O Teatro das Cortes, no Vicedo, lembrará este sábado, 19 de abril, ó artista Xosé Vizoso, histórico deseñador de Sargadelos

A MARIÑA

Proxectarase un documental, haberá un coloquio con Asier Álvarez e Ollomao representará a obra «O traballo de Andrea»
15 abr 2025 . Actualizado a las 18:56 h.O Teatro das Cortes, situado no lugar de Xestoso, na parroquia de Cabanas, O Vicedo, ofrecerá este sábado, 19 de abril, unha sesión para lembrar ó artista Xosé Vizoso, histórico deseñador de Sargadelos que faleceu recentemente. A cita dará comezo ás seis da tarde coa proxección da curtametraxe documental «Lembrando a Vizoso», de Arrianos Producións. Cando remate haberá un coloquio no que participará o director da peza audiovisual, Asier Álvarez.
Posteriormente, ás 19.30 horas, o colectivo cultural Ollomao representará a obra de teatro «O traballo de Andrea». Ó remate haberá unha conversa co director e o elenco do espectáculo. A entrada será de balde. Organiza a actividade a asociación cultural Volta e Dálle, que impulsa o actor Pepe Penabade, co apoio da Vicepresidencia e a área de Cultura da Deputación. Colaboran: RTA (Servizo Integral de Artes Escénicas) e Bodeguilla de San Lázaro.