está sendo esta etapa?

—Vin coa idea de vivir unha nova experiencia e estou moi contenta aquí. E iso que os resultados non acompañaron o primeiro ano e baixamos, pero estou moi a gusto, cóidanme un montón, trátanme moi ben e temos moi bo vestiario. No seu momento, tiña aquí unha compañeira que coñecía e sabia que era un club serio, que funcionaba ben, buscaba esa estabilidade dentro de que era a primeira vez que saía de Galicia e quería certa seguridade, non vir a cegas.

—Imaxinab quedar tanto tempo?

—Non, pero cando baixamos ofrecéronme un traballo que podía compaxinar, sempre me deron moitas facilidades e era importante ir incorporándome ao mundo laboral, non perder tempo nese sentido. Aínda non me vexo retirándome, pero necesito ter un futuro pensado para cando remate de xogar. Aquí ofrecéronme e case non son consciente do tempo que levo, pasa rápido.

—Así que o aspecto laboral foi clave para quedar malia o descenso.

—Si, pero ademais, eu son moi competitiva e quería loitar por ese ascenso. Tampouco me parecía ben marchar cando as cousas van mal, pois penso que é cando máis hai que arrimar o ombreiro.

—Iso último tamén se pode aplicar á situación actual.

—Si. Sálvanos que empezamos ben a primeira volta, pero é certo que levamos agora sete derrotas consecutivas. Forma parte do deporte, ás veces pesa a inexperiencia na categoría, son rachas. Creo que no momento no que saquemos un partido adiante, vai cambiar completamente. Temos plantilla para competir e non descender. Penso que vai saír. Depende de nós. Quedan tres partidos importantes ante rivais que están por debaixo de nós.

—Que lle parece o sistema de competición?

—O play-off paréceme moi atractivo para xerar máis público e facelo máis interesante, pero ao play-down non acabo de atoparlle o sentido, porque te metes aí, pero acumulas os puntos e un pode chegar con moitos máis ca outro rival, un ten posibilidades e o outro non. Está claro que empezar de cero non premia o traballo de todo o ano, pero tampouco te premia no play-off ou no play-down. Non entendo moi ben o sistema, e menos este ano, que o último descende directo e o que queda noveno non xoga nada. Creo que non está ben formulado.

—Tendo en conta as respectivas dinámicas, é a visita á Sangriña misión imposible?

—Sabemos que imos xogar contra o líder, que está nunha racha incrible e xogando moi ben, pero tamén sabemos que non é o noso rival. Entón, creo que ás veces, non ter esa presión, non ir con esa sensación de que hai que gañar si ou si, pode xogar ao noso favor. Son elas as que poden ter esa presión de que somos inferiores ou estamos por debaixo na táboa. Imos competir, sabendo que a liga está moi tola, que o Xixón vén de gañar en Canarias, exemplo de que pode pasar de todo.

—Na ida só lles gañaron de dous.

—Si, foi un deses partidos, como moitos que levamos, nos que o facemos moi ben durante 50 minutos e escápase nos últimos dez. Falta terminar ben os partidos.

—Segue sendo especial para vostede volver á Sangriña?

—Moito e, de feito, vai ser a primeira vez na nova Sangriña, porque no meu primeiro ano, estaban coa reparación e xogamos en Tui. Faime moita ilusión, teño moitas ganas de ver á xente, de vivir o ambiente, que sempre é espectacular. Nervios teño como en calquera partido. Sempre digo que o día que non os sinta, deixarei de xogar ao balonmán.

—No persoal, si que estará contenta coa súa aportación.

—Si, as cousas están saíndo. Xa pasei un pouco esa primiera barreira dos nervios e inseguridade que tes polo feito de que, coa túa experiencia, todo o mundo agarda algo de ti. Este ano estou asentada e encóntrome moi ben.

—Como valora o momento do balonmán galego, co Guardés líder e o Porriño, onde tamén xogou, avanzando en Europa?

—Estou feliz. É moi bo para o noso deporte, para todos, que estean na situación na que están, que se fale deles, que estean competindo a ese nivel, pelexando por gañar títulos.

—Ve a algún deles levantando un título esta tempada?

—Tal e como está a liga, pode pasar de todo, está moi igualada e cada fin de semana hai resultados inesperados. Sen ir máis lonxe, houbo equipos que parecían fixos na Copa da Raíña e quedaron fóra. A liga está moi emocionante este ano e por que non soñar, hai que facelo sempre.

—Cando saíu do Guardés dicía que valorara a retirada. En que punto está agora?

—Son a que cando chega a pretempada sempre digo que é o meu último ano, que xa estou cansa, pero a verdade é que me encanta este deporte, estou gozando un montón en Logroño e teño todas as condicións, co traballo, para seguir un ano máis. Fisicamente, o corpo está aguantando, atópome moi ben e seguramente siga. Teño moita morriña, porque me encanta Galicia, son moi familiar e aquí falta o mar, pero teño boa calidade de vida.