A historia de dous alcumes de Nigrán que se escribe como un conto de Andersen

Pedro Rodríguez
PEDRO RODRÍGUEZ NIGRÁN / LA VOZ

NIGRÁN

XOÁN CARLOS GIL

O comuneiro de Camos Juan Vázquez, explica que hai detrás do nome das familias «Pintora» e «Papanabola» e da súa relación cun tesouro

14 dic 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

O Monte Castelo que une Nigrán con Gondomar agocha moitas historias diferentes, pero moitas teñen como protagonista a unha moura, ser mitolóxico da tradición oral galega, e ao seu tesouro. Ela tamén é a orixe accidental de dous alcumes que acompañaron ao familias de Nigrán hai xa máis dun século. «Esta historia podería estar nun conto de Andersen», di o comuneiro de Camos, Juan Vázquez, entre risas. El coñeceu a historia da man do seu pai un día que o levaba a xogar ao fútbol.

«O primeiro que hai que entender é que antes esa zona do castelo era usada para o pastoreo», explica. Alí, aos pés do Castelo, vivían dúas familias co seu gando e dous fillos. Os pequenos eran os encargados de sacar os animais a pastar polo día e de traelos de volta polas noites. Un día, un destes rapaces, viu no monte que se movía unha serpe (na tradición oral galega as mouras adoitan ser representadas nesta forma) na súa dirección. Juan explica que ao chegar onda o rapaz a serpe falou e dixo: «Neno, se está noite traes unha bóla de pan de millo, ensínoche onde está o tesouro».

O rapaz, ao principio, non deu crédito. Marchou co gando a casa o máis rápido posible para ir falar cos seus pais. Contoulles todo e pediulles permiso para poder ir levarlle a moura o pan de millo, «pero os pais non lle deron crédito e o mandaron ir durmir», continúa. Nos días seguintes, o rapaz volveu subir ao monte e buscou e buscou pola serpe, mais nunca apareceu. Pouco despois, o neno da familia veciña viuna cando o seu gando pastaba. Pasou o mesmo: «Neno, se está noite traes unha bóla de pan de millo, ensínoche onde está o tesouro». Marchou a casa de inmediato, «alucinado».

Os seus pais escoitaron a súa historia e decidiron darlle unha bóla de pan. O neno agardou a noite e levouna a onde atopara a serpe. Nese momento non pasou nada, pero «uns días despois esa familia atopou nunha cova tres carros de ouro», indica Juan. A fortuna e desventura foron coñecidas por todos os veciños de Parada e de Camos que, como pasa sempre nestes casos, decidiron gardar na memoria estas historias con dous alcumes. Os que quedaron co tesouro pasarían a ser coñecidos como os da «Pintora», xa que «lles pintara moi ben todo», mentres que os que quedaron sen nada serían a familia «Papanabola», é dicir, «os que quixeron quedar co pan e quedaron sen nada».

«Esta historia ten estrutura de fábula, ten unha lección ao final», explica Juan, que é ben sabedor da gran riqueza patrimonial e de coñecemento que se agocha nestes contos que foron pasando de xeración en xeración.

O tesouro do Monte Castelo, concretamente do Outeiro dos Mouros, é unha das lendas máis vivas da zona. Cando era pequeno viña sempre por aquí. Saltabamos entre as rochas e entrabamos a todas as covas para ver se había ouro», lembraba o presidente del Centro Cultural Parada do Miñor, David Costas Nande, nesta sección de lendas. Cando el e os seus amigos tiñan tempo libre sempre subían ata os grandes penedos do outeiro porque os seus pais e avós dicían que se escondía un gran tesouro «e nós queríamos ser os que o atoparan», dicía. Eles, a diferenza da familia da «Pintora», nunca puideron atopara o ouro.

Na lenda que contaba David tamén se falaba dunha moura que tiña unha «cama» no propio outeiro. Está nun oco entre en varias pedras nas que, curiosamente, os veciños refuxiaban o gando os días de borrasca. Outra relación directa coa historia do pai de Juan Vázquez.