Ribadeo acollerá este domingo a estrea na Mariña do filme «Consello de Galiza, goberno galego no exilio»

La Voz RIBADEO / LA VOZ

RIBADEO

Asistirá ao evento o director, Xan Leira, que despois participará nun coloquio con Francisco López «Chesqui», secretario xeral do Partido Galeguista, e Dani Vega, alcalde ribadense

13 jun 2025 . Actualizado a las 20:22 h.

Ribadeo súmase aos actos organizados en toda a comunidade para divulgar a figura de Castelao, no ano dedicado pola Xunta a unha persoaxe clave na cultura e na política galega, falecido fai 75 anos no exilio, en Buenos Aires. As actividades que se organizaron ata o de agora, consistentes nunha exposición itinerante polos centros educativos de Ribadeo e na oficina de turismo, chegan ao seu momento culminante coas proxeccións dos filmes documentais de Xan Leira (Buenos Aires, 1955), director, mestre e escritor cunha prolífica traxectoria no mundo audiovisual e autor dunha triloxía sobre a historia de Galicia iniciada coa longametraxe «Castelao e os irmáns da liberdade» (2000), que se proxectará o domingo 22 no salón dos alcaldes do Concello de Ribadeo, ás 20.00 horas, tralo que seguirá un coloquio coa participación do propio Xan Leira.

Antes, este domingo, tamén no salón dos alcaldes, ás 20.00 horas, proxectarase o filme documental «Consello de Galiza, goberno galego no exilio», o último documental de Leira, no que aborda a creación desde órgano o 15 de novembro de 1944 en Montevideo e constituído en Bos Aires o 8 de decembro do mesmo ano no fogar de Manuel Puente, empresario galeguista e mecenas de Castelao, e no que participaron o propio Castelao, así como Ramón Suárez Picallo, Antón Alonso Ríos e Elpidio Villaverde. O Consello de Galiza foi o primeiro goberno galego no exilio. Trala proxección (45 minutos) comezará un coloquio con Xan Leira; Francisco López «Chesqui», secretario xeral do Partido Galeguista, e Dani Vega, alcalde ribadense.

«Castelao e os irmáns da liberdade», que se poderá ver o día 22, foi a primeira longametraxe documental da cinematografía galega, apostando pola coralidade de testemuñas e a incorporación da muller na reconstrución histórica do discurso cinematográfico.

Xan Leira destaca a vixencia e pertinencia de Castelao na actualidade: «Hai que sintonizar co seu ideario político e tratar de levalo á práctica, porque Galiza segue merecendo e precisando esa transformación. Está máis vixente que nunca, tendo en conta como está o mundo, a regresión que estamos vivindo en aspectos como o benestar, a democracia, a liberdade, os dereitos humáns ou os avances dos totalitarismos ,que podemos vincular coa estrema dereita. Fronte a este contexto, cada vez se fai máis importante a figura de Castelao».