Anuska Mosquera, experta en valorización de residuos: «Búscase a economía circular e que o lixo sexa unha materia prima»

A catedrática en enxeñaría química visitou o IES Concepción Arenal de Ferrol, onde explicou os proxectos que está realizando no Centro de Investigación en Tecnoloxías Ambientais da USC (CRETUS). En «De 0 a 100», o programa que La Voz realiza en colaboración coa Consellería de Educación, contou como se obteñen bioplásticos mediante procesos biolóxicos. 
«Empregamos bacterias, que son as que realmente procesan os residuos, para obter a materia prima que despois se convirte en bioplástico», sinalou a investigadora no coloquio mantido co alumnado. «Almacenan o alimento nunha parte das súas células, igual que os humanos facemos coa graxa, e delas despois obtemos o produto», detallou Mosquera sobre o mecanismo. A diferencia dos plásticos derivados de petróleo non existe un proceso químico na súa fabricación e tampouco as emisións contaminantes dun combustible fósil. A orixe destes bioplásticos provén de aceites vexetais e ademais de ser biobasados, tamén son biodegradables: «É un tipo de bioplástico novo chamado polihidroxialcanoato e o proxecto denomínase Pretenacc». 
Grazas a unha axuda da GAIN (Axencia Galega de Innovación) este proxecto deu o salto do laboratorio á industria, testándose con éxito nunha empresa de Mos, PMA Nutrigras. Anuska Mosquera tamén explicou no centro educativo a súa fonda experiencia no que ao tratamento de augas residuais se refire: «A tendencia agora xa non é só depurar a auga, senón valorizar os residuos sacándolle rendemento coa súa transformación en enerxía, por exemplo».

27 feb 2025 . Actualizado a las 16:29 h.