«Sendo redeira gañas coma nunha fábrica e tes traballo para a vida»

Bibiana Villaverde
bibiana villaverde VIGO / LA VOZ

A GUARDA

XOAN CARLOS GIL

Cando Marina Álvarez era nena, as «atadeiras» cosían nas chabolas dos mariñeiros. Hoxe fan artesanía, cotizan e teñen salarios dignos, pero lles falta relevo xeracional

01 feb 2022 . Actualizado a las 00:59 h.

Decoradores e clubes deportivos chaman ultimamente á porta da nave do peirao de A Guarda onde traballa Marina Álvarez (A Guarda, 1961). «Hai pouco lle fixemos unha rede para un albergue de peregrinos, tamén separadores para un altillo, e nos piden redes para campos de tenis ou porterías». As mans desta redeira tamén fan alta costura, pezas co selo de Artesanía de Galicia: «Facemos fulares, bolsos, colgantes e xoias, e o facemos como facemos as redes. Á xente lles sorprende, son pezas diferentes».

As redeiras están a vivir o rexurdir dun oficio tradicional que Álvarez mamou na casa familiar. Criouse compartindo a infancia coas mulleres redeiras que cosían no baixo da súa vivenda, na chabola, onde se reparaban as redes do barcos dos seus pais. «As nenas xogabamos polo medio das redeiras, incluso nos daban agullas. Aprendiamos a facer un buratiño e a atar. A min gustábame o ambiente da chabola». Os pais querían que fixera contabilidade para levar as contas do negocio familiar pero, aínda que empezou os estudos, nunca exerceu, «non me gustaban os números», aclara. Marina Álvarez empezou a atar redes aos 14 anos, tras deixar a escola para armar aparellos.

O oficio ten mudado moito, pero segue sendo esencial. As «atadeiras» —como se lles chama en A Guarda ás redeiras— xa non son as mulleres dos mariñeiros, que facían as labores da casa a toda presa para poder coser as redes. Agora teñen Seguridade Social, cotizan e son autónomas, con horarios flexibles que permiten conciliar. «Hoxe é un oficio, gañas coma nunha fábrica e tes seguro. Agora temos traballo todo o ano e estabilidade. É unha oportunidade para a xente nova que tería traballo para toda a vida. Van os mozos preguntar para traballar en Vigo e Porriño e aquí non ven preguntar ninguén». Unha frustración que queren combater ofrecendo cursos para que a xente teña un primeiro contacto co oficio. A formación complementaríase cun curso de especialización de 300 horas na escola de profesionais do mar A Aixola, en Marín. «Hai poucas redeiras e os barcos van seguir saíndo ao mar, as redes vanse seguir facendo. A xente nova que queira, ímola preparando. Nós tivemos que loitar moito porque A Guarda era un pobo de redeiras e todo o mundo sabía facer as redes. Tivemos que saír a buscar traballo a outras rías, ir barco por barco, armador por armador. Agora temos as naves cheas de redes e nos estamos xubilando». Nos últimos anos, en A Guarda, téñense incorporado dúas mulleres de 40 e 28 anos que, tras facer a formación, xa traballan no peirao co resto das redeiras. Aínda así, segue habendo ocos libres. «Somos seis pero eramos dez cando creamos a asociación. Falta relevo». De decembro a marzo toca coser as redes de lamprea para o río Miño. «Armamos e atamos, como son de fío duran varias campañas. Tamén estamos montando redes do cerco».

Unha gran «rede» social

Álvarez é a vicepresidenta da asociación Atalaia, un colectivo que leva anos defendendo os dereitos do oficio. A loita que queda agora pendente é conseguir o coeficiente redutor para a xubilación. «Temos que traballar ata os 67 anos e é un pouco duro que, a esa idade, teñamos que coser sentadas no chan, cando veñen as redes do cerco, ou dobradas, movendo pesos de 50 kilos. Pedimos un coeficiente redutor, como o resto de traballadores do mar, todos o teñen, ata os que traballan nas oficinas das confrarías. Só quedamos as redeiras». As mans destas mulleres evidencian as peculiaridades dun traballo artesán no que a única ferramenta é unha agulla e bo facer das profesionais. «Teño moitas compañeiras que empezaron de nenas e teñen os dedos retorcidos, con artrose. Son moitos anos traballando e estamos cascadas. Eu teño 60 e non me imaxino sete anos máis».

A súa é unha dobre loita: hai que pelexar para acadar a igualdade no sector do mar pero tamén para visibilizar un oficio que, coma tantos outros, quedou sempre silenciado. «A xente mira os barcos e no último que pensa é nas redeiras». Pero non só hai redeiras, o oficio tamén conta con homes que cosen redes, aínda que eles traballan máis no ámbito industrial, con grandes aparellos. Nos peiraos, é un oficio feminino.

É precisamente nas naves das redeiras onde se ganduxa, puntada a puntada, o día a día destas profesionais. Porque ao compás das agullas, mentres atan e fan obxectos de artesanía, tamén se fala da vida, dos problemas, das alegrías e das penas. «É un ambiente familiar, somos nais, avoas, contámonos as cousas. Cando chega o traballo, repartímolo entre todas, e nos apoiamos cando algunha ten un problema. Ás veces discutimos, porque todas temos moito carácter, eu a primeira, pero enseguida se nos pasa. E cando ven alguén novo, rapidamente o acollemos». A expresión rede social acada, aquí, outra dimensión.

 A súa canción favorita

«O son do Ar», de Luar na Lubre. «Esta é unha canción moi galega. Escollina porque cando chego ás sete da mañá a traballar, o peirao está baleiro. A esa hora só se miran os coches dos mariñeiros aparcados, e non se escoita nada. O único que se escoita dentro da nave é o son do vento».