«Para loitar contra os incendios hai que apostar por outra xestión forestal»

Pedro Rodríguez
pedro rodríguez VIGO / LA VOZ

VIGO

CELE RODRIGUEZ

Carla Pérez, veciña de Salceda e axente forestal, leva anos enfrontándose aos lumes en toda Galicia

12 ago 2025 . Actualizado a las 01:17 h.

O mércores á tarde, mentres traballaba na extinción do incendio de Xaviña (Camariñas), Carla Pérez (Salceda de Caselas, 1981) recibiu a noticia de que o monte do seu pobo estaba ardendo. Volveron as imaxes daquel terrible outubro do 2017. De como armaron unha brigada no concello para tratar de salvar as casas dos veciños. «Rematei a xornada e vin traballar para Picoña», lembra. O incendio declarouse no monte da parroquia, moi preto das casas, e calcinou 91 hectáreas. «O lume ascendeu por aquí con moita forza», conta desde a ladeira que baixa aos fogares. «Neste intre, o dispositivo o que ten que facer é traballar en crear un perímetro e tratar de evitar que o fogo se expanda sen control», continúa. Ela, como axente forestal, ten que entender a dinámica dun incendio e do territorio para combátelo. Son, na maioría das ocasións, os que coordinan a todos os dispositivos de extinción sobre o terreo.

Este é o primeiro ano que Carla exerce como axente forestal, pero leva outros tantos loitando contra os lumes. O primeiro traballo da súa vida foi como brigadista en Salceda en 2005. «Estaba estudando a carreira e quería gañar uns cartos mentres aprendía a profesión», lembra. A axente forestal comezou como peón. «Nunca me esquecerei do primeiro incendio que vivín. Foi en Santa María, aquí en Salceda. Era de noite e foi chegar e dos nervios non sabía nin que ferramentas coller», lembra entre risas. Daquela, «como lle pasa a todos os que empezan», pensaba que o primeiro que había que facer cando vía o lume era ir directamente a apágalo, «pero é máis importante parar, entender como funciona e actuar da mellor maneira». É algo que aprendeu tras anos de experiencia.

Carla sempre tivo claro que quería adicar a súa vida á natureza e ao monte. Tamén cando vivía nun piso no centro de Salceda ou ía ao seu Parderrubias natal. «A miña materia favorita no instituto eran ciencias naturais», di cun sorriso. Cando houbo que elixir tratou de decidir entre ser enxeñeira forestal ou bióloga. Decantouse pola primeira. Cinco anos de carreira que aproveitou para estudar tamén en Lisboa e en Chile, unha viaxe que lle marcou. Alí aprendeu moitas cousas da vida e, tamén, dos bosques. Chile é un dos países máis afectados polos lumes nos últimos anos. «Eles tamén teñen un problema coa expansión do eucalipto», indica. «Ademais, gran parte da xente que loita alí contra o lume son voluntarios. O que fai que todo sexa moito máis precario. En Galicia, pola contra, hai grandes profesionais que formamos un moi bo equipo», continúa.

Carla está convencida de que a clave para loitar contra os lumes está «en apostar por outra xestión forestal». Insiste en que os montes de Galicia teñen unha gran riqueza que está desaproveitada pola explotación do eucalipto e o abandono rural. «Temos que diversificar os seus usos. Facer entender a xente que o monte pode aportar riqueza e que hai que apostar por el», continúa. Outra xestión, para ela, tamén aforraría moitos cartos que se destinan a extinción dos lumes. «Oxalá chegue un día no que se gasten máis diñeiro en prevención que en extinción», continúa. Este é o traballo que desenvolve como axente forestal ao longo do ano e no que axuda aos propietarios a ter montes máis seguros fronte ao lume.

«Como sociedade tamén temos que ser conscientes que nos vindeiros anos imos enfrontarnos a incendios cada vez máis perigosos e intensos polo cambio climático. As condicións que se deron en 2017 son máis comúns hoxe», continúa. Este prognóstico supón que «debemos que ver o noso monte de forma máis profunda». Carla opina que hai que tomar decisións coas parcelas de particulares e fomentar ideas como a do banco de terras ou o das aldeas modelo e, ademais, lembra que «non podemos simplificar todo en que hai grandes mafias contra os incendios. Polo que sabemos a maioría dos incendios provocados son debido a veciños que queren limpar as súas fincas ou que queren danar a unha comunidade o a outros cidadáns», continúa. «Simplificar todo provoca que non debatamos sobre a xestión forestal, que é o máis importante para protexernos contra o lume».

Durante a súa carreira, Carla tamén traballou en hostalaría, en animación infantil e incluso foi concelleira de Salceda, pero «o que máis me encheu foron os meus tres anos na brigada forestal de Nigrán», conta. «Alí volvín namorar do monte. Souben que isto era o meu», insiste. Ela foi unha das creadoras do parque forestal Os Matos-Río Táboas que promove o Concello. Un espazo que naceu sobre o ardido en 2017 e que conxuga varios usos distintos do monte. Ademais, na súa estancia en Nigrán, Carla tamén coordinou un proxecto agrícola en Cabo Verde co apoio do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade

De onde vén

O seu primeiro traballo? meu primeiro traballo foi como brigadista forestal en Salceda cando estaba na universidade no 2005. Tamén axudaba á miña nai no seu traballo nos veráns. Ela inculcounos o valor do traballo duro.

A mellro viaxe? Chile. Alí aprendín a vivir coa súa «buena onda» e a transmitila.