
O pianista e a mezzosoprano Nuria Lorenzo mostrarán nun concerto comentado a faceta musical do escritor de Nantes
19 mar 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Antes aínda de ser un escritor de sona, Xulio Verne desenvolveu unha labor importante como letrista musical. Os vigueses terán hoxe a oportunidade de coñecela nun concerto comentado, titulado Xulio Verne e a música, incluído no Fórum 2025 que organiza o Instituto de Estudios Vigueses. Será ás 19.30 horas, no salón de actos da Escola Municipal de Artes e Oficios (García Barbón, 5), e terá por protagonistas a Alejo Amoedo, pianista e doutor en Música pola Universidade Politécnica de Valencia e membro numerario da Real Academia de Belas Artes e do Instituto de Estudios Vigueses, e á mezzosoprano Nuria Lorenzo.
—¿Explíqueme este título?
—Xulio Verne non compoñía a música, pero si foi un letrista de cancións. Todo o repertorio que imos facer céntrase na súa primeira etapa como letrista, e está vinculado ao compositor Aristide Hignard. Os dous naceron en Nantes e, aínda que se levaban seis anos, foron moi amigos. Tamén coincidiron despois en París. Verne escribiu letras para outros compositores, pero elixín a Hignard porque a amizade é moi importante e ademais este compositor chegou ser director do Conservatorio de París.
—¿Cal é o repertorio que interpretarán?
—A selección musical está composta por unha obra titulada Dafne, baseada na mitoloxía; sete pezas incluídas dentro das Rimas e melodías, obra publicada en 1857, cando aínda non tiña ningún libro publicado; e imos finalizar coa primeira letra que fixo, Os gavieiros, unha canción marítima do ano 1847, cando tiña 19 anos.
—¿Como o definiría dende o punto de vista musical?
—Está inmerso no gusto da época, presidida polo romanticismo. Son pezas de bo gusto, moi sensibles e refinadas, moi acordes co estilo romántico entón en auxe no centro de Europa. É un estilo que dá prioridade aos sentimentos fronte á razón. Todas as cancións, agás Os gavieiros, que é unha canción de ánimo aos mariñeiros, teñen o amor como elemento común. Ademais, é o amor en todas as súas variables, pero sen dramatismo. Podemos dicir, polas súas composicións, que foi unha época feliz para Verne. Unha delas está dedicada a quen sería a súa esposa.
—¿Fixo as letras á marxe do compositor musical ou en colaboración?
—Todas as pezas que compuxo estaban feitas para musicar. Se non as fixeron ao mesmo tempo, el e Hignard, si obtivo o visto bo do compositor para que a música fixese xustiza a súa poesía. Verne estábase entón formándose. Eu entendo agora por que fai ese despregue de nomenclaturas, de personaxes; está baseada no coñecemento musical, e non do reducido ao me gusta ou no, senón de coñecementos prácticos. El tocaba o piano e procedía dunha familia educada na música. Nos ambientes burgueses, a música formaba parte da vida diaria, non era unha actividade só de lecer. Tamén é importante lembrar que entón non existía a gravación.
—¿Esta recoñecido o labor musical de Xulio Verne?
—Nos ambientes musicais si se coñece esa relación con Hignard. Que eu saiba, estas pezas se fixeron en Madrid anteriormente. Compositores, como o amigo de Verne, tiñan unha obra moi ben feita e cubría espazos, especialmente de salón. Estas cancións graváronse en Francia cando foi o centenario do pasamento de Verne.
—¿Como conseguiron estes materiais?
—Está en formato dixital na Biblioteca Nacional de Francia, pero é horrible. Ten moitísima letra, nun idioma francés poético do século XIX. Tivemos moitas dificultades, especialmente Nuria porque é quen ten que cantar o texto. Houbo que buscar unha tradución para saber que carácter darlle en determinados momentos. Ademais, é unha música de versos que se repiten varias veces. Que eu saiba, pode que en Galicia se fixera algunha vez. Eu centreino no primeiro do primeiro para que tivera un sentido, porque eran tamén os seus inicios literarios.
—¿Como vai ser a mecánica do concerto?
—Haberá unha proxección da tradución dos primeiros versos da canción para que os espectadores podan situarse. Non queremos proxectar toda a tradución porque queremos que a xente escoite a música e o canto. As veces, a música e os versos non teñen por que ser entendidos totalmente. Unha vez que sabes de que vai a historia é mellor centrarse na música. Antonio Giráldez falará da figura de Xulio Verne. Pola miña banda, só porei en contexto o seu labor como letrista e o ámbito das cancións e da relación do piano co texto.
—¿Foi tamén moito traballo para Nuria Lorenzo?
—Si, e estoulle moi agradecido. Adaptar as letras foi complicado porque unha nota pode levar dúas palabras, entón hai unha acumulación de texto moi grande. Hai que encaixar perfectamente a letra. E logo está a pronunciación que non é exactamente igual cando se canta que candos e fala. Ademais, é un concerto exclusivo porque, de momento, non haberá máis.