As cancións que cantabas se creciches co Xabarín: «Foi unha das primeiras xeracións á que cantar en galego lle pareceu normal; un logro moi grande»

Carmen Gómez Mariñas
Carmen G. Mariñas REDACCIÓN / LA VOZ

XA CHOVEU

Xabaxira 2007 no Multiusos de Monforte.
Xabaxira 2007 no Multiusos de Monforte. ALBERTO LÓPEZ

Entre ritmos de rock, punk, pop e folk, en Galicia son moitos quen medraron cantando «Non todo é o que parece, amigo» e acudindo aos espectáculos das Xabaxiras. [Envía aquí as túas fotos para formar parte da memoria colectiva de Galicia con Xa choveu]

21 jul 2024 . Actualizado a las 10:46 h.

Houbo un tempo no que nenas e nenos de Galicia pasaban as tardes cun porco bravo, eran socios dun club moi especial e as merendas viñan acompañadas de debuxos xaponeses, concursos televisivos e música herdeira dos grupos de éxito dos 80. Foi a infancia da Xeración Xabarín, que medrou entre bocatas de Nocilla e éxitos de Siniestro Total, os Diplomáticos de Monte-Alto ou Aerolíneas Federales.

Cunha mestura de rock, pop, punk e mesmo folk, toda unha xeración de galegos medrou cantando en galego cancións de series como As Bolas Máxicas, Doraemon, As Tartugas Mutantes, Arale ou Oliver e Benji. Pero o Xabarín Club tiña tamén cancións propias cunha identidade moi marcada e que calquera que tivera o carné de socio aínda pode cantar de memoria. 

[Envía aquí as túas fotos para formar parte da memoria colectiva de Galicia con Xa choveu]

Pablo Novoa, o segundo director musical que tivo o programa tras Julián Hernández, recorda agora, 30 anos despois, como a Xeración Xabarín «foi das primeiras ás que cantar en galego lle pareceu normal. Iso é un logro moi grande». Pola súa banda, Hernández engade que «se fixo unha labor polo galego nos nenos e a mocedade máis urbana inédita ata o momento».

Unha das claves para que esta música tivera o éxito que tivo, foi a aposta por crear temas lonxe do que se facía entón para un público infantil. Hernández foi responsable das sintonías de cabeceira como Somos do clube da Galega ou Vai sendo hora de ir para casa e apunta que estas «xa eran cancións moi lonxe de Los Payasos de la Tele ou Teresa Rabal. Os nenos son nenos, pero non idiotas. E tamén tratábase de chegar ó público xuvenil. As cancions de Siniestro Total (Onde vas, rapaz?, Hoxe son un punk...) foron, esencialmente, de rebeldía teenager, ao xeito do primeiro rock'n'roll ou o pop británico dos 60, por exemplo».

 «Xa vén o Xabarín», «Estou na lavadora» e outros temazos do Xabarín

A música era un dos elementos clave que se tiveron en conta á hora de idear o programa. Suso Iglesias, un dos creadores, explica que os videoclips funcionaban moi ben entre o púbico infantil, así que desde os inicios apostaron por incluir este formato: «O Xabarín comezou antes do previsto, así que a primeira canción foi unha adaptación con imaxes de Chicken Minute (un programa de marionetas da televisión canadiense). Xurxo Souto, que traballaba en Luar e tiña o grupo dos Diplomáticos de Monte-Alto, fixo unha adaptación ao galego e creou Xa vén o Xabarín».

«O Xabarín nutriuse dos grupos que tiveran moito éxito nos 80 e nos 90 e tamén da música tradicional. Foi unha época moi boa», recorda con cariño Suso Iglesias. O éxito entre os nenos e nenas de Galicia quedaba demostrado cando nos patios e nas rúas escoitábase cantar «non, non. Non todo é o que parece, amigo». Unha canción cun videoclip que tiña unha sorpresa final e poucos dos que o viron no seu momento na TVG esquerecerán.

Outro clásico entre as cancións máis populares do Xabarín e que, 30 anos despois, aínda se recorda é Estou na lavadora. Os ritmos de rock bravú deste tema de O caimán do río Tea permitíronlle ao grupo de Ponteareas saltar á fama e quedar para sempre na memoria de miles de galegos.

Para Pablo Novoa non é doado escoller unha canción favorita aínda que, se tivese que quedar cunha, o faría con Satélite Xabarín: «Pola canción, polo momento e polo videoclip e que moita xente se acorda dela, Satélite Xabarín é unha canción á que lle teño moito cariño. Foi a primeira ou segunda que fixemos en La Marabunta para o programa. Era unha canción que os nenos desfrutaban moito. Foi posiblemente a primeira canción para nenos que fixen e sentíame moi orgulloso».

Esta canción é obra de Nicolás Pastoriza, un dos responsables da música do Xabarín que destaca Julián Hernández. O director musical recorda tamén os temas de Víctor Coyote, cantante de Animal Nadal e Pode ser.

Suso Iglesias recoñece que as cancións do Xabarín eran «hits», polo que non é fácil quedar con algún. Entre os seus favoritos están os da banda portuguesa Despe e Siga, como Astro da bola, aínda que tamén recorda a Kussondulola ou a Víctor Coyote. «Eran cancións moi boas e moi orixinais. Por exemplo, Carmiña Vacaloura é moi surrealista».

