Nee, 22 anos: «Cando nacín creron que era muller e non son muller, e tampouco son un home, pero existo»
![Sandra Faginas Souto](https://img.lavdg.com/sc/d5DfMdR5A0h63EduRez3fRKzoZ8=/75x75/perfiles/66/1422030802960_thumb.jpg)
YES
![](https://img.lavdg.com/sc/8P8Qvok7aRcUvu0iOtxFhEdXBMg=/480x/2024/12/26/00121735244281950978382/Foto/i_20241226_210549000.jpg)
Nee ten 22 anos e vive en Marín e, como algunhas persoas, ten que responder constantemente á súa identidade de xénero para non sufrir violencia. «Están reducindo o debate ao sensacionalismo dun pronome», di
04 ene 2025 . Actualizado a las 12:31 h.Nee acaba de cumprir 22 anos, naceu en Ourense, pero leva toda a vida en Marín. Está estudando Xestión Cultural, pero ademais é escritor e dedícase a facer contido en redes. Entre os seus libros máis destacados están Identidade, unha obra de teatro; unha novela, Non estamos quebrades, e, a coordinación dunha antoloxía de relatos, Alguén nos lembrará, arredor da identidade de xénero.
Nada máis comenzar a falar, pregúntolle con que pronome prefire que o denomine, e Nee asegura que tanto o masculino como o neutro. Por comodidade e costume, son eu a que elixo escoller o masculino co seu permiso. «Eu, cando nacín, dixéronme que era unha rapaza por como era o meu corpo, e, claro, cando fun medrando había cousas que non me cadraban. Entón, a maioría das miñas amizades eran rapazas, encantábame o rosa, pintar as unllas, cumpría moitos estereotipos femininos, pero algunhas cousas non me encaixaban. Cando algunha persoa me confundía cun rapaz, lonxe de molestarme, iso gustábame, gustábame estar no medio. Ao mesmo tempo, non me gustaba o meu nome. E, claro, eu non tiña unha palabra para nomear todo iso. Pero a medida que fun medrando, sobre todo a partir de coñecer a xente do colectivo LGTBIQ, en especial, mulleres lésbicas e persoas bisexuais, fun entendendo», explica Nee.
Grazas a internet, o primeiro que el atopou foi información sobre a transexualidade, o que significaba ser unha persoa trans, cando contaba 13 ou 14 anos. Nese momento, o concepto xénero non binario non era tan visible, e o que a el máis lle empezaba a encaixar era a realidade das persoas trans.
«A min gustábame máis que me tratasen en masculino, sentíame máis cómodo así, xa levaba moito tempo dicíndolle á xente que me chamase Nee, porque era un nome máis neutro. Para min era unha maneira de explicarme, de contarlle á xente o que me pasaba e de sentirme máis cómodo», conta Nee, que durante moitos anos identificouse como home trans. «Saín do armario como home trans aos 14-15 anos, pero, a medida que ía pasando o tempo, vía que algunhas realidades dos homes transexuais tampouco encaixaban comigo ao cen por cen», subliña quen nesa época pensaba que ter xénero non binario era unha terceira opción, algo que non chegaba a entender.
«Eu quería ter un espazo propio dentro do xénero, non encaixaba nin como cen por cen unha muller nin o que era cen por cen un home e iso, o xénero non binario, si mo permitía»
Nee púxose a investigar e, co paso dos anos, decatouse de que esa etiqueta, xénero non binario, era unha ferramenta que o axudaba a ter máis liberdade respecto ao que sentía e a como vivía. «Eu quería ter un espazo propio dentro do xénero, non encaixaba nin como cen por cen unha muller nin o que era cen por cen un home e iso, o xénero non binario, si mo permitía, aínda que hai moitos máis patróns segundo cada experiencia», indica. «Para min identificarme como un home trans foi parte dun proceso, unha máis, e nese momento non creo que estivese errado, senón que era como me identificaba, tamén lle outorgo valor a isto», especifica Nee, que pensa que a etiqueta trans non só serve para homes e mulleres, senón para persoas non binarias, «porque finalmente trans ten ese significado: que non te identificas co xénero que che asignaron ao nacer». «A min sérveme para reivindicar a miña realidade: eu cambiei o meu nome, estou nun proceso hormonal, e tamén para sinalar certas violencias que vivo. Para min xénero non binario —continúa— é aquilo que non entra completamente como xénero feminino e xénero masculino, eu achégome máis ao masculino, por iso non me importa que me traten en masculino ou neutro. Xénero non binario é un termo paraugas, non un terceiro xénero: entre non ser muller totalmente nin ser home totalmente, polo menos, baixo as categorías pechadas que temos hoxe», apunta Nee.
