Pensar xuntos para un futuro sostible

MANEL YÁÑEZ DABLANCA

A MARIÑA

PEPA LOSADA

21 nov 2024 . Actualizado a las 18:54 h.

Como todos os terceiros xoves de novembro de todos os anos desde 2005, este xoves 21 celebramos o DÍA DA FILOSOFÍA, unha festividade máis dentro do abultado calendario de conmemoracións da cidadanía contemporánea.

Pero a Filosofía ten una significación especial e máis aínda neste tempos, porque non é unha disciplina ao uso, senón que é a única que contén os valores esenciais que deben rexer a práctica cotiá que posibilita transformar as sociedades e estimulan o diálogo e a cooperación entre os distintos pobos e as distintas culturas.

Nun día como o de hoxe a reflexión libre, razoada e informada debe ser tarefa obrigatoria xa que os cambios tecnolóxicos que estamos vivindo poñen en perigo o noso posto no Cosmos e a responsabilidade que iso conleva. Non só debemos adaptar a nosa actitude senón que debemos cambiar, consecuentemene, a forma de aprender, o modelo de ensino e ampliar tamén os obxectivos que perseguemos no día a día educativo. Unha tarefa importante no mundo actual que supón aprender a distinguir e discernir a verdade e a mentira, porque a información que nos chega está sendo continuamente bombardeada por titulares de “usar e tirar”, por gritos anónimos que pretenden desestabilizar a orde normal das sociedades democráticas.

Formar mentes críticas implica, en definitiva, formar persoas, ou o que é o mesmo, formar cidadanía tolerante e respectuosa cos auténticos fins da Humanidade. Se recoñecemos este auténtico valor da Filosofía seremos capaces de evolucionar nunha liña harmónica que permita un diálogo paralelo de futuro entre a Natureza, que todo o pode, e a Humanidade, que debe facelo posible.

Por esta razón hoxe especialmente debemos celebrar desde todos os ámbitos o DÍA da FILOSOFÍA.

Manel Yáñez Dablanca é mestre de Filosofía no IES de RIibadeo Dionisio Gamallo.