La Crisálida: a mercería coruñesa dos anos 40 que triunfa en redes sociais

XA CHOVEU

Os irmáns Nieves, Carmen e Fernando Seoane, antigos propietarios da mercería La Crisálida da Coruña, nos anos 80
Os irmáns Nieves, Carmen e Fernando Seoane, antigos propietarios da mercería La Crisálida da Coruña, nos anos 80 CEDIDA

Sen moverse de San Andrés, esta negocio leva máis de 80 anos atendendo á Coruña, nun comercio que cambiou de mans e se adaptou aos tempos mantendo a súa esencia. [Envía aquí as túas fotos antigas para formar parte da memoria colectiva de Galicia]

06 jul 2024 . Actualizado a las 11:09 h.

«Tiene que ser mía. Esta mercería no puede cerrar». Ramón Santos fala con paixón e determinación cando lembra o momento no que se puxo ao mando de La Crisálida, hai xa seis anos, o día no que entrou neste local da Coruña para comprar uns fíos e saír cun novo proxecto debaixo do brazo.

La Crisálida abriu as súas portas por primeira vez en 1942. Rexentado primeiro por Josefa, o local pasou despois a algúns dos sete fillos: Carmen, Manolo, Nieves e Fernando Seoane. Os irmáns seguiron adiante co negocio familiar ata 2019, cando tras o falecemento de Nieves púxose á venda todo o inventario e Ramón adquiriu este comercio. 

[Envía aquí as túas fotos antigas para formar parte da memoria colectiva de Galicia]

Foto de Ramón Santos e Fernando Seoane, novo e antigo propietario da mercería La Crisálida, en 2019.
Foto de Ramón Santos e Fernando Seoane, novo e antigo propietario da mercería La Crisálida, en 2019. ANGEL MANSO

O nacemento de La Crisálida

A familia Seoane chegara á Coruña do Barqueiro nos anos 40, cun pai que vivía case sempre en alta mar embarcado e unha nai que apostou por este negocio para brindarlles ás súas fillas un futuro, nunha época na que os estudos universitarios non estaban destinados ás mulleres. Así, Josefa decidiu comprar en 1942 La Mariposa, unha mercería que xa estaba no número 120 de San Andrés.

Cun cambio de nome, La Crisálida abriu as súas portas nun local no que tenda e vivenda estaban unidas. Aí vivía toda a familia ata que, o 3 de marzo de 1948, o pai perdía a vida no naufraxio do bou «Panxón»

A morte de Daniel fixo que a familia se mudara á rúa Real, pero La Crisálida se mantivo en San Andrés coa antiga vivenda como novo almacén. Co tempo, a mercería pasou ás mans da seguinte xeración; primeiro coas irmás Carmen e Nieves ás que se uniron Manolo e tamén Fernando ao finalizar os seus estudos en Santiago. Os irmáns residían na casa da rúa Real, pero practicamente vivían na mercería de San Andrés, onde pasaban gran parte do día traballando: «Era un local angosto. Entrabas en el portal y había un hueco, que era el local, y luego un pasillo largo, largo, que llevaba a las viviendas. Los vecinos tenían que pasar sí o sí por ahí», recorda agora Carmen Gómez Seoane, sobriña dos propietarios. 

Os irmáns Seoane, da mercería La Crisálida, nos anos 80
Os irmáns Seoane, da mercería La Crisálida, nos anos 80

A reinvención dun comercio de toda a vida

Carmen e a súa irmá Raquel viviron cos seus tíos na Coruña entre 1965 e 1970, cando cursaron os seus estudos en Maxisterio. Naquel tempo, La Crisálida seguía no 120 de San Andrés, en fronte do edificio que había da Telefónica e ao carón do ultramarinos Morán que despois sería Foto Morán, vendendo abanos, mantillas e mantóns de manila. O negocio foi mudando de local nas décadas posteriores, quedando sempre na mesma beirarrúa da mesma rúa, ata chegar ao actual no número 54.

