Grupos de Guadalupe, Macedonia e Canarias con A Buxaina en Coruxo

La Voz

VIGO

M.MORALEJO

O campo do Coruxo F.C. en O Vao acolle o Festival Folclórico Internacional que organiza o grupo etnográfico

28 jul 2025 . Actualizado a las 05:05 h.

Hoxe ás 21.00 horas • Campo de Fútbol do Coruxo F.C. • Entrada libre • O Grupo Etnográfico A Buxaina de Coruxo celebrará, o próximo luns 28 de xullo, o seu Festival Folclórico Internacional no campo do Vao. O acto comezará ás 21 horas mais a apertura de portas das instalacións do Coruxo F.C. será ás 20.30 horas. Trátase dun acto anual que A Buxaina organiza en colaboración co Centro Recreativo Artístico e Cultural de Coruxo (CRACC) e que ten como obxectivo principal dar a coñecer as expresións culturais doutros recunchos do mapa. Esta diversidade contribúe a fortalecer a cohesión social por medio das músicas, bailes e traxes típicos dos países que pisarán o escenario.

O Folclórico Internacional de Coruxo, popularmente coñecido como FIC, é un festival creado xa en 1990 polo Grupo Etnográfico A Buxaina, converténdose así nun festival pioneiro en Galicia. Mostra disto son as elevadas cifras de asistencia nas edicións desta última década que teñen como media os 2.000 espectadores. Este ano conta coa visita de grupos chegados dende Guadalupe (Viard Nouvelle), Macedonia (Ensemble Nikola Vapcarov), Gran Canaria (Agrupación Folclórica Farallón de Tábata) e, o propio grupo anfitrión, Galicia (Etnográfico A Buxaina de Coruxo). O colectivo ten varios cometidos destiandos ao rescate do folclore e diferentes formacións, por exemplo, un grupo de pandereteiras novas.