«As Xabaxiras eran como agora a Panorama»

O éxito musical do Xabarín era tal que o programa sacou dous discos: «A cantar con Xabarín» Vol. I e II. Daquela non existía Spotify, así que os nenos da época (ou os seus pais) mercaban cedés, que aproveitaban para escoitar sempre que houbera un reprodutor a man. Agora podes escoitar as cancións do Xabarín aquí:

Estes temas non tardarían en traspasar as pantallas dos televisores e os discos e moi pronto o programa tería as súas Xabaxiras. Estas empezaron «como algo pequeno», apunta Iglesias, pero moi cedo os pavillóns das vilas e cidades galegas enchéronse coa música do porco bravo. Suso explica que «as faciamos no verán e no nadal, como promoción, e cantábanse as cancións, facíanse teatrillos e sketches... Eran moi bonitas. Os rapaces que viviron iso non o esquecen. As Xabaxiras eran como agora a Panorama», engade entre risas.

Estes espectáculos aínda non contaban coa tecnoloxía das luces LED, polo que os seus organizadores tiveron que tirar de inventiva e creatividade para achegar o porco bravo aos máis pequenos. «Tiñamos moitos artiluxios escénicos. E tivemos que crear o boneco articulado e que se movera. Cando recibimos o encargo da Xabaxira comezamos a buscar en cidades nas que había moita ópera, como Barcelona e Madrid. E alí recomendáronnos precisamente a unha empresa de Santiago que o fixo moi ben», explica. No interior do boneco actuaba Juanillo Esteban, responsable tamén de darlle voz a Xabarín: «É un fenómeno. Cantaba, falaba, bailaba e actuaba co boneco», destaca del Suso.

«Na vida fixen un espectáculo tan grande», recorda Pablo Novoa, quen ten unha ampla traxectoria pasando por distintos grupos e colaborando con artistas como Iván Ferreiro, Los Ronaldos ou Julieta Venegas, ademais de participar na banda do programa Late motiv de Andreu Buenafuente. Daquelas xiras de finais dos 90, o artista lembra como «por enriba do escenario podíamos pasar máis de 30 persoas. Estábamos a banda, os bailaríns, Xabarín e xente como Luís Tosar ou "Goldi" que facían o teatro, ademais dos invitados». 26 anos despois daquela gran Xabaxira do 1998, Novoa salienta que «era un espectáculo complicado. Pero creo que estivo moi ben, verdade? As lembranzas que teño son que fixemos un espectáculo moi chulo».

«Sentíamonos moi orgullosos do que estabamos facendo en Galicia, en galego»

Destas Xabaxiras tamén sairon aprendizaxes: «Como director musical, aprendín que hai que ter moi en conta as velocidades. No rock tirábamos para diante e se nos concertos un día tocas máis rápido e outro máis lento, non pasa nada. Pero claro, recordo aquí aos bailaríns dicir: "Pero que vos pasa hoxe! Non hai ninguén que baile isto. Vai moi rápido". A música conduce este tipo de espectáculos e tes que rematar ben os tempos para dar paso e facer pezas bailables».

Co éxito do programa e tamén das Xabaxiras, Novoa lembra que no equipo «sentíamonos moi orgullosos do que estabamos facendo en Galicia, en galego... Había unha idea moi clara e claramente reivindicativa de dicir: "Esta é a música galega destes anos". E nós estábamos aí e eramos nós os que estabamos traballando por iso. Ademais, facer un espectáculo ben feito para nenos é moi divertido».

Xabaxira do 2007 en Monforte.
Xabaxira do 2007 en Monforte. ALBERTO LÓPEZ

A música que conformou a identidade do Xabarín

«Había unha directriz moi clara, que tiñamos todos, de que a música de Xabarín, a parte de que fose en galego, buscaba darlle visibilidade aos grupos de Galicia. Era música para un programa teóricamente infantil, porque logo lle gustaba tamén á xente xove», explica Pablo Novoa. Estas bandas foron algunhas como as xa mencionadas Siniestro Total ou Aerolíneas Federales, e tamén La Marabunta ou Yellow Pixoliñas

A Movida, que se viviu con especial intensidade en Vigo, tivo parte de influencia no que logo sería a música do Xabarín nos anos 90. «O caldo de cultivo parte dos 80, porque as primeiras cancións as fixo Siniestro Total con Julián Hernández. Logo entrei eu, que estaba en Golpes Bajos. Podemos dicir que dalgún xeito, en Vigo, había unha especie de Movida, unha xeración de músicos que ían por España e eran profesionais con esa experiencia do mundo do rock e iso adaptouse á televisión e ás Xabaxiras».

Con todo, Novoa apunta que «coa distancia temporal e xeográfica si que é certo que houbo unha "movida", pero naqueles tempos para nós eramos moi diferentes. Parecíanos raro que nos xuntaran, non por gustos, senón porque faciamos algo diferente. Pero é certo que hai unha forma particular de entender a música neses anos en Vigo».

Julián Hernández apunta que, no momento do nacemento do Xabarín, «os cardados e a roupa dos oitenta estaban demodés xa daquela. A Movida estaba morta, e que fora Deus con ela!». Pola contra, o que si tiña éxito era o «Bravú, Diplomáticos de Monte Alto e toda a tropa da tralla. Quizáis non teña o recoñecemento que merecen», engade.

Das bandas que comezaron a compoñer para Xabarín e dese rock dos 90 que se escoitaba en Galicia, naceu a personalidade do programa. En palabras de Novoa, «Xabarín non era un debuxo, digamos, amable de todo. Era un pouco repugnantiño, como Bugs Bunny e non un boneco parvo e boíño. Era algo con máis alegría e humor, un pouco rebelde» e iso, xunto «o rock que se estaba facendo en Galicia e os debuxos de Miguelanxo Prado», deu lugar ao porco bravo que recordamos.

O director musical explica que «desde a música tratábamos de plantexar as letras e as cancións dentro do concepto que había», creando cancións «directas pero non simplonas. Os nenos non teñen as claves contemporáneas, así que tes que contarlles algo que entre pola orella á primeira. No Xabarín penso que todo o mundo fixo cancións moi directas e de aí o éxito do programa».