Mercería coruñesa La Crisálida nos anos 70.
Mercería coruñesa La Crisálida nos anos 70.

Paseando por San Andrés, este comercio non destaca entre cafeterías de toda a vida, restaurantes de alta cociña, novas tendas de sneakers, negocios de restauración que prometen unha viaxe polo mundo ou fruterías e panadarías que se mantiveron inalterables ao paso do tempo. Atopar La Crisálida actual é como dar co fío da cor necesaria no fondo do costurero. Escondidas tras un pequeno soportal, unha porta metálica, un banco e unha cristaleira dan a benvida ao cliente.

Exterior da mercería La Crisálida na rúa San Andrés da Coruña.
Exterior da mercería La Crisálida na rúa San Andrés da Coruña. CARMEN G. MARIÑAS

Desde o exterior, apenas se pode ver o seu produto. No interior, un espazo estreito de chan de madeira pérdese sen fondo e os carretes de fíos, os lazos, os nobelos ou as teas ocúpano todo ata onde alcanza a vista. Pero La Crisálida non foi sempre exactamente así.

Coa chegada de Ramón, a primeira transformación do negocio viviuse dentro das súas paredes. Nunha mercería tradicional, o mostrador fai de barricada, separando ao cliente de botóns, fibelas, broches, agullas ou o que puidese necesitar. En La Crisálida actual, nada máis entrar, o veludo, a la, a seda ou o liño pódense tocar coas mans, tanto nos andeis que quedan a man dereita como nos expositores xiratorios que presentan lazos de todos os tamaños e cores a man esquerda. Incluso o material que si se atopa detrás do mostrador, agora situado nun lateral, case se pode rozar coa punta dos dedos.

Ramón Santos, actual propietario da mercería La Crisálida na Coruña.
Ramón Santos, actual propietario da mercería La Crisálida na Coruña. CARMEN G. MARIÑAS

Esta foi unha das primeiras revolucións de Ramón na tenda, unha solución enxeñosa que xurdiu da necesidade: «Tenía una mercería antigua pero quería darle un rollo nuevo. También era la manera fácil de poder atender la mercería una persona sola, porque mientras atiendo a una, la otra mira y no tengo que tenerla en el mostrador esperando».

Clientela próxima

Na década dos 60, Carmen recorda que a clientela máis habitual eran as auxiliares das modistas da cidade: «Había muchísimas modistas en A Coruña y a la tienda venían las niñas de los recados que aprendían con ellas. Ellas hacían la compra en la mercería y se llevaban cremalleras, hebillas, hilos... y botones. Aunque muchas veces le llevaban el muestrario de botones a la modista, porque ellas no podían decidir cuáles llevarse». 

En la actualidad, Ramón transmite á clientela a paixón polos seus tesouros. Para el, unha vantaxe do trato co público é establecer «una relación muy guay con la clientela. Es algo muy intenso pero breve y a veces se generan relaciones de mucha confianza». Algunhas clientas convertéronse tamén en amigas, como Jana López, quen ademais é veciña e colega, xa que ten outro local na rúa San Andrés: a sombrerería Austrohúngara. «El comercio de barrio es lo que más nos une», admite Jana, quen se achegou nesta ocasión a La Crisálida en busca de botóns, non para coselos a unha camisa, senón para facer uns pendentes.

Nos tempos de Carmen, ela mesma recorda como unha vez se atopou cun home que «fue a comprar unos hilos especiales que solo encontraba allí. Los quería para hacer señuelos de pesca para colocarlos en su anzuelo». Tamén na antiga Crisálida o comercio de barrio tiña unha forte pegada. Na mercería non se vendían teas, «pero tenían un acuerdo con el comercio de la esquina, La Espuma, que sí vendía tapicería y telares y donde les hacían rebajas». 

