
Salvaterra acollerá o evento o venres e o sábado 5 e 6 de setembro
02 sep 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Em galego somos nós é o lema baixo o que se desenvolverá a edición 37 do Festival da Poesía no Condado, que este ano ampliará a súa programación ao venres 5 e o sábado 6 de setembro. Na primeira xornada haberá xa poesía da man do colectivo Versos de Area. Participarán no primeiro recital, a partir das 22.00 horas, Iris Abril, Aurora Ramilo, Sonia Melón, Pilar Alonso, Tensia Bautista, Mar Míguez e Tere Rios. A parte musical do venres contará coa participación de ST e Matafame, o novo proxecto de Silvia Mella e mais Adrián Riveiro Rodríguez, o Cuarteto Caramuxo, e Marqués de Vilapodre Dj Set.
O sábado, a programación irá da mañá até a madrugada, e comezará cunha baixada de embarcacións tradicionais polo Miño. Os xogos tradicionais terán presenza con campionatos de billarda, chave e fútbol gaélico.
No ámbito da poesía, ao longo de toda a xornada, estarán Silvia Penas, Samuel Merino, Paco Barreiro, Neves Rodríguez, o Leo Arremecághona, Daniel Salgado, Sílvia Mota Lopes, Aurora Abelairas e Candela Piñeiro.
No apartado musical estarán Dakidarría, a rapeira e MC Nadie González, a música tradicional portuguesa con bases electrónicas de Omiri, o hip hop de Hugo Guezeta e a música de raíz de Xosé Lois Romero e Aliboria. Pechará a xornada o Dj Marqués de Vilapodre.