Roque Durán, presidente de Terra de Asorei: «Eira de Asorei é unha experiencia enoturística baseada nas casas labregas do Salnés»

CARMEN FERREIRO / S. F.

YES

Roque Durán, presidente de Terra de Asorei
Roque Durán, presidente de Terra de Asorei MARTINA MISER

Terra de Asorei chega ao turismo enolóxico cun espazo deseñado para transportarte a unha aldea galega desta zona na que podes desde catar viños a descubrir a súa historia nunha contorna tradicional

30 jul 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Terra de Asorei nace grazas á unión de familias adegueiras cunha longa tradición vitivinícola que no 2008 se unen para reinventarse e facer fronte a un mercado global. Unha historia que se remonta á Festa do Albariño, en Cambados, no 1953. Roque Durán, presidente, defende a súa aposta pola calidade, a autenticidade e sostibilidade dos seus albariños.

—Cal é a principal misión de Terra de Asorei?

—Dende logo actuar localmente e pensar universalmente. Levar os nosos albariños de calidade do val do Salnés, dende Galicia ao mundo. Axudar a mellorar a vida das persoas, e ao tempo responder ao compromiso social, creando emprego e riqueza en Galicia. Facer a empresa sostible, sempre respectando o equilibrio natural da nosa terra galega como forma de participar no coidado medioambiental do planeta e acadar resultados económicos que aseguren o futuro da empresa.

—Estades logrando actuar, xa non só pensar, de forma universal?

—Si, actualmente, as familias de Terra de Asorei contan con máis de 50 hectáreas de albariño no val do Salnés e agora mesmo elaboramos máis de 300.000 botellas ao ano cunha capacidade na adega de arredor de 600.000 botellas. Os nosos albariños, baixo as marcas Terra de Asorei, Nai e Señora e 1953 Pazo Torrado, están presentes en máis de 22 países, en mercados como o Reino Unido, Irlanda, EE.?UU., Canadá, Alemaña, Países Baixos, algúns países nórdicos, México e Xapón, entre outros. Pasamos de exportar no 2016 un 29 % a un 62 % no ano 2023.

—Cal é a recente novidade de Terra de Asorei?

—A Eira de Asorei, unha proposta de enoturismo, centrada nunha experiencia do medio rural do val do Salnés. Nós o que queremos é que a xente que veña goce dun momento de tranquilidade de vivir no campo no val do Salnés do século XXI, que goce de catar os albariños e, sobre todo, que coñezan como entendemos a relación entre a terra, o clima, a cepa e o viño. Sempre apostando polo respecto á natureza.

—E como materializades esta proposta ?

—Sendo a primeira adega e a primeira empresa galega en levantar un edificio integramente en madeira galega feito para gardar as elaboracións especiais dos nosos viños. A elección da madeira radica no mantemento dunha temperatura moi equilibrada, moi fresca, tanto no verán como no inverno. Desta maneira, deixamos menos pegada de carbono.

—En que vos inspirastes para levala a cabo?

—Este deseño parte non só das ideas que podía ter eu como presidente e fundador da empresa, senón tamén da achega que fixo Pepe Barro como responsable da imaxe corporativa. Un deseño inspirado nas casas labregas do val do Salnés. A partir de aí comezaron os traballos das arquitectas Teresa Sánchez Táboas e Paula Alfonso Laya, quen fixeron toda a edificación.

—Que lle dirías a esa persoa que quere coñecer por primeira vez a Adega Terra de Asorei?

—Que goce, que viva, que cate os viños, que descubra novas cousas e que con liberdade aposte por unha experiencia no medio rural galego do século XXI. Animo a toda persoa que veña visitarnos a coller unha botella de albariño e desfrutar del nestes viñedos de Terra de Asorei; poder parar o tempo, sentar, e gozar dun momento cheo de tranquilidade grazas á magnífica contorna. Outra das opcións que sempre está enriba da mesa é comezar a facer un percorrido interno pola adega, á adega de colleita, á adega de elaboración ou á adega botelleiro. Gozar da paisaxe, da posta de sol ou das diferentes catas de viño para coñecer de primeira man a historia humana, social e enolóxica que hai detrás de cada botella.

—Que vos distingue doutras adegas?

—Que estamos apostando por unha liña de viños moi honestas, pero ao mesmo tempo que son cen por cen uva albariña do val do Salnés. E estamos demostrando que con esa uva pódese facer un viño do ano, un viño sobre lías, un espumoso, ou que somos quen de manter a trazabilidade para facer un viño de cepas centenarias.