Caixas, caixas e máis caixas

As irmás Carmen e Raquel frecuentaban desde pequenas o negocio dos seus familiares e, para unha nena, o que máis destacaba era a propia distribución da tenda: «Aquello me llamaba mucho la atención. Me fijaba en tanta cajita y cajita que había, que daba ganas de revolver en ellas. Pero el orden era increíble. Todo, todo, todo tenía referencias. Pedías un botón y ya iban a por él directamente. Y eso que aquello era un laberinto».

Foto de Fernando Seoane, antigo propietario da mercería La Crisálida, en 2006.
Foto de Fernando Seoane, antigo propietario da mercería La Crisálida, en 2006. KOPA

La Crisálida actual non dista moito daquela. Tras pasar a parte do local que ve o público chégase á planta baixa da parte de atrás, onde as cores ordenadas cromáticamente de fíos e cintas dan paso a innumerables caixas, unhas amontoadas sobre outras, creando un espazo angosto que impresiona e desorienta a partes iguais. O almacén é como unha biblioteca de artigos de costura, con fileiras e fileiras de andeis que chegan ata o teito e que albergan caixas, na súa maioría de cartón, todas ben etiquetadas aínda que non haxa unha forma de identificación igual que outra. Isto non supón un impedimento para Ramón, que controla en todo momento onde se atopa cada cousa, incluso as que acumula nas vigas onde vai o que xa non sabe onde colocar.

Aínda que resulta fácil perderse, Ramón sempre se orienta coa mesma rapidez coa que fala entre botóns, medias, calcetíns e lazos dos cales sabe recoñecer ata o seu ano de creación con botar unha ollada ao envoltorio. A maior parte desta colección veulle «heredada» precisamente dos anteriores propietarios, polo que aínda se atopan tesouros do século pasado. Isto permitiulle non ter que adquirir moito produto para volver poñer en marcha a tenda. «Por ser continuista y con el material que ya había, intento buscar los mismos proveedores», explica, mentres se interrompe a si mesmo abrindo un tras outro paquetes de panos de algodón cosidos a man, outros de seda de diferentes cores ou caixiñas de botóns nacarados. Moitos deles son de grandes marcas de antano: «Mi tía Carmen compraba siempre las mejores marcas, como La Japonesa», apunta con cariño Carmen. 

Para darlle saída a este gran volume de artigos que esconde o almacén, na actual Crisálida inventaron produtos «que antes no existían». «Nadie te vende 200 gramos de botones. ¿Quién vende botones al peso como si fueran caramelos?», comenta Ramón esbozando un sorriso, ao que engade con chanza, «no somos una mercería. Somos una botonería».

Packaging retro de botóns dos anos 40/50 na mercería coruñesa La Crisálida.
Packaging retro de botóns dos anos 40/50 na mercería coruñesa La Crisálida. CARMEN G. MARIÑAS

Legado de valor histórico

De feito, os botóns son o detonante do éxito de La Crisálida en redes sociais. Son moitos quen descubrirían esta mercería precisamente polos seus hipnóticos vídeos nos que traspasamos a pantalla para acompañarlle en busca dun botón. Neles, o mercero ensina a súa amplísima colección de botóns de todas as cores e formas imaxinables, primeiro nun mostrario e logo convidándonos a localizalo con el entre as innumerables caixas do almacén.

Un vídeo como este foi o seu primeiro éxito viral en TikTok. A día de hoxe, ese contido suma 9 millóns de visualizacións e La Crisálida acumula preto de 767.000 seguidores, toda unha fazaña para calquera usuario desta rede, pero especialmente para un comercio local.

@lacrisalidamerceria Acompáñame a buscar un botón! Hoy te enseñamos como buscamos los botones que nos piden, sin referencias nuestra vida sería mucho más triste!!! #merceria #merceriaonline #vintage #comercio #coruña #unboxing #vintagefashion #boton #botones ? sonido original - La crisalida

Por mor deste logro, un dos produtos que se inventaron na mercería é un novo packaging de botóns: uns cartóns que imitan en deseño a aqueles dos anos 40 e 50 e sobre os que os botóns desa mesma época van cosidos a man. Ramón ten moi claro que na especialización está a diferenciación. Ademais de polos seus botóns, La Crisálida é referente polos seus «productos para traje de gallega, como pasamanerías, flecos o aplicaciones de azabache, que tenemos y no se encuentran en otro sitio».

