Alberto González: «Estamos nunha liga profesional pero as estruturas dos clubs son amateur»

X. R. C. VIGO

CANGAS

XOAN CARLOS GIL

Alberto González fala das esixencias que ten que atender o Cangas e no deportivo, non ten dúbida que farán un equipo competitivo e divertido

09 jun 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

O Balonmán Cangas pechou unha etapa cunha permanencia tranquila e agora xa planifica o cambio de ciclo. Alberto González, o seu presidente, espera un equipo competitivo, que manteña a súa filosofía malia a que nove xogadores abandonan a disciplina dun plantel ao que chega Quique Domínguez como adestrador tras seis tempadas de Nacho Moyano á fronte do equipo.

—Que avaliación fai da tempada?

—Bastante boa. Estivemos ata o final, coma sempre, pero a diferenza dos últimos anos salvámonos na penúltima xornadas sen pasar polo play-out. Creo, ademais, que fixemos un balonmán agradable e en todos os partidos fomos competitivos, marcamos moitos goles e acabamos cunha bagaxe so de -8 goles sendo o cuarto máximo goleador da liga.

—Nalgún momento pensaron en algo máis ca permanencia?

—Non, para nada. O noso obxectivo sempre é estar un ano máis en Asobal e neste caso nunca se desviou. É certo que fixemos un balonmán moi bonito, pero sabemos onde estamos.

—Agora toca un ano de cambios.

—Cambio de adestrador, nove xogadores foron baixa no equipo por diferentes circunstancias e haberá caras novas, o que significa un cambio de ciclo. Agardamos que a adaptación sexa rápida. Confiamos en Quique Domínguez, que ten moita experiencia a nivel Asobal e viviu bastantes cambios. Nós somos un club que intentamos manter o groso do equipo pero, por circunstancias, este ano non foi posible. Seguro que o estilo de xogo variará polo cambio de adestrador, pero a filosofía do club vai ser a mesma, apostando por xente nova con proxección.

—Canta xente continúa?

—Repiten os dous porteiros da casa, Mateo e Javier Fernández, os tres extremos (Aron Díaz, Arnau e Gallardo), Santi López, Quintas, Martín Gayo, Gael Blanco e Martín Fuentes.

—Como levan o paso cara a unha liga profesional que pide a Asobal?

—Pouco a pouco. Cada ano nos esixen máis obrigacións, porque a Asobal está empeñada en facer todo con rapidez, pero eu, nas asembleas, sempre pido que a cousa ten que ser moderadamente rápida. É certo que estamos nunha liga profesional, pero as estruturas dos clubs son amateurs e hai que profesionalizalo pouco a pouco. Aquí o déficit e a diferenza con respecto a cando se fixo a Liga F (fútbol feminino) foi que daquela houbo unha inxección de diñeiro importantísimo por parte do CSD e no balonmán, na Liga Asobal, non é así. É fácil facer unha estrutura nunha entidade se tes unha inxección económica, se non, os recursos dos clubs sofren, aínda que nós fomos aumentando orzamentos nos últimos anos. É paradóxico, porque o CSD foi o promotor de que o balonmán se convertese en liga profesional.

—Que orzamento tiveron?

—Sobre uns 800.000 euros.

—E agora teñen que seguir subindo?

—Temos que facer números, pero con tantos novos, temos que chegar igual aos 850.000; estouno dicindo sen concretar.

—Dicía Nacho Moyano, xa ex adestrador, que deixa outra estrutura de club moi diferente á que se topou.

—Esa é a liña a seguir. O club ten que crecer pouco a pouco, pero o obxectivo é ter cada vez un club máis profesionalizado. Por exemplo, agora melloramos moito o tema das viaxes, que son diferentes ás que se facían antes. Agora imos menos o día de partido, se se pode, viaxamos en avión e deixamos a un lado a furgoneta. Tamén en fisioterapia, con acordos con clínicas da zona.

—Tamén hai obras previstas no Gatañal.

—Hai un convenio da Deputación e o Concello, non sei cando van a rematar, pero nós estamos pendentes dos prazos para ver como nos afecta. Nas proximidades de Cangas, non hai unha pista para xogar algún partido ou incluso adestrar, porque a esixencia da Asobal é ter unha pista azul que existe aquí, e logo e por riba de todo está a masa social. Cada partido en Cangas son 2.000 persoas.

—Os afeccionados son o principal patrimonio do club.

—Ese é o orgullo que temos no club, que dende a primeira xornada ata a última, tivemos o pavillón cheo, a afección séguemos moito e, de feito, somos un espello onde se miran moitos clubs da liga. Imos por aí adiante e vemos moita copia do que estamos facendo.