O auditorio catoirense acollerá a reprodución de balde do filme «As Neves»
AS NEVES

O Concello prepara unha fin de semana de conmemoración da lingua galega
09 oct 2025 . Actualizado a las 18:44 h.A concellería de Cultura de Catoira prepara unha fin de semana dedicada á posta en valor do idioma galego coa proxección o sábado 11 do filme As Neves e a celebración o domingo 12 da xornada Re-galeguízate. Ambos eventos serán de entrada libre ata completar o aforo.
As Neves é unha longametraxe en lingua galega da directora viguesa Sonia Méndez estreada no ano 2024. Relata a desaparición dunha rapaza no municipio de As Neves tras unha noite de festa no monte cos seus amigos. A vila vese afectada por unha nevarada que deixa aos veciños incomunicados mentres tratan de atopar a extraviada. A proxección terá lugar no auditorio municipal a partir das oito da tarde. Trátase da primeira cita dun ciclo de cine no noso idioma impulsado polo Concello e que pasará outras tres películas antes do final de ano.
O domingo será o día do Re-galeguízate, que comezará as doce e media coa representación da obra de teatro infantil Brincadeiras da lingua, de Migallas Teatro, que mediante xogos e cancións tratarán de divulgar entre a rapazada a ampla riqueza e variedade do refraneiro popular galego.
A partir das seis e media da tarde, no auditorio, será a quenda da representación, a cargo de Sarabela Teatro, de Made in Galiza, peza orixinal de Sechu Sende. Unha peza, pensada para un público máis adolescente, que reflexiona sobre a situación actual do noso idioma e do impacto que ten a perda de falantes sobre a sociedade galega. O autor estará presente en Catoira e trala obra manterá e dirixirá un coloquio cos asistentes, do que tamén formará parte a tiktoker Sara Seco, no que se compartirán e debaterán experiencias propias en torno ao emprego do galego.
O edil de Cultura, Raúl Gomez, explica que mediante estas iniciativas buscan «coidar en poñer en valor a nosa lingua» e impulsar o uso do idioma entre toda a poboación do municipio, particularmente entre a mocidade.