Unha Porta Aberta ao teatro vigués, a historia dun grupo que vai de Brincadeira

Pedro Rodríguez Villar
Pedro Rodríguez VIGO / LA VOZ

VIGO

Xoán Carlos Gil

A compañía comezou o seu camiño hai 31 anos na Escola de Idiomas e son os encargados de representar o heroísmo de Bouzas na Reconquista esta fin de semana

09 may 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

As novas historias que Porta Aberta conta nos teatros nacen á beira do mar de Bouzas. Ensaian no ático do edificio da asociación de veciños Doutor Xosé Casas, situado en pleno paseo. Son, dalgunha maneira, o grupo de teatro da parroquia que foi concello propio. Por iso, dende hai catro anos, vístense de gala para recuperar a voz de Cayetano Parada, alcalde de Bouzas cando chegaron os franceses, e das irmás Reyes, heroínas da Reconquista, cunha representación teatral na Festa da Brincadeira, que comeza mañá en Bouzas. «Para nós é un orgullo poder contar esta historia nun evento tan bonito», explica o director de Porta Aberta, Pablo Fernández. Non dubidaron en aceptar a tarefa que lles propuxeron hai catro anos nas asociacións José Casas e Amigos da Historia. «Fixemos un intenso traballo de arquivo e así saíu esta representación que mestura historia con humor», continúa Pablo. A representación desta edición da festa será o sábado ás 18.30 horas no entorno da igrexa de Bouzas. «Os últimos dous anos actuabamos na Alameda, pero nesta ocasión cambiamos». Ademais, a banda sonora da actuación correrá a cargo da Banda de Gaitas, Cornetas e Tambores Ría de Vigo.

Porta Aberta é de Bouzas, pero a súa historia comeza na outra punta da cidade: no Calvario. En 1994 un grupo de alumnos de cuarto ano da Escola Oficial de Idiomas decidiu pechar o curso representando unha obra de teatro. Alí comezou a historia de amor e amizade de Porta Aberta. O nome non é casualidade, vén da idea de facer a compañía «un lugar común para todas as persoas que quixeran gozar do teatro», explica Pablo. Así o decía unha das fundadoras, Froiña García, «alma mater» de Porta Aberta e a súa directora ata 2013.

Tamén na Escola de Idiomas, Pablo Fernández descubriu o grupo que sería a súa casa. «Entrei no 1999 e aquí sigo en 2025», conta o que hoxe é o director. El xa tivera algunha experiencia teatral, pero atopou en Porta Aberta un lugar no que poder crecer facendo o que máis lle gusta. Os integrantes do grupo foron facéndose maiores xuntos e, quizais, «ese é o truco para poder manterse activos durante 31 anos», indica Pablo. «Coñecémonos moi ben, compartimos pasión e tamén hai grandes doses de paciencia e entendemento», continúa.

Porta Aberta tamén forma parte da historia recente do teatro afeccionado na cidade. Foron das primeiras compañías en representar a Vigo na Federación Galega de Teatro Afeccionado (Fegatea) e estiveron presentes naqueles incios da que é hoxe a Agrupación de Centros Deportivos e Culturais de Vigo. Tamén viron nacer a escola municipal e a Escola de Arte Dramático de Galicia en Navia. Son, en definitiva, unha porta aberta á historia e ao presente do teatro vigués.

Tres días de festa

A programación da Festa da Brincadeira comeza hoxe ás 19.00 horas con varias actuacións musicais. Mañá as actividades continuarán ás 12.00 horas e haberá distintas actuacións musicais e de animación ata as 20.30 horas. O domingo os postos abrirán de 11.30 a 21.30 horas. Destaca na programación a terceira edición do concurso de Traxes de Época que comeza ás 13.00 na igrexa.