O ritual máxico que curaba aos nenos nun outeiro cun petróglifo en Nigrán

Pedro Rodríguez
pedro rodríguez NIGRÁN / LA VOZ

NIGRÁN

M.Moralejo

Juan Vázquez conta a historia dun lugar que agocha o monte Castelo

20 jul 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Na ladeira que sube ao Monte Castelo en Camos (Nigrán) hai un outeiro agochado na maleza. Juan Vázquez, comuneiro, camiña facendo oco entre as acacias que crecen sen control. Non se ve ben o que hai detrás da vexetación. «A ver se poden limpar isto. Tampouco é un sitio tan extenso», salienta. Ao pouco que avanza pódese ver un gran outeiro sobre o que se ve todo O Val Miñor. É coñecido como Outeiro dos Martiños. No centro hai un petróglifo que lembra que o lugar ten presenza humana dende hai milleiros de anos. «Este era o lugar no que veciños da zona viñan para curar aos nenos que tiñan algunha enfermidade cun ritual máxico», engade Juan.

O camiño ao Outeiro dos Martiños está tomado por acacias
O camiño ao Outeiro dos Martiños está tomado por acacias M.MORALEJO

O comuneiro descubriu a historia da man dun veciño que, cando a súa nena era pequena, acudira ao lugar para tratar a súa enfermidade. «Viñemos aquí a traballar para plantar unhas oliveiras e, ao ver o outeiro, contoume a historia», lembra. Explica que a nena estaba enferma e que levaban tempo indo de médico en médico para atopar unha cura. Nada funcionaba. «A nena tiña tremores e tamén era somnámbula polas noites», engade Juan. A familia estaba desesperada é a súa bisavoa, que aínda vivía cando a nena era pequena, recorreu a tradición popular para buscar unha solución.

A muller contou que había un outeiro no monte Castelo, recibe o nome dunha fortaleza que desapareceu, probablemente, nas revoltas Irmandiñas, na que se debían levar aos nenos pequenos. Tiñan que deitarse espidos na pedra e os seus familiares debían queimar unha serie de herbas, «non temos claro cales eran exactamente, pero eran aromáticas e de varios tipos, similares as de San Xoán», indica Juan. «Unha vez a queimaban, a muller debía recitar un meigallo para que se cumprira un ritual que soamente se podía facer noite», engade o comuneiro de Camos. «E, finalmente, a nena curou. Non sabemos por que. Cada un que decida», engade.

M.MORALEJO

A lenda, seguramente, veña dalgunha traizón prerromana que se mantivo no tempo grazas a tradición e a memoria oral. Un intercambio milenario que está a rachar nos últimos anos coa morte dos maiores, os seus últimos gardiáns. «Non é casualidade que esta lenda estea nun lugar pétreo, en altura, dende o que se divisa todo O Val Miñor e no que hai un petróglifo», explica Juan, que lembra estes lugares en Galicia adoitaban asociarse a zonas con poderes máxicos ou personaxes mitolóxicas.

Esta soamente é unha historia das moitas que agocha o monte Castelo en Nigrán e Gondomar. Moi cerca do Outeiro dos Martiños está o dos Mouros, no que os veciños de Parada (Nigrán) dicían que se agochaba unha moura cun gran tesouro.