Ana leva dez anos viaxando nos mes de setembro: «En agosto moitas das nosas viaxes serían impagables»

YES

Ana e Xosé na súa viaxe en Dubái en setembro de 2022
Ana e Xosé na súa viaxe en Dubái en setembro de 2022 Cedida

Esta hostaleria de Vilalba ten por costume marchar de vacacións no mes de setembro xunto a súa parella Xosé Pérez. Coñecemos da súa man as maravillas que este mes ofrece a queles afortunados que poden viaxar nel

05 sep 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Se alguén sabe de como botarse unhas boas vacacións en setembro, esa é Ana Piñeiro. Esta galega leva case dez anos elixindo este mes para coller as maletas, subir a un avión e saír a coñecer mundo xunto a súa parella, Xosé Pérez. Os dous rexentan unha cafetería no centro de Vilalba e teñen por costume colgar o cartel de «pechado por vacacións» na porta do seu local durante o noveno mes do calendario. O obxectivo?, desconectar e recargar as pilas despois da tempada estival, que, polo xeral, é a de máis actividade para os negocios hostaleiros. De feito, este ano teñen as maletas case preparadas para poñer rumbo aos seus novos destinos: o Xapón e a illa de Ko Samui, en Tailandia (si, é onde está Daniel Sancho). «As nosas viaxes adoitan durar entre 15 e 20 días. Gústanos moito combinar un destino cosmopolita cun de praia», explica Ana.

Neste sentido, o ano pasado esta parella decidiu visitar a cidade de Dubái e reenganchar coas praias de area branca e auga cristalina do arquipélago das Maldivas. Durante as viaxes buscan coñecer o lugar sen sentirse abafados, pola cantidade de xente ou polo tempo que teñen para visitar determinados lugares: «Co tempo, aprendín que cando levas todo planificado ao pé da letra non vives a viaxe da mesma maneira».

Sen aglomeracións

A hostaleira ten claro que o mellor de facer unha viaxe nestas datas é o factor económico e a atmosfera relaxada que rodea setembro: «Todo está menos masificado. Persoalmente, en agosto non me iría de vacacións nin aínda que puidese facelo, porque é un mes que está moi saturado de xente por todos os lados. Ademais, moitos dos destinos que fixemos ata o de agora serían impagables». Setembro é, precisamente, cando os cativos volven ao colexio e moitas familias retoman a rutina diaria, pero para aqueles afortunados que poden, aproveitan e recollen os derradeiros cabos do verán a prezos mellores que os dos meses de tempada alta. «Segue a haber movemento, pero con menos cantidade de turistas que percorren as rúas das cidades e as praias», conta Ana. Esta parella escolle cada ano un destino que supera ao anterior. Da súa primeira viaxe xuntos a Porto, como di ela, un lugar que está «aquí ao lado», xa van quince veráns, nos que puideron coñecer outras culturas e explorar lugares marabillosos.

Visitaron dende as praias de Lanzarote ata as das Maldivas, pero explica Ana que o complexo do asunto é facerse co mellor choio porque, malia que é un mes con bos prezos, conseguilos depende moito do destino e das preferencias nos calendarios de cada un.

—¿É hai algún destino que se vos resista?, lle pregunto. Non dubida na súa resposta: «A cidade de Nova York, iamos ir no mes de maio, rompendo co habitual para nós, antes da pandemia. Tiñamos todo contratado coa nosa axencia de viaxes de referencia, e non foi posible. Seguimos coa viaxe pendente».

Vese que setembro é o mes de sorte para esta parella.