Un exército galego de dez mil mozos fronte ao cambio climático

YES

Un grupo de rapaces asisten ao lanzamento dun globo sonda durante unha visita ás instalacións de MeteoGalicia
Un grupo de rapaces asisten ao lanzamento dun globo sonda durante unha visita ás instalacións de MeteoGalicia

«Mocidade polo clima» é a iniciativa que a Xunta pon en marcha este curso para promover a concienciación e a formación entre milleiros de galegos de entre 3 e 35 anos

11 dic 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Mozos defensores do clima. Iso é o que a Consellería de Medio Ambiente quere lograr a través do seu programa Mocidade polo clima, unha iniciativa pioneira en Galicia para formar, informar e animar a actuar contra o cambio climático a máis de 10.000 nenos e mozos galegos de idades comprendidas entre os 3 e os 35 anos. Esta iniciativa é unha das principais novidades incluídas no II Plan integrado de enerxía e clima 2024-2030, que dirixirá as liñas de acción da Administración autonómica a medio prazo para avanzar hacia o obxectivo de acadar a neutralidade climática no horizonte do ano 2040 e, en todo caso, no 2050. Tamén se convocará o próximo ano a primeira edición dos premios Mocidade polo clima, para recompensar o talento xuvenil dándolle visibilidade a iniciativas e ideas relacionadas con algún dos sectores de actividade definidos na Estratexia Galega de Cambio Climático e Enerxía 2050 e que teñen algún tipo de impacto climático en Galicia.

Na práctica, o programa, cun presuposto para o 2025 de 200.000 euros, desenvolverase como unha estratexia integral dividida en tres eixes de actuación: formación desde a etapa de educación infantil ata a universidade, información e divulgación canalizada a través de visitas e eventos con relatores de referencia na materia, e acción pola vía do fomento da participación activa e o compromiso entre a mocidade, que incluirá iniciativas como programas de voluntariado ou campamentos, por exemplo.

Imaxe de arquivo de alumnos do CEIP Plurilingüe San Pedro de Visma no marco da iniciativa Escolas Verdes
Imaxe de arquivo de alumnos do CEIP Plurilingüe San Pedro de Visma no marco da iniciativa Escolas Verdes ANGEL MANSO

«O primeiro plan de acción desenvolveuse desde o 2019 ata o 2023, e agora está a rematar o segundo plan, que chegará ata o ano 2030. Este inclúe a dimensión social, a sensibilización e a formación, e vai principalmente dirixido á mocidade de Galicia. É unha iniciativa pioneira de carácter transversal», indica Paula Uría, directora xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático.

CON METEOGALICIa

No eido máis formativo, durante o curso 2024-2025 apostarase por tres programas adaptados a diferentes franxas de idade —enmarcados no Plan Proxecta— para o fomento da innovación educativa e nos centros escolares galegos. Dous deles, MeteoEscolas e Escolas verdes polo clima, levan uns anos en funcionamento e este curso están a ter moita acollida. «No de MeteoEscolas este ano acadamos o récord de alumnos participantes, son 42 centros escolares e máis de dez mil alumnos que van participar. Comezamos xa hai unha semana a formación dos 715 docentes deses 42 centros. Desde que empezaron, xa temos formado a máis de 500 MeteoEscolas, máis de 86.000 alumnos e alumnos, e máis de 5.300 docentes. Pero este ano é o récord. Das 79 solicitudes que tivemos, elixíronse 42, porque o programa está cerrado», apunta Uría, que sinala que reforzarán moito máis o contido do material educativo neste programa: «Aquí entra todo o equipo de cambio climático de MeteoGalicia, que son os que dan toda esta información aos rapaces, e despois os alumnos presentan un proxecto. A final do ano avalíase, e todos aqueles que superen unha valoración de máis de 4,5 puntos, reciben os diplomas e o recoñecemento de escolas excelentes. No 2024, foron un total de 24 escolas». Como novidade, nesta edición haberá un evento a final do curso para que todos poidan compartir os proxectos desenvolvidos e ver un pouco as experiencias co resto de Meteoescolas.

