Teresa Conde-Pumpido: «Hai xuíces que durmen moi ben, eu dinlle moitas voltas a moitos casos»

VIGO

De todas as cousas que se poden herdar, legáronlle o amor polo dereito. «Unha cousa é que un xuíz teña ideoloxía e outra que non sexa capaz de ser neutral ao aplicar a lei»
22 jun 2025 . Actualizado a las 03:15 h.Ser xuíza foi, no seu caso, un acto case subversivo. Todos na familia agardaban que, cando Teresa Conde-Pumpido (Pontevedra, 1951) marchara cursar Dereito a Santiago, acabara a carreira e se fixera fiscal. Non quixo. Foi primeiro avogada e logo, xuíza. «Escollín o Dereito Social porque me permitía diferenciarme do meu pai e dos meus irmáns, fíxome moito máis libre». A maxistrada, de fortes conviccións feministas, xubilouse no ano 2023 da súa tarefa na Sala do Social do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, nun acto de homenaxe ao que acudiu o seu irmán Cándido Conde-Pumpido, agora presidente do Tribunal Constitucional. «Moitos me preguntan como lle vai e como está». Na xubilación, ela segue activa organizando o Ciclo de Pensamento e Debate do Ateneo Atlántico.
No seu fogar, nacíase practicamente coa lei na man. Sen embargo, o país no que o pai e avó exerceron como xuristas pouco tiña que ver co que ela viviu dende o estrado durante os anos de exercicio. Tamén axudou a mudalo. Fíxose primeiro avogada. «Ao principio pensaba que era máis sincero estar dun lado so», argumenta. Comezou a traballar no despacho ata que decidiu dar o paso á política nas primeiras eleccións municipais trala ditadura, no ano 1979, labor que compatibilizou coa defensa dos seus clientes.
Foi unha das primeiras concelleiras do Concello de Vigo baixo as siglas do Bloque Nacional Popular Galego, con Manuel Soto como alcalde. «Había un compromiso de transformación, de loitar contra a ditadura, de acadar dereitos democráticos. O traballo municipal é un dos máis fermosos». Logo fíxose xuíza, converténdose na primeira muller en impartir xustiza na familia. «Tiña unha curmá fiscal. Meu pai, que tamén era fiscal —foi tenente fiscal do Tribunal Supremo—, tamén me animaba a selo por ese papel que se nos atribuía ás mulleres de defender os dereitos dos nenos e de outras mulleres». Non entraba nos seus plans, ela escolleu ser xuíza, «no momento en que me din conta de que podía comprender ben as dúas posturas nun conflito».
O seu primeiro destino como xuíza foi Tenerife, no ano 1994, labor que tamén desenvolveu en Pontevedra e Vigo. «Hai xuíces que dormen moi ben, pero eu dáballe moitas voltas a algúns casos. Os asuntos máis complicados téñoos levado a durmir, a darlle de comer aos nenos e aos paseos. Darlle voltas axuda a dar coa mellor solución. Non sempre estás seguro de si as testemuñas dixeron a verdade ou mentían... Non sempre está tan claro cal é a solución, pero cando dás con ela, quedas con certa tranquilidade», reflexiona. Foi tamén presidenta do Consello Consultivo de Galicia e fixo historia ao converterse na primeira muller en ocupar o cargo, entre os anos 2008 e 2014.

Poder dedicar tempo a pensar e balancear non sempre casa cunha xustiza saturada que ten agora moitos outros problemas, pero a maxistrada segue a botar de menos a profesión. «Cando estiven no Consello Consultivo, foi un labor moi interesante, pero tiña ganas de volver ás sentenzas. Impartir xustiza é resolver conflitos, buscar unha fórmula para rematar unha controversia e dar cunha solución. É unha grande satisfacción».
A xustiza está sendo máis xulgada que nunca na opinión pública. «O debate actual paréceme triste, pero recoñezo que hai actuacións de xuíces que me resultan incomprensibles. Unha cousa é que un xuíz teña ideoloxía e outra que non sexa capaz de ser neutral na aplicación dunha lei, que aínda que non che guste, hai que aplicala. A situación actual preocúpame intensamente e hai procedementos que non entendo». Impartir xustiza ten moito de humano, explica, pero sen obviar a boa praxe. «A lei non ten unha única interpretación, pero tes mecanismos para consultalo e defender o que tes que aplicar».
En pleno debate sobre o proceso de selección de xuíces que está enfrontando ao sector co Goberno pola incorporación dunha proba escrita xunto coa tradicional proba oral, a maxistrada discrepa: «Ás veces leo resolucións xudiciais e vexo que algúns compañeiros non saben redactar. Non se pode ser xuíz e escribir sen que se entenda. Se aprendes un tema e o vomitas nunha proba oral, non sabemos como razoas». Para ela o problema principal é a regularización dos substitutos.
Nas xuntanzas dos Conde- Pumpido cada vez se fala menos de leis e máis dos netos. Os apelidos pesan, pero o persoal e o afectivo é o que impera. «Na casa quen resolvía conflitos era miña nai, que non tiña nada que ver co dereito. «Eu o quero deixarlle á neta e aos fillos é que sexan bos, cariñosos e honestos no persoal e no intelectual». A grande lección que ela recibiu do pai tampouco foi lexislativa. «El formaba a moitos opositores. Díxome que para estudar a carreira de Dereito non precisaba ir a Santiago, que podía estudar a distancia, pero que debía ir para aprender a vivir». Legáronlle o amor polas leis e a certeza de que a vida non está escrita en ningún manual.
A súa canción favorita
«Hoxe, mañá e sempre», de Tanxugueiras e Valeria Castro. «É unha canción de despedida. No último tramo da vida fas ese exame: que fixeches, que vas deixar. É unha canción reflexiva que di que o que fixeches é o que hai e ogallá poidan dicirche que foi dabondo para o que necesitaban os teus, e que valeu a pena».