Manuel, aos seus 49 anos: «Descubrín aos 37 anos que a miña paixón era tecer»

CARMEN FERREIRO / S. F.

YES

ADRIÁN BAÚLDE

Hai doce anos que Manuel Otero comezou a tecer e, dende aquela, vive moi preto o mundo da la e do liño. A día de hoxe defínese como «un simple receptor», que realiza recolleitas para que os coñecementos non se esquezan

02 oct 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

«Teño 49 anos e desde hai doce comecei a tecer», conta Manuel, un estradense da parroquia de Lamas, mestre de profesión, que encontrou a súa paixón con 37 anos de idade. De neno —relata— sempre tivo unha relación moi estreita coa súa avoa paterna: «Na miña crianza tivo un papel moi importante miña avoa Carmen, quen tamén era miña madriña, sempre me gustou andar con ela, no medio da xente vella. Ela ensinoume todo o relacionado coa terra; desde traballala ata andar cos animais, de feito, tíñame ata unhas ferramentas pequerrechiñas para que eu puidese colaborar». Todas as vivencias da infancia das que se lembra teñen relación coa terra e a tradición e, é de aí de onde Manuel cre que moitas das súas paixóns beben a día de hoxe. «Todos os meus amigos tamén conectan con este mundo, eu creo que é unha conexión que teño cun xeito de vida que se extrapola a todos os ámbitos da miña».

Tecer la e liño chegou de forma espontánea, a pesar de ter unha vontade cando mercou unha casa, hoxe o seu fogar, en Cuntis: «Eu e mais a miña parella fixemos unha especie de casting de arquitectos e cando eliximos un pedinlle que me fixese os planos dun tear. O tipo flipou porque el levaba anos tecendo grazas á ensinanza de súa avoa», conta Manuel entusiasmado. No que dura un ano, Manuel e mais seu sogro construíron un tear: «Poderíase dicir que foi un proxecto comunitario; eu merquei a madeira nun serradoiro de Lalín que xa pechou, cepillouma un carpinteiro veciño xa xubilado e, o traballo gordo fixémolo entre os dous», conta. Como resultado conseguiron un tear feito a man, sen puntas nin parafusos, deseñado para, no caso de precisar arranxalo, poder resolver todo un mesmo.

Unha vez creado o tear, medrou entre o arquitecto, Carlos Díaz, e Manuel, hoxe tecedor, unha amizade e un proxecto de futuro. «O primeiro que aprendín sobre o tecer foi grazas a el», explica Manuel. Máis tarde comezaron un proxecto xuntos, Panosdaquí, un blog no que ensinaban as súas recolleitas, visitando a teceláns e tecelás cun obxectivo: recoller e reproducir o que aprendían. «Moita desa aprendizaxe foi adquirida do coñecemento que manexou a xente de aquí para poder esperar a ter panos para unha casa. Alucinas coa cantidade de coñecemento e de variables que tiñan que manexar estas mulleres, sobre todo, conceptos matemáticos e químicos bestiais».

Ao longo da súa vida como tecelán, probou sorte nun proxecto que admira, Pallium, dedicado á produción de pezas artesanais. Aínda así o certo é que, o seu corazón, quedara nas recolleitas que tanto desfrutaba facer. É dese recordo como nace Terra Maus, o seu terceiro proxecto artístico cunha finalidade precisa: «Son un simple receptor de todas esas mulleres que desenvolveron ese coñecemento e o aplicaron. O que non quero é que todo isto caia en saco roto, que aprenda a transmitilo á maior cantidade de xente posible incluso xente nova que poida chegar a usalo como usuario, xa sexa como un hobby ou para calquera outro cometido», explica.