Alfredo Crespo, 25 anos: «Saquei un 13,94 na selectividade, pero non estudei todo o temario»
YES
Afrontou os exames «sen presión ningunha» e rematou rozando a perfección. Agora, estuda un doutoramento en Santiago despois de cursar o dobre grao en Física e Matemáticas
30 may 2024 . Actualizado a las 10:49 h.Aínda recorda Alfredo Crespo (Oza-Cesuras, 1998) aquel titular que protagonizou en La Voz no ano 2016. «Cos dedos dunha man pódense contar os sábados que quedei na casa», dicía daquela. Unha frase que, asegura entre risas, o persegue aínda máis que aquel 13,94 que motivou a entrevista por ser a nota máis alta da selectividade en Galicia. Moitas cousas cambiaron nestes oito anos, pero o seu sentido do humor permanece intacto: «Agora, cando non quero saír, os meus amigos mándanme a noticia e dinme: ‘¡Mira o que eras e en que te converteches!’», bromea.
Pouca broma foi, non obstante, sacar case un 14 na selectividade con apenas 18 anos. Sen sabelo, ese simple número determinou todo o seu futuro. Daquela non tiña claro o que quería estudar e foi esa cualificación a que o levou a entrar nunha carreira ao alcance de moi poucos: o dobre grao en Física e Matemáticas da Universidade de Santiago, que naquel 2016 pechou cunha nota de corte de 13,37. Sobre estes estudos, comenta Alfredo que «é unha oportunidade bastante boa porque aprendes das dúas materias», pero a mesma persoa que quedou a menos dunha décima de chegar á máxima nota na proba de acceso á universidade di que, ás veces, o dobre grao «se fai duro».
No seu caso, a selectividade foi o detonante de todo o que chegou despois: «Sabía cara a onde quería tirar e tiña en mente algunhas enxeñarías, pero ter un 13,94 axudoume a decidirme e levoume a onde estou agora. Se non sacase esa nota, seguramente tería estudado outra cousa e a miña vida cambiaría bastante», reflexiona. A carreira xa quedou atrás, pero da universidade non saíu e, agora, despois dun mestrado en Mallorca, estuda, de novo en Santiago, un doutoramento centrado no ámbito da meteoroloxía. E despois, xa se verá: «Aínda non teño nada claro, a fin de contas hai que irse adaptando ao que vai vindo. Está ben mirar a longo prazo, pero tampouco tolear», defende.
E o de «non tolear» semella ser o segredo do seu éxito, porque se en algo é experto Alfredo é en quitarlle ferro ás cousas que parecen máis serias e, sobre todo, a iso de rozar a perfección nuns exames aos que se enfrontaron máis de 11.000 estudantes: «Creo que tería sido igual de feliz con menos nota», asegura. «A fin de contas, penso que temos que ter unha serie de opcións e se eu puidese estudar calquera desas cousas que no seu momento me gustaban, creo que estaría igual de ben», engade.
«Creo que tería sido igual de feliz con menos nota. Está ben mirar a longo prazo, pero tampouco tolear»
Nesta liña, lembra que el afrontou os exames con tranquilidade: «Eu non me puxen nada nervioso! Aínda que o primeiro día empecei a ver a todo o mundo nervioso e contaxióuseme un pouco...», di. Precisamente esa tranquilidade tamén propiciou, pensa, o seu bo resultado: «Eu non tiña presión ningunha por entrar nunha carreira en concreto, e iso, se cadra, tamén axudou»,.
Alfredo recoñece que se trata dunha proba «importante» e, por iso, defende que hai que intentar facelo «polo menos, decente». «Home, algo é! Vai servir para determinar se podes estudar unha cousa ou non», alega, pero tamén opina que esta proba «non ten toda a importancia que ás veces se lle quere dar». Para, como el di, «non tolear», Alfredo pensa que son os propios estudantes os primeiros que non deben pechar portas: «Se tes un abano de cousas ás que che gustaría dedicarte, eu creo que o importante é ir alí, facelo o mellor posible e despois escoller», apunta. Aínda que a el lle saíu máis que ben, é consciente de que, moitas veces, os resultados non son os que un agarda, os que merece, ou os que se corresponden co esforzo: «O que estudas determina un rango da puntuación que podes obter», opina, e engade que «inflúen moitos factores que non podes controlar», e que van «dende o que caia ata quen che corrixa o exame». En resumo: «Hai que intentar facelo o mellor posible e ter sorte».
Únete a nuestro canal de WhatsApp
Orde, calma e estratexia
Todo isto sen deixar de admirar á rapazada galega que nuns días se enfronta á ABAU, á que dá tres consellos: ser organizado, ser un bo estratega e, sobre todo, estar tranquilo. «É moi importante sentir que levas ben as cousas e tamén axuda facer un horario cada día», explica. Pero tamén recoñece que «a materia é moitísima e non hai marxe a estudala toda», de aí o de preparar unha boa estratexia: «Eu, por exemplo, para o exame de historia non estudei todo o temario», lembra.
Pero tamén sabe que non hai éxito sen sacrificio, e para sacar ese 13,94 o segredo pasa por «estudar moito». Algo para o que, explica, sempre tivo facilidade: «No meu caso gústame. Non é que morra por estar estudando, pero non me custa». Tampouco os anos de instituto foron unha excepción: «O bacharelato xa me saíra ben, estudara bastante durante o curso e tiña as cousas frescas», engade.
E o de contar os sábados que quedaba na casa cos dedos dunha man cómo vai? Segue habendo tempo para iso? Alfredo defínese como un rapaz ao que sempre lle gustou «saír cos amigos e pasalo ben por aí», e di que iso tampouco mudou demasiado co seu paso pola universidade, pero asegura que, curiosamente, segundo de bacharelato «foi un ano bastante activo socialmente». A clave, de novo, está para el en atopar un equilibrio e en ser ben organizado. «Daquela estaba moi adaptado á rutina de estudo que tiña e non me supoñía ningún problema saír un sábado, o resto da semana traballaba ben», argumenta.
Todas esas saídas e tempo de festa non lle pasaron factura á hora de enfrontarse á tan temida selectividade, coa que, a pesar do seu bo resultado, se mostra bastante crítico: «O sistema non é bo, ou polo menos non é perfecto. Aínda que tampouco sei se hai outro mellor», reflexiona. «Idealmente todo o mundo debería poder estudar o que quixese», defende, pero el mesmo sabe que a realidade non se axusta a ese ideal. «As prazas son limitadas e o que goberna a nota de corte é o popular que sexa unha carreira nun momento dado», puntualiza.
Calculadora de notas de selectividade de La Voz
La Voz de Galicia deseñou un simulador para que os alumnos de bacharelato (e as súas familias) xoguen e analicen as súas posibilidades na selectividade. O interesado só ten que cubrir os diferentes campos coas notas que cre que vai sacar e a carreira á que opta, e a calculadora diralle cal é a súa nota de acceso fronte á de corte do curso actual. De todas as carreiras e todos os campus galegos.