Veciños plantarán un brote na finca «do símbolo de Reboreda»
23 ene 2025 . Actualizado a las 05:00 h.A Xoán Manuel Pereira de Castro gustáballe admirar o Carballo das Cen Pólas. Era unha árbore centenaria, que formaba parte das terras da súa familia na parroquia de Reboreda (Redondela) dende hai xeracións. El, fidalgo de berce, era o protagonista de O señorito da Reboraina, a última novela de Ramón Otero Pedrayo e tamén a única que escribiu en galego trala Guerra Civil. O escritor da Xeración Nós cultivou esta historia de humor e aventuras que parodia o mundo da fidalguía no pazo de Reboreda, o que tamén era o fogar de Xoán Manuel Pereira na novela. «Parte desta historia escribiuse ao carón do Carballo das Cen Pólas», lembra o membro da asociación que leva o nome da árbore, Andrés Couñago Laxe.
Aquel carballo formaba parte da historia de Redondela, era unha árbore senlleira que foi testemuña da historia da parroquia e das súas xentes séculos ata que secou hai corenta anos. «Hai unha foto de 1870 na que sae Emilio Castelar, último presidente da Primeira República Española, xunto a un novo Valle Inclán, baixo a árbore», lembra o presidente da asociación Amigos do Carballo das Cen Pólas, Xosé Carlos Rodríguez. Por iso, para volver facer do prado un lugar de encontro ao redor dunha gran árbore, membros da asociación visitaron o pasado venres o carballo de Santa Margarida (en Mourente, Pontevedra) para «traer un dos seus fillos a Reboreda e plantalo ao carón do das Cen Pólas», explica Andrés Laxe.
«Temos pensado facer a plantación nestes vindeiros meses, xa que aínda temos pendente que a Xunta, dona do terreo, nos dea o permiso e queremos facer unha gran festa ese día», indica Laxe. Querían que o sucesor do carballo de Reboreda fose un «con pedigrí», di, entre risas, Andrés. O de Santa Margarida ten fillos por toda España, Europa e ata América. Ademais, vén acompañado dunha carta «que entrega o carballo pai ao seu fillo cando marcha a outro lugar», e dun nome relacionado coas Cantigas de Santa María, un conxunto de catrocentas vinte e sete composicións en galego-portugués, que datan do século XIII.
O Carballo das Cen Pólas era o emblema da parroquia de Reboreda. «De feito, a orixe do seu topónimo ten relación con Quercus robus, o nome que recibía o carballo no latín», lembra Rodríguez. A árbore senlleira era o gardián dos días bonitos en Reboreda. Baixo el facíanse festas, romarías, xantares —«moitos organizou Otero Pedrayo aquí»—, e tamén servían de refuxio durante o verán. «Todos os veciños temos lembranzas relacionadas co Carballo das Cen Pólas», explica Laxe. «Nós tiñamos unha peña co mesmo nome que creamos nos anos 60 e sempre organizabamos xantares aquí», lembra. A árbore era o seu símbolo, un xigante de máis de 500 anos.
Con este novo «carballiño», Carlos e Andrés e os seus outros cinco compañeiros da asociación queren recuperar o seu símbolo. «Sería moi bonito que en trinta ou corenta anos os futuros veciños de Reboreda tamén celebren, como facíamos nós, as súas festas e días grandes aquí», coinciden. A asociación Amigos do Carballo das Cen Pólas naceu o pasado mes de setembro para iso. «Ademais, de plantar este novo carballo tamén queremos ir mellorando este espazo de encontro pouco a pouco. Queremos que sexa un espazo de lecer e temos o obxectivo a longo prazo de crear aquí un gran auditorio ao aire libre».
Hoxe, en parte, o espazo no que aínda queda o esqueleto do carballo sobre o que escribía Otero Pedrayo é público grazas a eles, que en 1997 animaron á Xunta a mercar unha finca que estivo a nada de venderse a mans privadas en pequenas parcelas.