Esta veciña de Pontevedra fala galego por convicción persoal: «Fíxeno porque vivo aquí e a cultura galega é moi bonita. Hai maneiras de dicir as cousas que son moi entrañables. O galego permíteme tamén apreciar toda a literatura de Galicia»
21 nov 2024 . Actualizado a las 05:00 h.Bonnie Cooper é feliz en Pontevedra. O de esta canadense de Toronto con Galicia, co galego e coa cidade na que vive foi un amor a primeira vista. Así o recoñece esta muller que nas primeiras verbas que di xa se lle nota que é apaixonada por natureza. Ela describe a súa primeira visita a Galicia como máxica. «Foi en decembro do 2010, vin co meu home, aínda non estabamos casados. Recordo que era Nadal e había luces polas rúas. Estaba todo decorado e a cidade víase preciosa. Había unha atmosfera moi especial, case máxica. Namoreime da cidade. Despois vin vivir aquí polos meus dous amores de entón, o meu home e a cidade. Agora teño un terceiro amor, meu fillo Óscar, e é un motivo máis para ficar aquí», di esta soprano e mestra de canto no casco histórico, que non dubida en destacar a beleza da zona vella: «É moi especial e particular», e confesa que todo o mundo xa a coñece como «a soprano canadense».
Hai máis de dez anos que tanto ela como seu home decidiron establecerse en Galicia: «O meu marido é de Santiago, pero vivimos na casa familiar da súa avoa en Pontevedra». Aí levan residindo desde entón, despois de que se coñeceran durante unha visita da súa parella a uns amigos en Canadá. «Eu estaba estudando en Ottawa e el foi visitar a uns amigos. Alí nos coñecemos. Pero non foi ata dous anos despois cando nos fixemos noivos», explica. A partir dese intre, xa non se separaron. Estiveron traballando nunha empresa de videoxogos en Cambridge (Inglaterra), pero despois Bonnie xa comezou a súa carreira como soprano e mestra de canto. Nesa cidade viviron tres anos, ata que decidiron mudarse a Galicia. E tal e como se expresa, notáselle que foi a mellor decisión que tomaron.
Pero, por que decidiu aprender a falar en galego? Para ela foi un proceso natural, igual que o de aprender castelán. «Fíxeno porque vivo aquí e a cultura galega é moi bonita. Tamén a maneira que ten o galego de expresarse resúltame moi doce e agarimosa. Gústanme as dúas linguas, tanto o galego coma o castelán, pero hai maneiras de dicir as cousas en galego que son moi entrañables. E despois, saber galego permíteme apreciar toda a cultura literaria de Galicia, ler a Rosalía de Castro e outros autores. Incluso hoxe en día, podo gozar cos libros de Ledicia Costas, por exemplo, non só de escritores antigos. A lingua galega está moi viva e hai cousas da cultura e da arte que se fan en galego», afirma.
Galego pola rúa
Séntese tan a gusto falando galego, que lle custa crer o último informe do Instituto Galego de Estatística no que di que o castelán xa é a lingua predominante na nosa comunidade: «Pois non sei, porque cando saio polas rúas escoito sempre a xente falando galego». Iso si, recoñece que para falar na lingua de Rosalía ten que pensar primeiro en español o que vai dicir e despois traduce: «Agora mesmo, podo falar en castelán como en inglés. Non ao 100%, pero podo comunicar todo o que quero dicir en castelán case igual que en inglés. En galego non é así. Gústame moito falalo, pero ás veces cústame buscar na miña mente a palabra exacta, porque sempre me sae en castelán. Quizais teña que ver co feito de que primeiro aprendín o castelán e despois o galego».
Conta tamén que na súa casa tanto o seu marido coma o seu fillo son galegofalantes e iso tamén lle axuda. Aínda que ela se comunica co seu fillo en inglés cando están na casa. Pero se alguén está falando galego, automaticamente cambia de lingua. O seu fillo está moi acostumado a escoitala falando galego e xa non lle estraña. «Xa falo eu máis en galego que os meus sogros sendo de aquí, porque eles non o falan na casa e eu si», puntualiza, para explicar que o seu compromiso con esta lingua é firme e que non ten complexo de non facelo tan ben como lle gustaría.
Perder a vergoña
Ademais, recoñece que moita xente se sorprende ao escoitala falar en galego con acento estranxeiro. E sabe que aínda que comete moitos erros, non lle importa, porque como di, a peor lingua é a que non se fala. Nese sentido, gustaríalle que moitos galegos perderan a vergoña e se animaran a falar en galego con máis soltura e naturalidade. Que tiraran por terra todos os prexuízos que hai en torno a lingua, a pesar de que cometan erros. «Ás veces intento falar en galego con alguén e dinme que non se senten seguros. Que teñen vergoña de non falalo correctamente, porque non teñen tanta confianza coma cando falan castelán. Pero eles si saben falar en galego. O que pasa é que non se atreven», di. Todo o contrario ao que lle sucede a ela: «A min, en cambio, non me importa cometer erros, porque cando cheguei aquí falaba inglés, francés e alemán, pero non sabía nada en castelán. Tiven que aprender coma o meu neno, desde cero. A diferenza é que eu tiña 35 anos, xa non era unha nena».
Tres anos estudando
Bonnie leva tres anos estudando galego. Comezou na Escola Oficial de Idiomas, pero este ano o horario era incompatible e decidiu ir a clases particulares. «Cando estudas unha lingua tes que facelo cun mestre. Así o fixen tamén cando preparei os exames no Instituto Cervantes. Busquei unha mestra de castelán e fun a clase durante tres ou catro anos. E ás veces aínda volvo, cando necesito axuda para algo que quero explicar», asegura. Iso si, recoñece que, tanto na Escola de Idiomas como agora, sempre foi a única estranxeira nas clases de galego: «Si hai moita xente doutras partes de España, pero de fóra do país non coincidín con ninguén máis».
Como non podía ser doutro xeito, unha das cousas que máis lle gusta son as cancións populares en galego. E incluso aporta un dato descoñecido para a maioría de nós, pero que vindo dunha especialista coma ela haberá que crelo. «Encánteme o cancioneiro popular, a Rianxeira e demais. En Galicia hai cultura de cantar, aínda que a xente pensa que non sabe cantar. Non é certo. Os galegos cantan moi ben. Aquí hai unha cultura céltica que nada ten que ver co flamenco, pero a xente de Gales, tamén é celta, e son os mellores cantantes do mundo», explica. Se ela o di, haberá que crerlle entón.
Bonnie tamén conecta con ese sentimento morriñento dos galegos. Esa melancolía que temos cando estamos fóra da nosa terra. «A cultura galega é unha cultura emigrante e eu tamén son emigrante. Entendo o que é deixar a familia e todo o que coñeces por buscar outra cousa. E tamén conecto con esa parte da vosa cultura», di.
O único que quizais bote en falta en Galicia é a neve e aos amigos de toda a vida. Pero séntese tan ben na nosa comunidade, que xa di que de aquí non a moven nin con auga quente. «Estou encapsulada en Pontevedra, cos meus dous galegos na casa. De Galicia non me move ninguén», recoñece. Bonnie ben merece o título de embaixadora da nosa terra e da nosa cultura. Claro que si.