Marcela e Elisa
«Non binario é unha expresión que nos axuda a sentirnos recoñecidas ás persoas que non entramos nas outras categorías. É un espazo aberto. Eu o que defendo é que durante toda a historia houbo xente que non se identificou con certos patróns, e agora estamos poñéndolle nome a esa comunidade», explica.
Cres que houbo non binarios toda a vida? «Moitas veces atribuír estas categorías ao pasado é difícil, porque non existían estas palabras, pero cando vemos certas figuras históricas, si que o penso. Por exemplo, en Galicia está o caso paradigmático de Elisa e Marcela, de ambas sábese que utilizaron eses papeis de homes moitas máis veces, ademais de para casar. E eses outros nomes que empregaron foron acotío, no seu día a día. Entón, realmente, esa diversidade de xénero, esa fluidez, estivo presente máis veces. Non quero dicir con isto que Elisa e Marcela fosen trans, ou lésbicas, porque o guai sería non falar de categorías pechadas no pasado, sería entender isto como algo fluído», expresa Nee.
«No DNI agora estou como xénero masculino, pero é que non teño outra posibilidade alén diso»
«A xente que se saía da norma existiu sempre, e noutras culturas moito máis. Esta concepción binaria do xénero é algo moi branco, moi europeo, que noutras sociedades non existe. Os bugis, de Indonesia, teñen máis de dous xéneros, en concreto, cinco; na India as hijras son os membros dun terceiro xénero... Son outras sociedades, pero serve para ver que isto de feminino e masculino non é definitivo. Hai outros xeitos de ser, e o xénero non binario recolle a toda esa xente que non encaixou».
Nee fai tamén referencia ao estudo que vén de publicarse, Violencia en persoas non binarias no Estado español, no que se recolle ese rexeitamento que sofren «todes». «Eu sufrina desde pequeno, porque non encaixaba no que era ser unha rapaza e moita xente ría de min e cuestionaba se eu sería un rapaz realmente. Cando dixen que eu era un rapaz e me recoñecín como trans, pasou xusto o contrario: o mesmo que me recriminaban as persoas antes, porque non era suficientemente rapaza, agora a xente me violentaba porque non era suficientemente rapaz. Por iso tiven que crear un espazo propio», comenta Nee, que no día a día nota ese rexeitamento. «No DNI agora estou como xénero masculino, pero é que non teño outra posibilidade alén diso», confesa.
«O ideal sería que non houbese ningunha categoría, aínda que para certos estudos é interesante, como para as violencias. Pero así como no DNI non tes o grupo sanguíneo, que sería máis útil, por que debes ter o xénero? A nivel médico, por exemplo, eu non digo que son de xénero non binario, porque sei que iso faría que os procesos fosen máis lentos. Para simplicar digo que son un home trans e listo, pero tampouco debería ser así», explica Nee, que neste momento está nun proceso hormonal para facer a transición.
A xente dirá de ti agora: «Ves, ao final, era un home!». Que pensas diso? «Realmente, evidenciar que o xénero binario é un construto é un paso para decatarnos de que todos os xéneros o son. Para manter o xénero muller hai unha serie de roles, de estereotipos, exactamente igual que seguen os homes, aínda que con menos violencia. Todos temos que responder a iso», explica Nee, que di que neste sistema non entran todes». «Nós xa existíamos antes, pero a nivel vivencial a min ser de xénero non binario permitiume ter máis certezas e ter un espazo que sei como habitar, hai que abrir a fluidez», relata.
«Para a miña familia foi un shock; ao principio non tiñan referencias e pensaban que un non podía ser un home trans, pero acabaron aceptándoo. Despois, cando empecei a identificarme como de xénero non binario tampouco houbo unha conversa de sentar na mesa. Fomos falando e non houbo un cuestionamento, senón unha aprendizaxe, foron aceptándoo e agora, cando fago activismo, están en primeira fila», indica Nee, que denuncia a situación violenta que se crea arredor dos non binarios: «Parece que só somos un pronome ou xente confundida. Están centrando todo nunha cuestión lingüística. E claro que eu defendo a existencia dunha forma non binaria, que son as terminacións en -e, e en galego o pronome neutro elu, porque ele existe como masculino en zonas de Galiza, e eles é o plural masculino. Pero iso non é o centro, están facendo un debate que xera máis violencia arredor dunha cuestión sensacionalista. Non tes por que dicir todes, se non queres, pero non che custa nada empregalo e facer a unha persoa máis feliz, se a tratas co xénero que quere. Cambiar unha letra para facer feliz a unha persoa non é un sacrificio tan grande», conclúe.