David Amor: «A obra é un decálogo do que non se debe facer como turista»

Jorge Lamas Dono
jorge lamas VIGO / LA VOZ

CANGAS

Miguel souto

O cómico de Salceda estará en Cangas o sábado coa peza teatral «Go Home»

22 ene 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

O Auditorio municipal de Cangas ofrecerá o sábado, 25 de xaneiro, ás 20.00 horas, a comedia Go Home, dirixida por Tito Asorey. As entradas pódense mercar en ataquilla.com a partir de 13,80 euros. David Amor (Salceda de Caselas, 1980) deixa momentaneamente os monólogos para compartir escena con Josito Porto nesta comedia sobre o turismo.

—Gústalle viaxar?

—Si, viaxo moito polo traballo, así que é case unha obriga.

—E como turista?

—Por iso fixen a obra, para tratar de ser un bo turista. Creo que se pode enmarcar como un decálogo do que non se debe facer como turista.

—Aínda que se prodiga como cómico, non é habitual velo nunha obra de teatro con outro autor. Como se sente?

—Si, sendo comedia, é bastante distinto ao que fago habitualmente. Aquí estamos a falar dun thriller de humor negro. É complicado falar dela porque ten moitos xiros e o que mellor a define pasa cando sae o público de vela. Din: «Non che podo contar nada, pero tes que ir vela». Son dous tipos que están nas antípodas, un turista e outro que non o é, e dende aí vaise desenvolvendo unha serie de circunstancias. A mellor crítica que recibín foi dunha amiga da miña irmá, que foi ao teatro sen durmir moito, e ao final dixo que non puido desconectar do que pasaba no escenario. É unha obra trepidante, cunha dirección moi audaz por parte de Tito Asorey e cun Josito espectacular. Cando unha obra se escribe pensando nos actores que a van realizar fai que todo o traballo sexa máis redondo.

—O tema é moi actual. Antes había gañas de recibir turistas, pero agora pasa o contrario.

—Si. Ademais é curioso polo modo en que o pensou Tito Asorey. Empezou todo no 2019, antes da pandemia. Despois cando pasou todo e estabamos pechados en casa parecía que o asunto quedaba pasado de moda. E resulta que pasou a pandemia e aínda volveu con máis forza. Foi moi visionario na forma de presentar o tema.

—Posiciónase o texto ante o problema?

—Non, non trata de sacar conclusións, pero si toca moitas problemáticas e xera moito debate ao final da obra. Eu pensaba nun principio que o texto tomaba partido, pero só era a miña percepción, porque cada un que sae do teatro percibe algo distinto. Creo que a obra está moi ben escrita no sentido de que ten moitas capas e é entretida. Sempre hai quen sabe ver más alá. Tito quería facer unha obra na que as persoas habituais do teatro atopáranse cómodos véndoa, pero, ao mesmo tempo, quen quixera introducir nesta arte que non se sentisen raros e que gozasen tamén. Iso é moi difícil, porque é como telo todo, pero creo que está moi conseguido.

—Evolucionou a obra dende a súa estrea?

—Non, porque comezou moi traballada. Tito é moi meticuloso e foron dous meses, todos os días, de nove da mañá ás tres da tarde traballando o texto. Cando se estreou xa levabamos máis de dez pases completos. Foi tamén por unha cuestión de ser honrado co público. A min, iso de que os espectáculos vaian medrando, a verdade é que non me gusta; os espectáculo teñen que estar ben o primeiro día porque para que algo estea moi ben non cabe a improvisación. Neste caso, todo estaba moi claro e nós empezamos con moita seguridade.

—Notan dende o escenario diferentes reaccións do público dependendo se é nunha zona máis saturada de turística ou non?

—Si se nota máis no debate posterior, pero durante a obra non porque pasan moitas cosas que manteñen a atención.

—En Cangas acuñaron o termo fodechinchos para referirse a eses turistas indesexables. Haberá máis sensibilidade co tema?

—É un termo que non só é de Cangas, pero si é certo que alí este asunto ten unha sensibilidade grande e queren regular o asunto, porque non pode valer calquera cousa. É un dos sitios onde vaise recibir moi ben a obra, van entendela moi ben e creo que a súa tendencia vai ser moi clara.

—Ten novos proxectos?

—En paralelo, sigo cos meus monólogos, algo que me enriquece moito, pero tamén teño que desenvolver outras disciplinas para que repercutan nesa. Go Home permanecerá todo este ano en xira por Galicia, e incluso, estamos valorando a posibilidades de levala fóra de Galicia.