Ana Gontad: «O éxito do audiovisual é unha carreira de fondo que comezou nos anos 80»

Bibiana Villaverde
bibiana villaverde VIGO / LA VOZ

VIGO

XOÁN CARLOS GIL

A experta en cinema reivindica políticas culturais estables para que a arte galega siga acadando éxitos e xere público. «Facemos que a xente viva o momento, que fuxa da voráxine»

19 oct 2025 . Actualizado a las 03:37 h.

O algoritmo non ten nada que facer con Ana Gontad (Portas, 1979). A experta en cinema ten criterio propio fronte ao estreitamento cultural ao que conducen as seleccións automáticas das plataformas de streaming e as redes sociais. Gontad pon en práctica esta solvencia cinéfila dende a dirección do ‘Cinema a Pedal’, igual que fixo primeiro como programadora e logo como directora do ‘Primavera de Cine’ e tamén dende o equipo de ‘Cineuropa’, do que formou parte. Cando non está escollendo obras da sétima arte, traballa como programadora na Cidade da Cultura, a onde se despraza cada día dende Vigo. «O meu traballo consiste en manter a calma fronte a velocidade na que vivimos hoxe en día. Facer que a xente viva o momento e fuxa da voráxine actual», explica.

Entre os seus múltiples méritos está o de poñer a pedalear a ducias de persoas cada verán en Nigrán no ‘Cinema a Pedal’. Importou de Uruguai estas sesións nas que os espectadores son parte activa e teñen a responsabilidade de darlle ao pedal para que o proxector funcione. Dez bicicletas conseguen xerar enerxía suficiente para as sesións nocturnas ao aire libre. De feito, fórmanse colas de espectadores ansiosos por facer rodar a dinamo en Esteiro da Foz. «É un ambiente familiar. Escollemos películas nas que as bicicletas teñen un papel esencial na trama», explica a directora e impulsora deste proxecto, único en España.

Galicia estará nos Premios Óscar con ‘Sirat’ e Pontevedra acollerá a gala dos Premios Feroz por segundo ano consecutivo. As producións galegas son cada vez máis apreciadas e tamén o bo facer de directores e técnicos. «O talento galego é imparable. O éxito actual é unha carreira de fondo. Dende os anos 80 se promoveron políticas de apoio ao cinema e naceron as escolas audiovisuais. Temos grandísimos técnicos de fotografía e son. ‘Romería’ e ‘Sirat’ son unha boa proba do pulso do noso cinema».

Son tempos de boa colleita para unha programadora cultural. Galicia suma premios nacionais de narrativa, danza, poesía e artes escénicas. «Vivimos nun momento precioso. As Administracións públicas teñen que facerse cargo deste momento e axudar a que perdure». Non o di en vano, ela mesma viviu a desaparición do Primavera de Cine en Vigo. As plataformas de streaming están a xerar traballo como nunca nunha comunidade autónoma que é xa un grande estudo de rodaxe. Sementando, recóllese, insiste, e tamén permite cultivar público. Ao que ela se dirixe na Cidade da Cultura é ao público familiar. Programar no Gaiás é un reto pola singularidade duns espazos arquitectónicos que non están pensados para as artes escénicas. «É un desafío moitas veces adaptarte ao espazo, pero buscamos os ocos para que as pezas se poidan desenvolver», explica. 

Libros e cinema

Gontad tamén é experta na historia do cinema e ten estudado a fondo as peculiaridades de adaptar libros a grande pantalla. «Fascíname como, dunha historia común, poden xurdir historias moi distintas. Traballei moito para a miña tese un libro de Cortázar que se chama ‘Libro de Manuel’, partindo dese libro, Jean Luc Godard levou ao cine a historia nunha obra que se chamaba ‘La Chinoise’. Son tramas moi distintas. Penso que si unha película é demasiado literal ao libro, perde todo o encanto». Ao contrario do que di a intuición.

Tiña poucos anos cando se sentaba os sábados pola tarde na casa dos avós, en Portas, para ver películas como a mítica ‘Jasón y Los Argonaturas’ e fascinarse cos monstros animados de Ray Harryhausen, un dos mellores técnicos de efectos especiais, precursor da animación. Educou a retina dende nena, tamén no patio de butacas. «Lembro ir cos meus pais a ver ‘Superman’. Foi a primeira película que vin no cine». Ir a unha sala hoxe é case un acto subversivo. Cando Ana Gontad era nena era un luxo do que desfrutaba coa súa nai que tamén é unha grande afeccionada a o sétimo arte. A día de hoxe, seguen a organizar xuntas ciclos domésticos.

Ana Gontad tamén é tía e, como tal, encárgase de estimular ás novas xeracións fronte a grande pantalla. «Creo que a película que máis veces vin foi ‘Beetle Juice’, de Tim Burton. Visioneina preto dunha ducia de veces, por min e polas miñas sobriñas». Segue a frecuentar salas como os Multicines Norte, en Vigo, aos que asiste con frecuencia. De nena, visitaba o Cinema Avenida, en Caldas, que segue en activo. «É unha xanela a outras vidas, permite meterte nos zapatos doutras persoas», reivindica.

Gontad é tamén unha experta na cultura vegana. Foi unha das promotoras da feira ‘Vegana.gal’ que se celebrará en Vigo o 25 e 26 de outubro. «Temos unha cultura gastronómica moi rica, chea de elementos vexetais. Na feira tamén teremos arte, con Eva Casáis. Teño que dicir que nisto do mundo vegano pasa como na cultura, nunca deixas de aprender e sorprenderte».

A súa canción favorita

«Altair» de Mäi. «Encántame esta canción, é moi doce e ten un toque melancólico. Vai sobre añoranza, pero ten un punto moi positivo, un xeito de extrañar a alguén pero que, en certo modo, sempre está aí. Hai unha grande creatividade en Galicia, e as redes sociais facilitan que se coñeza fora o que se fai».