Un Sigaltec CLB arroupado por máis de 150 afeccionados espertou do soño do ascenso por un Porriño inmisericorde

Pablo Penedo Vázquez
Pablo Penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

O PORRIÑO

<span lang= gl >O adestrador do Sigaltec CLB agradeceulle o grande apoio da afección vilagarciá en Betanzos</span>
O adestrador do Sigaltec CLB agradeceulle o grande apoio da afección vilagarciá en Betanzos MARTINA MISER

Os de Luis Gabín víronse superados pola veteranía e o físico dun rival que xogou ao que quixo: 43-60

26 may 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Viaxaron convencidos de que desta volta, á cuarta fase consecutiva, era posible. Un convencemento que a marea de máis de 150 afeccionados vilagarciáns desprazados ata Betanzos, moitos, xogadores adestrados en distintos equipos da canteira do club polos integrantes do Sigaltec CLB, non fixo máis que reafirmar. Pero finalmente, o conxunto arousán que desde hai cinco anos dirixe Luis Gabín tivo que someterse ao ditado da crúa realidade imposta polo Porriño BB Godoy Maceira e asumir que seguirá tocando agardar polo regreso do baloncesto masculino vilagarcián a categoría nacional.

O resultado final da semifinal entre o Sigaltec CLB e o Porriño, 43-60, axústase ben ao visto no parqué de Betanzos. O adestrador e os xogadores do cadro vilagarcián non puideron facer nada para impedir que o seu rival impuxese o tipo de partido que máis lle interesaba e co que o conxunto que encabeza na pista o veterano base Lucas Vaquero, integrante no seu día do Xuven Cambados en LEB Prata, gañara os dous encontros da competición regular en Fontecarmoa 2.

O baloncesto alegre, rápido e letal desde máis aló da liña de 6,75 que lle dera outros tantos triunfos ao Sigaltec nas súas visitas ao Porriño foi cortado de raíz por un adversario que impuxo a súa veteranía e a súa enorme superioridade física baixo as dúas canastras, e que afogou o xogo vilagarcián a partir da marcaxe férrea aos seus directores, Óscar Castaño (21 anos) e Pablo Fernández (19).

Cun 9-16 pechou o Porriño ao seu favor o primeiro cuarto. Un +7 que non fixo máis ca ir aumentando, pouco a pouco, nos seguintes tres cuartos, con parciais de 18-21 (27-37 ao descanso), 7-13 (34-50) e 9-10 (53-60). Un conteo letal para un Sigaltec CLB afeito a gañar anotando por riba dos 70 puntos, castigado unha e outra vez polas segundas accións que o Porriño conseguía grazas ao dominio absoluto do rebote de ataque.

«É un pouquiño a realidade. Xogouse completamente ao que quixo o Porriño, moi físico, con espazos colapsados, e por riba sen acerto ningún no tiro exterior —20 % ambos os dous bandos—». Con estas palabras asumía a derrota Luis Gabín, que recoñeceu tamén certo punto de atenazamento dos seus homes ante a posibilidade de conseguir o regreso do baloncesto masculino vilagarcián á EBA 15 anos despois.

Gabín quixo «agradecerlles ás máis de 150 persoas de Vilagarcía que apareceron en Betanzos para apoiarnos. Grada e media era nosa», desculpándose por non lles ter ofrecido «polo menos un partido bonito». Hoxe, ás 17 horas, o Sigaltec CLB xoga o partido polo terceiro posto final da Primeira División Galega co C.B. Cambre, que onte perdeu co Betanzos por un axustado 76-68.