Outra invención foron as cápsulas do tempo, caixas -na súa maioría, antigos paquetes de medias- que albergan no seu interior unha colección vintage de packs de fíos, abanicos antigos ou botóns de outrora. Recibilas é toda unha experiencia. «Son recuerdos, es algo experiencial porque tiene instrucciones de apertura y lleva unos guantecitos para que la abras», explica emocionado Ramón, que prepara coidadosamente estas caixas baixo demanda cando recibe estes pedidos a través da súa web. A idea naceu precisamente tras recibir numerosos comentarios en redes que resaltaban os «tesoros maravillosos» que lle rodean nos seus vídeos.

As túas fotos, en Xa choveu

Tes algunha fotografía nos álbums da casa ou na galería do móbil que queiras compartir? En Xa choveu queremos coñecer as túas historias. Consulta no portal de Xa choveu máis imaxes da Coruña e doutras localidades e colabora nesta memoria colectiva enviando as túas a través deste formulario.

Ramón rescatou agora unha serie que xa facía no seu anterior blog, o «legado textil familiar». A partir dunha peza ou obxecto que recibe, Ramón narra a súa historia e o seu valor sentimental para conservala e destacar o seu valor cultural. Agora, ademais de tenda e taller, La Crisálida fai as veces de estudio. Nos seus vídeos, «la mayor parte de los artículos van a detalle, pero hay una atmósfera detrás. He grabado en todos los sitios», explica sobre o proceso de creación.  No primeiro piso, as filas e filas de caixas de medias conforman un espazo multiusos que serve á perfección de estudo de gravación. As medias de hai décadas que xa non se poden vender e ocupan espazo de almacenamento teñen aquí unha segunda vida como elementos de insonorización.

No almacén, Ramón tampouco ten que preocuparse pola luz. Os sensores de movemento iluminan cada parte en canto alguén entra: «¿Te fijas en que nos hemos marchado y se han apagado? Si no, es imposible. Esto es un festival de cajas».

Mercería internacional

Desde os tempos da antiga Crisálida, este pequeno comercio xa era unha atracción para turistas. «Recuerdo que venía gente de fuera que se llevaba los abanicos y las mantillas españolas como souvenirs», comenta con morriña Carmen. Agora, coas súas redes sociais, La Crisálida foi aumentando a súa comunidade. Aínda que naceron para derivar tráfico á súa web e aumentar as súas vendas, permitiulles chegar a xente doutros países como Estados Unidos, México, Arxentina, Chile ou Uruguai, logrando que un comercio local coruñés teña unha clientela internacional. Nunha ocasión, unha señora francesa comentoulles que fixo viaxar a toda a súa familia ata A Coruña simplemente co pretexto de ir ás súas clases de costura, que teñen lugar no último piso da tenda.

Foto dos antigos propietarios da mercería coruñesa La Crisálida, no fondo do videopodcast do actual dono.
Foto dos antigos propietarios da mercería coruñesa La Crisálida, no fondo do videopodcast do actual dono. CARMEN G. MARIÑAS

Esta mercería que mantén o seu negocio tradicional e reinventouse nos últimos anos é, en palabras de Ramón, «un negocio de futuro». Á tenda física e as súas redes súmanse un futuro libro sobre a súa historia e as entrevistas do videopodcast «con aguja e hilo». O seu fondo é inmellorable: ás caixas de medias acompáñanlle un moderno cartel de La Crisálida, unha fotografía de Fernando e Nieves e, entre outros tesouros, un dedalillo que lle regalaron a Ramón cunha dedicatoria especial: «Desde Costa Rica, mucha suerte en este hermoso proyecto».