Miriam Bermúdez, tenenta de alcaldesa de Viveiro, sobre a moción de censura: «O PP está recoñecendo que había 'un bloqueo' premeditado cara a Viveiro»

VIVEIRO

A voceira do BNG avanza que o PP «levará o beneficio» de proxectos impulsados polo Bloque que se materializarán en breve
22 feb 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Era a única que faltaba por pronunciarse. A voceira do BNG e tenenta de alcaldesa de Viveiro, Miriam Bermúdez, ofrece a súa visión sobre a moción de censura que, co apoio de PP e Por Viveiro, o próximo 7 de marzo porá fin a 22 anos de gobernos socialistas.
—Como se sente neste momento?
—Coa sensación de quedar a medio camiño. Temos un proxecto que cremos que pode mellorar Viveiro, que iniciamos e puidemos avanzar pese ós atrancos, bloqueos e o plan premeditado que PP e Bernardo Fraga viñeron orquestrando. Temos moitos proxectos que se materializarán en breve, pero que co manexo dos tempos que habilmente levaron, agora serán eles os que vaian levar o beneficio de acometelos. Como a licitación do novo contrato da luz a través dunha Empresa de Servizos Enerxéticos. O proxecto do BNG para Viveiro é o camiño axeitado para avanzar.
—Que valoración fai deste tempo de mandato por parte do BNG?
—A valoración do traballo desenvolto polo BNG é moi positiva, a pesar deste plan premeditado. A proba está en que aseguran ser os «desbloqueadores», polo que están afirmando que había un bloqueo. En só ano e medio conseguimos que a veciñanza percibise un cambio real na xestión, un cambio de estilo na gobernanza que devolveu a ilusión a moitas persoas.
—Que proxectos sacaron adiante?
—O máis importante foi lograr unha maior coordinación e organización interna no Concello, fortalecendo o traballo en equipo co persoal municipal. En proxectos concretos, impulsamos a licitación da nova parrillada do parque e a mellora no Pernas Peón, ordenanzas clave como as de praias, convivencia e limpeza, e adquirimos equipamentos. Avanzamos na xestión das faixas de biomasa, elaboramos o Plan de Accesibilidade e Mobilidade, melloramos o parque empresarial e puxemos en marcha a licitación do novo contrato de iluminación, que suporá un cambio fundamental en eficiencia enerxética e aforro.
—Cantos quedan pendentes?
—Estamos tramitando subvencións clave para mellorar infraestruturas. Entre elas, a reparación do pavimento no Pombal, a segunda fase no parque, a recuperación do parque da Atalaia en Celeiro e a renovación do abastecemento de auga en Magazos con reparación das beirarrúas. Queda pendente que dende Mobilidade fagan chegar unha proposta de modificación de rutas de bus para crear a ruta circular. Ademais, pechamos os textos das ordenanzas de mercados e benestar animal, que serán publicadas para exposición pública nos vindeiros días. O noso compromiso é deixar todos estes proxectos encamiñados para garantir que Viveiro continúe avanzando.
—Foi a xestión do PSOE un lastre para a do BNG?
—Non compartimos na totalidade a xestión do PSOE. Aínda así, entramos nun goberno en común para un proxecto progresista. Nas eleccións saíu unha maioría de esquerdas clara, máis agora compételle ao PSOE analizar porqué chegamos a esta situación.
—E a actitude de Por Viveiro?
—Resulta incoherente. Sempre manifestaron que querían o mellor para Viveiro, pero nunca estiveron dispostos a asumir responsabilidades nin a gobernar. Pola contra, puxeron trabas constantemente ao traballo do equipo de goberno ao tempo que esixían que se cumprisen os compromisos. Ademais, defínense como unha forza progresista e, finalmente, entregan o goberno ao PP, que agora promete en dous anos os investimentos que non fixo en vinte. Traizoaron a súa base electoral.
—Que futuro lle agarda a Viveiro?
—Milagrosamente veremos como se aproba o PXOM, como se licita a variante… Toda unha coincidencia despois deste anos! Desde o BNG imos traballar desde xa para que Viveiro teña o mellor futuro posible. Volvemos á oposición, pero o BNG poñerá todo da súa parte para volver ao goberno en 2027.
—Como ve o seu futuro? Seguirá en política?
—Incorporareime ao meu traballo como mestra no colexio de Celeiro, que boto de menos e é a miña vocación. Pero si, seguirei en política. Ante un revés así, ante este plan de chantaxe, teño aínda máis ganas de pelexar, respectar a democracia e os intereses dos cidadáns. Máis argumentos para seguir en política e no BNG, que demostrou que nunca traizoa aos seus votantes e aos cidadáns onde goberna. Non me resigno a ver como o PP, que leva anos castigando Viveiro e mantendo o noso centro de saúde sen profesionais suficientes, toma agora as decisións sobre o futuro de Viveiro.