Tres xeracións de palilleiras de Mos: «Facer bolillos cambioume a vida»

Pedro Rodríguez
pedro rodríguez MOS / LA VOZ

MOS

XOÁN CARLOS GIL

Martín con só oito anos comparte coa súa nai e avoa a arte familiar

07 sep 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Aos seus oito anos Martín Villamandos dediciu coller os palillos que usan a súa nai, Montse Pereira, e a súa avoa, Hilda Troitiño. El creceu da man da súa arte. «Xa ía conmigo a encontros de palilleiras cando estaba na miña barriga», di a súa nai, presidenta das Palilleiras de Mos, con cariño. Este verán deseñaron unha gran roda de bicicleta para celebrar a chegada de La Vuelta Ciclista a España ao municipio o vindeiro martes. A mesa de pedra da súa casa era o seu lugar de traballo. Estaba pintada de fíos e rodeada dunhas palilleiras que, ademais de arte, comparten vida. «Ademais tiñamos tamén a piscina ao lado», lembra Martín con un gran sorriso.

O oficio de palilleira cambiou por completo a vida desta familia. «Facer bolillos cambioume a vida», di Hilda. Ela foi a primera das tres en aprender o oficio. Hai 25 anos, cando tiña 48, impartiron un curso moi cerca de onde vivían e decidiu ir. «Encántoume», di cun sorriso. «Era unha cousa que non sabía que precisaba», continúa. Hilda xa pensara en aprender máis veces, sobre todo despois dunha visita a Camariñas, pero nunca dera o paso. Aquel primeiro día namorou dun oficio que tamén levou para a súa casa. Non moito tempo despois comezou Montse. Xuntas e ao lado dun nutrido grupo de mulleres fundaron o que son hoxe as Palilleiras de Mos, unha agrupación que conta con cerca de oitenta socias e que xa é historia viva do municipio.

Hilda insiste en que este oficio tamén mellora vidas. «Eu son máis feliz dende que aprendín», continúa. «Lembro que tiña uns problemas nas mans que desapareceron cando comecei a palillar», di con orgullo. Cando traballan tamén atopan paz, liberan a mente e respiran nun mundo que cada vez vai máis rápido. «Non sei que tería sido de min durante a pandemia se non tivera aprendido a palillar», continúa. Durante os meses máis duros, nos que non se podía saír de casa, Hilda centrouse na súa artesanía. «Fixen un montón de cousas», lembra. «Estou segura de que sen os bolillos tivera quedado tola». O seu neto asente ao seu lado. «Eu, por exemplo, cando palillo esquezo os nervios dun exame de matemáticas», engade.

Grazas a súa nai, Montse tamén se converteu nunha das palilleiras máis recoñecidas de Galicia. Ela aprendeu o oficio, pero quería ir máis alá. A Hilda gústalle facer abanicos, manteis ou cortinas, pero a súa filla quería explorar con xoiaría, camisetas e pezas como a roda pola que pasarán os participantes de La Vuelta o vindeiro martes. Con moito esforzo e ilusión foron impulsando o traballo dende a súa asociación, facendo cousas novas, obras que xa son patrimonio de Mos e, ao pouco, tamén chegaron os encontros con outras palilleras galegas e as de outros lugares do mundo. «Iso é marabilloso. Coñecemos xente que é tan boa», indica Hilda.

Hai ocasións nas que non falan ningunha lingua común, pero sempre «nos entendemos». Utilizan o idioma das palilleiras, o mesmo que utilizan en Portugal, Polonia ou Hungría. Fixeron amigas por toda Europa grazas ao seu oficio e racharon fronteiras que nunca imaxinaron. «Quen me diría a min que íamos ter unha amiga polaca comendo na casa», di Hilda.

«O peor de todo é que cada vez somos menos», lamentan nai e filla. Moitas das mulleres que empezaron no grupo eran maiores e xa non están. Para elas, sobre todo para Montse, que ten que compaxinar o seu traballo con ser presidenta da asociación, tamén é difícil aguantar. «Hai veces en que pensas en tirar a toalla. Cada vez hai que cubrir máis burocracia para traballar coas administracións e, ademais, tamén é un oficio que algunha vez é ingrato», lamenta. Hilda asente. «Eu tamén lle dixen que tiña que parar algunha vez», continúa. «Malía todo, penso que vale a pena seguir aquí. Ves todo o que fixemos xuntas e é algo para estar moi orgullosas», continúa. Hilda e Martín tamén sorrín.

Ademais, «compartir esta arte en familia é algo que é moi bonito», continúa Montse. O seu fillo e a súa nai están dacordo. «A ver se podo convencer a algún amigo para que se una», di Martín. El é o integrante máis pequeno das Palilleiras de Mos, un grupo que comparte a arte da que namorou toda unha familia.