O sociólogo Santiago González Avión mantén que onde crean problemas as migracións é en orixe. «Basta ler a Rosalía de Castro»
19 nov 2023 . Actualizado a las 05:00 h.Santiago González Avión (Mondariz, 1966) é un pensador, un analista da sociedade, un buscador dos porqué dos cambios sociais, pero que actúa. Faino como sociólogo e como activísimo axente social centrado no respaldo aos migrantes. É presidente estatal da Red Acoge, a federación de organizacións de inclusión social das persoas chegadas de fora, un dos referentes no apoio aos subsaharianos que desembarcan masivamente en Canarias e distribúense por toda España, con Vigo, O Porriño e Sanxenxo incluídas.
Planificador nato, con todo, a vida tenlle saído ao encontro. Faino desde que co seu irmán xemelgo inventaban historias fantásticas nas beiras do río Tea. Alí, a Mondariz, berce da súa nai, chegou o seu pai emigrado de A Arnoia cando Fuente del Val buscaba unha man experta para a embotelladora automática que mercaran os dous socios da marca de augas: Meixengo e Terito, logo considerado pai do contrabando galego.
O seminario de Tui deulle a Santiago González Avión continuidade aos once anos nuns estudos que o acabarían levando ata o chanzo inmediatamente anterior a ser ordenado como cura. O amor abriulle entón outro camiño, aínda que a Igrexa trasladouno a Roma para que o repensase. Meditouno e seguiu os designios que, en vez de a Deus, levábano a Belén, á súa dona. «Namoreime perdidamente», confesa.
Milita no federalismo planetario-universal, o marco propicio de normalización e defensa dos dereitos humanos, tan vital para el como as raíces, a propia identidade, «pero lonxe dos discursos identitarios que abrazan a exclusividade e afastan da universalidade», matiza.
En Roma, mentres pensaba que facer da súa vida, decatouse de que a chegada de migrantes a Europa sería determinante para o seu futuro. Tras traballar desde o seminario coa sociedade xitana, desde o 2012 González Avión dedícase en exclusiva á emigración desde a asociación que dirixe, Diversidades. «Os migrantes forman parte da nosa sociedade de maneira intrínseca e en breve serán galegos de nación as segundas xeracións dos que chegaron aquí, polo que xa non se lle pode chamar inmigrantes», apunta para facer reflexionar. Ten claro que tamén a galega vai ser unha sociedade culturalmente diversa e na que «ou primamos a convivencia coa inmigración ou a intolerancia, non termo medio». Mantén que a sociedade debe estar atenta ás desigualdades que de orixe xéranse en dereitos e oportunidades, o caldo de cultivo base para o fenómeno migratorio, escenario que se completa coas necesidades que as propias sociedades desenroladas como a europea teñen como deficitarias de poboación e man de obra. «Convertémonos en imáns captadores de inmigración que xeran oportunidades para os migrantes», mesmo en países con gobernos intolerantes como Italia, pensa. «Alí, aínda que parte da sociedade manteña que os migrantes son malos, ningún dos votantes de Giorgia Meloni está disposto a renunciar ao traballo deles na actividade industrial ou na economía dos coidados. O que poñen en cuestión é que dereitos lles conceden aos migrantes e que rol lles asignan».
-E que defende Santiago González?
-O meu discurso é defender os dereitos das persoas migrantes, defender para eles un papel activo e a súa diferenza cultural, pero tamén a súa responsabilidade de comprender e adherir os valores dominantes da nosa sociedade sen renunciar aos seus orixinais. Ese é un reto que pode enriquecer tremendamente as nosas sociedades e darlle máis solidez cara ao futuro», di con paixón.
A emigración vai seguir acontecendo, está seguro, polo que avoga por defender os dereitos dos que chegan como unha parte xa da sociedade. «Nós somos mellores porque somos nós», interpreta o sentir ancestral dun medo ao diferente que é tan antigo como a humanidade, ten claro González Avión, non fai falta ter unha cor diferente. «Tendemos a vernos diferentes os de O Porriño cos de Mos», concreta ese tipo de reacción, concedendo incluso que «Galicia -territorio alleo ás grandes chegadas de inmigrantes- ten unha tendencia xenófoba moi acusada, unha aversión ao diferente, pero non é racista, non o é ideoloxicamente, en absoluto. Somos xenófobos mesmo coa parroquia de en fronte». Sen embargo, e pese a loitar día a día, hora a hora incluso polos chegados de fóra, por axudalos a ter unha oportunidade e facer valer os seus dereitos, González Avión ten aprendido que «o discurso ofensivo contra o estranxeiro non hai que culpalo, porque cando se culpa ese discurso acábase culpando ao diferente. Hai que invitar a ver as cousas desde outro punto de vista», terza.
Para el, a inmigración non é un problema. A convivencia produce roces tamén na familia. «Convivir é conflito pero dános outras posibilidades. En cambio cre que crea grandes problemas nos países emisores. Non hai máis que ler a Rosalía de Castro para ver os que xeraba en Galicia».
EN DETALLE
-Primeiro traballo.
-Estiven dado de alta na Seguridade Social como diácono da Igrexa Católica de Tui-Vigo. Estou secularizado desde 1994.
-Causa á que se entregaría.
-Desde a paixón que teño por Galicia, a afacer que esta sociedade sexa aberta e universal para crear dereitos e oportunidades para todas as persoas independentemente da súa orixe.