Sandra Senra, libreira: «Bruxas como Anna Kadabra arrasan con venda diaria todo o ano»

VIGO CIUDAD

Oscar Vázquez

A libreira de Libros para Soñar, en Vigo, demostra que o bum editorial dos contos de medo non caduca e vai máis alá do Samaín. Sagas de éxito xa contan con traducións ao galego

28 oct 2024 . Actualizado a las 08:33 h.

A mediados de outubro, Sandra Senra mudou os andeis de Libros para Soñar, a libraría de Vigo convertida nun dos grandes referentes galegos no eido infantil, para cativar cun amplísimo abano de títulos de medo. «Estes días todo o desa temática que está no escaparate, véndese. Teño unhas cabazas e estes días ata me preguntaron se se podían mercar», comenta rindo a libreira, sen restar transcendencia a un bum editorial que comezou a medrar en Galicia hai unha década, axudada por grandes éxitos infantís como o de Escarlatina, a cociñeira defunta, de Ledicia Costas, e que, polo momento, non perde forza.

—Os nenos sempre demandaron historias de medo. O gran cambio estivo nos últimos anos no mundo editorial?

—Sen dúbida. Esta é unha corrente que crece cada ano. Os selos viron que hai un público ansioso e todos xa publican sobre medo. Neste 2024, é incrible a cantidade de novidades. Cando cambiei a libraría as caixas rebordaban. Por outra banda, tamén é significativo que familias xa non pregunten por títulos en concreto. Din en xeral: «Quero un conto de Samaín, de momias…». Veñen pais que xa fomentan tamén esta lectura entre os máis pequenos, de 3 anos, aínda que para eles busquen libros que en realidade non sexan de medo. Este é un fenómeno global, non só literario, que bebe da febre do Halloween.

—A literatura de medo é estacional?

—Hai certos libros (entre eles, novidades) que serán máis efémeros, venderanse principalmente en outubro, pero moitos outros xa son imprescindibles todo o ano. Hai clásicos que se venden sempre, como o propio de Escarlatina; Onde viven os monstros, de Maurice Sendak; ou Os esqueletos divertidos, de Allan e Janet Ahlberg. Moitas sagas en galego, como as de Os minimortos, de Ledicia Costas, ou as da nena zombi Mortiña, da italiana Barbara Cantini, da que neste outono se lanzou O libro secreto de Mortiña, que convida aos rapaces a escribir e xogar, tamén teñen éxito todo o ano. Coleccións de medo en castelán son tamén agardadas sempre, e máis alá de Halloween, como as de Isadora Moon, o personaxe metade fada metade vampiro de Harriet Muncaster, ou as que asinan os prolíficos Meritxell Martí e Xavier Salomó. Tanto o seu libro Una casa monstruosa, no que con humor amosan que nin os pantasmas nin os vampiros se libran de problemas inmobiliarios, como La misteriosa y sorprendente casa del abuelo, cheo de máis solapas con detalles ocultos, véndense moito.

­—Algo que destaca é a grande cantidade de contos protagonizados por bruxas...

—É un furor. Os libros protagonizados por ese personaxe feminino arrasan, e todo o ano. O abano de títulos ademais é amplísimo, desde Queda sitio na vasoira?, de Julia Donaldson, para máis pequenos, á simpática e desastrosa La bruja Brunilda, de Valerie Thomas, ou Hooky, un cómic de éxito sobre dous bruxos, recomendado a partir dos 11 anos. Un fenómeno en concreto son as aprendices de bruxa, como Malvarina, de Susanna Isern, ou, sobre todo, Anna Kadabra, de Pedro Mañas, co seu pelo azul e maxia multicor, un supervendas do que neste outono, e coa editorial Cumio, tamén se poden ler varios títulos en galego. Iso é algo moi interesante e que valoran as familias. Desa serie na libraría hai venda diaria todo o ano.

—Cal é a clave para que estas bruxas atrapen tanto aos primeiros lectores?

—Máis alá do humor, común hoxe en día a toda esta literatura, agora mesmo moitas bruxas non teñen maldade, son riquiñas, actuais ou resolven misterios. No caso de Anna Kadabra xúntanse moitos factores, como ser unha saga de fácil lectura, reter aínda cor nas ilustracións, incluír aventuras que manteñen a intriga e lograr que moitos nenos empaticen tanto coas situacións como coa cuadrilla da aprendiz de bruxa e as súas relacións. Aos lectores dálles seguridade coñecer aos personaxes e así Marcus Pocus, un dos amigos de Anna, ten agora saga propia, e véndese ben. Hai libros, tamén de éxito, como Dulcinea en el bosque embrujado, de Ole Könnecke, que seducen co arquetipo de bruxa máis tradicional, aínda que dulcificado.

—O medo atrapa en todas as idades?

—Entre a ampla oferta hai títulos recomendados dende os 3 anos, como Un, dous, tres, vampiro ti es, con personaxes que espertan tenrura. Dos 6 aos 10 anos o abano é moi amplo. Nos mozos é curioso que algúns entran na libraría buscando os Cuentos macabros de Poe, reeditados en edicións coidadas. Eles xa din: «Quero un libro de medo, pero que sexa de medo».