A elas uniranse como novidade as MiniMeteoEscolas, dirixidas ao alumnado de educación infantil; e xa para os estudantes de entre 12 e 25 anos, a formación canalizarase a través do programa Retos climáticos, que proporá varios retos a nivel local relacionados con algún dos sectores de acción definidos na Estratexia Galega de Cambio Climático e Enerxía 2050 para que os participantes, coa axuda e o apoio dun mentor, propoñan unha perspectiva práctica e real.

Doutra banda, están as Escolas verdes polo clima. «Aquí facemos proxectos un pouquiño máis pechados e estamos aínda arrincando, son máis de cara ao 2025 e aínda se presentaron esta semana aquelas escolas que queren ser verdes. Son sete as que levarán o recoñecemento», explica a directora xeral, que apunta que en canto á divulgación e á comunicación, chegarán a través das canles das redes sociais e de eventos que organizarán para a mocidade.

A principal novidade neste eido será a creación dun programa pioneiro de charlas inspiradoras que percorrerá Galicia cun espazo específico que se instalará en festivais, institutos e espazos universitarios. Estas clases maxistrais complementaranse co terceiro programa, un gran evento anual de Inspiradores polo clima, que reunirá a referentes nacionais e internacionais para dar o seu testemuño sobre as accións ou investigacións deses ámbitos.

O roteiro polo clima nos colexios é outra das iniciativas que levará o coñecemento dos expertos in situ aos centros. Arrincará no 2025 e prolongarase todo o ano. Xa de cara ao verán, darán comezo os programas de voluntariado, organizados conxuntamente coa Dirección Xeral de Xuventude, e tamén os campamentos polo clima para adolescentes.

O espírito da iniciativa é a formación a todos os niveis. Nesa liña, a visita a empresas adheridas á Alianza Galega polo Clima será outra das accións que se incorporarán ao programa, e impulsaranse tamén os percorridos pola Rede de Observación Ambiental para coñecer instalacións de referencia climatolóxica, como o Laboratorio de Medio Ambiente, algunha das estacións de calidade do aire, ou a sede de MeteoGalicia.

Precisamente alí materializarase unha parte da formación, que está centrada en ensinar como se chega a ter unha predición meteorolóxica, e en dar a coñecer cal é a rede que ten Galicia. A visita das escolas ás instalacións de MeteoGalicia e o lanzamento do globo sonda fan posible que os rapaces aprendan conceptos tan fundamentais como a medición da temperatura e da humidade, «e serve para que vexan cal é o corazón dos técnicos que están detrás das pantallas que indican cando chove ou cando vai sol, e espertarlles a curiosidade do que teñen que estudar para poder ser iso», completa Uría, que destaca a importancia da formación e de coñecer de onde se extraen esos valores para despois ser conscientes do que hai que facer ante eles.

FORMACIÓN CRUCIAL

«De aí sae o tema dos avisos que fixa MeteoGalicia cos seus datos, de ensinar que significa o vermello, o laranxa e o amarelo, dentro de que xa sabemos que a Axencia Galega de Emerxencias e Protección Civil é a que ten que tomar as decisións, e aí nós non entramos». Si o fan na importancia crucial de coñecer como se decretan e de concienciar da importancia dos .

Como podemos actuar, que significan os escenarios climáticos, saber diferenciar ben climatoloxía de metereoloxía ou que se saiba cal foi o aumento da temperatura na última década son algunhas das importantes leccións que queren transmitir coas accións deste plan, así como a importancia de saber, como cidadáns, como contribuír con pequenas cousas a que sexamos conscientes de ata que punto está mudando o clima.

«Trátase de focalizar con diferentes mensaxes en función da franxa de idade á que van dirixidos. Porque a mocidade é o futuro, e a que ten que ter moita conciencia da importancia da climatoloxía para vivir, da súa incidencia na nosa saúde e do que podemos facer para ter un planeta verde e azul. E tamén para que Galicia continúe a ser un refuxio climático», afirma a directora xeral para resumir a inminente formación dun exército de mozos a mozas galegos que comezarán a prepararse desde xa para tomarlle o pulso ao cambio climático.