![](https://img.lavdg.com/sc/TLPZN5HJCXWSOHXlIk2r8QrDsXY=/480x/2020/07/17/00121594997342356276245/Foto/PACHO.jpg)
O avogado e escritor ourensán Xosé Manuel Pacho Blanco lembra as anécdotas estivales na vila pontevedresa
20 jul 2020 . Actualizado a las 05:00 h.Ourense é un lugar espléndido para vivir, sobre todo no verán. En calquera fotografía dos termómetros estragados do centro da cidade, Concordia, Subdelegación, Alameda, veremos sempre unha temperatura de máis de corenta grados, e un sol gamberro que non nos deixa ata que chega a noite, momento no que podemos gozar das famosas noites tropicais ourensáns. En fin, que as escusas para marchar de Ourense no verán son tan boas como para marchar no resto do ano, pero con calor, e non falo de política, porque entón deberíamos marchar máis lonxe.
O caso é que a miña familia dende que eramos pequenos, fuxía como alma que leva o demo. Marchabamos á Cangas do Morrazo, onde nos atopabamos con máis exiliados ourensáns, que gozábamos do mar e da praia con ese pracer que só os que non estamos todo ano vivindo a carón do mar podemos experimentar. Alí, antes, como agora, mesturabámonos cos madrileños, para formar parte da tribo dos jodechinchos un cariñoso apelativo (dixen cariñoso apelativo?) co que nos alcumaban os indios do lugar (dixen os indios do lugar?). Despois confraternizabas con eles, e convertíaste nun indio máis que criticaba aos que viñan de fóra, coa lexitimidade de levar alí veraneando no meu caso dende cativo.
Eses veráns daban para moito, para anécdotas inverosímiles como aquela vez que un veciño do noso edificio tiroulle pedras a un alcalde de Cangas que, cabreado, foi porta por porta preguntando quen fora. Para descargo do meu veciño direi que as pedras eran moi pequenas e el, o alcalde, cos anos deixou a política e fíxose hippy. Lembro tamén outro verán que ía pola praia e comezou a xente a dicir que había un cantante que baixara do barco e estaba na praia de Rodeira, rodeado de mulleres e de escoltas. Achegueime por curiosidade, e para o meu desgusto, eu era un adolescente con demasiadas expectativas, o cantante resultou ser Julio Iglesias, e non me pareceu para tanto. O que me leva a outra curiosa historia, foi xustamente nun bar de Cangas onde me tomaron as medidas da miña toga de avogado que agora tamén é toga de profesor universitario. Quique Gavilanes, un amigo do meu pai, resultou que tiña en Madrid a xastrería máis importante de togas do país, e veraneaba na vila dende os sesenta, así que un bo día, achegueime ao bar onde estaban para que me tomase as medidas, mentres se queixaba do seu Atlético de Madrid.
Neses veráns en Cangas coñecías xente de todos os lugares, e o carácter da veciñanza tamén marcaba. Nas vilas de mar, os de interior aprendemos ese descaro propio de territorios que foron saqueados polos viquingos, polos turcos e, nos últimos tempos, polos invasores de verán, ata en tempos de coronavirus.
Cos anos, os amigos de verán convertéronse en amigos, e os escenarios vacacionais, en espazos permanentes. Eu agora que vivo entre Ourense e Vigo, con parada e fonda en Cangas, percorro coa miña memoria eses lugares e eses personaxes. Pasaba alí o verán, ata que en setembro volvía a Allariz ata que comezaba o colexio, pero iso é outra historia.
«En Pompeya ía tanta calor que pensei que estaba na Alameda»
Co tempo comecei a viaxar fóra, e so podía aproveitar a penas o verán, e comparaba a calor de Ourense coa doutros lugares. Na época na que ía os veráns a Italia, ao sur, Nápoles, Sorrento, Positano, sentía a calor, pero carai, non tanto. Unha vez si, un Ferragosto en Pompeya ía tanta calor, que pensei que estaba na Alameda. Outra vez en Marrocos, parecido. Foramos dende Fez ao deserto, e facía unha calor como a de onte, pero era o Sahara. Tamén pasei calor en Cidade de México polo bochorno no mausoleo de Trotsky, e pola humidade en Bombai, que facía que se che empañasen as gafas ao saír á rúa. O gracioso é o que nos dous últimos anos convidáronme a ir á universidade a Arxentina, en agosto, que alí é inverno. Lembro a sorpresa da miña xente, o ano pasado, cando lles dixen que un dez de agosto estaba nevando en Mar del Plata. Entrementres, ese Ourense tórrido abafaba pola calor, coma sempre.