«O percebe das mulleres agardaba ata que se vendía o dos homes»

Bibiana Villaverde
bibiana villaverde VIGO / LA VOZ

BAIONA

M.MORALEJO

A patroa maior de Baiona, Susana González, recorda as normas que rexían hai vinte anos. Das 22 confrarías da provincia de Pontevedra, elas están ao fronte en cinco

28 dic 2019 . Actualizado a las 12:52 h.

«Cando no 2003 me posicionei como presidenta da Agrupación do Percebe, nos dicían que lle iamos roubar o traballo dos homes, que iamos ao mar para gañar para mercar cremas e que eles ían para manter ás súas familias. Todas esas cousas xa deixaron de existir». A mesma garra que ten Susana González (Baiona, 1969) para enfrontarse ao mar na procura de percebes, lle serve para mudar un sector no que as mulleres seguen sendo minoría nos cargos de representación. A provincia de Pontevedra é a que ten máis delas dirixindo ás confrarías, son cinco fronte a 22 homes. «Teño compañeiros que non son nada machistas pero aínda queda camiño por andar. Os primeiros anos desta loita foron moi duros: As mulleres pagaban unha cota máis alta que os homes, se lle cobraba un tanto por cento sobre as vendas máis alto que aos homes. O percebe das mulleres se poñía nunha mesa aparte e ata que se vendía o dos homes non se poxaba por el. As mulleres solo podían coller tres kilos e os homes, cinco kilos. Era penoso», lamenta González.

Nunha familia de catro irmáns percebeiras, non cabe a discriminación. Fillas de percebeiros e netas de percebeiras, o seu pai quería ter un fillo para mandalo ao percebe. Foron catro fillas e todas elas adicadas a este crustáceo. Unha delas xa está retirada pero Susana, Isabel e Lala seguen en activo, faenando cada día. Unha xornada adicada tres horas e media a saír ao mar, ao que se suma a selección do percebe, e pola tarde á lonxa. Belén, a máis pequena, xa non pode traballar. Un golpe de mar lle provocou secuelas importantes nun brazo. A historia desta familia chamou a atención da cadena de televisión pública británica, a BBC, que enviou a un reporteiro para coñecer a historia das tres mulleres do mar.

Na confrarías do sur da provincia a maioría dos percebeiros son mulleres: «Eu son da parroquia de Baredo, alí sempre houbo moitas percebeiras, igual que na confraría de Baiona. Xunto con A Guarda, somos as dúas de Galicia onde máis mulleres percebeiras hai». Susana González explica como as mulleres da súa terra sempre traballaron arreo, sendo pilares fundamentais da economía doméstica. A súa familia é un bo exemplo: O seu avó marchara a guerra e as avoas buscaban o sustento tanto na terra como no mar, isto incluía ir ao percebe. Herdar o oficio é un motivo de orgullo pero tamén de preocupación. Cando os pais deixaron de faenar pasaron a sufrir, na casa os días de mala mar, vendo como as fillas saían á procura do sustento con inclemencias meteorolóxicas. «Eles sofren porque saben o que hai, eles xa o viviron». O pai faleceu hai uns meses. Sobreviviu ao mar pero non puido repoñerse do golpe que lle causou un coche que o tirou da súa moto.

«Sentín que a vida acababa»

Esta campaña de Nadal está sendo complicada para os percebeiros. Os continuos temporais deste outono menguaron as capturas e os ingresos. A semana pasada, tocou faenar en Baiona con ondas de sete metros e a auga a 13 graos de temperatura. «Eses días pasas medo porque, nun segundo, todo pode cambiar», confesa. Ela mesma chegou a temer pola súa vida. «Eu recordo unha ocasión que pensei que se acababa todo. Un golpe de mar que me levou, un golpe tremendo, era unha zona complicada e non conseguía saír… Estaba eu e a miña irmá Isabel. O que nos salvou a vida é que estabamos agarradas a un cabo que estaba suxeito a terra. Eu non soltei o cabo por nada da vida, e coa outra man agarraba a miña irmán. Non nos soltamos unha a outra e os compañeiros tampouco nos soltaron. Así conseguimos saír».

A historia repítese periodicamente, outras veces con menos fortuna. No 2016 perdeu a vida un compañeiro duns 50 anos, Manuel Acuña. «O temporal nos fai traballar con máis tensión e, ás veces, de xeito temerario. Todo mundo sabe onde están os percebes, nas zonas máis expostas e todos queremos aproveitar a campaña porque son os días de venda que nos aguantan o resto do inverno», recoñece. Este Nadal o percebe acadou prezos de 300 e ata 400 euros o quilo. Un custo desorbitado tamén para quen os recolle: «Con ese prezo, na nosa mesa de Nadal hai calquera cousa menos percebe, son prezos prohibitivos para traballadores de a pé. Deixamos os percebes para que os coman outros máis pudientes. O menú que non falta na nosa mesa nas festas é o bacallao».

O oficio de percebeiro é duro e longo. A xubilación chega tarde para moitos. O coeficiente redutor é de 0.10 isto significa que, como moito poden reducir un ou dous anos. Faenar con 65 anos é difícil: «A maioría non chega a esa idade, hai moita reuma, artrosis, rotura de osos... Non son idades para saltar ou correr polas pedras».

 

«El sexo débil», de Jaime Camil. «Dende a primeira vez que escoitei esta canción, quedei namorada dela, xa que fala da maioría das mulleres coas que trato a diario, e me parece que nos describe tal como somos as loitadoras desta sociedade que nos toca vivir. Fala das mulleres de agora, das do pasado e as do futuro».