«Cando a xente está tan de festa non lles vou eu ir alí co meu folk»

Carlos Crespo VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

cedida

Jerry Noia actúa esta noite no Sold Out de Vilagarcía no seu formato «Jukebox»

24 ene 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Músico de longo percorrido, coo seu proxecto persoal Sleeping Cat ou como membro da Banda das Apertas que acompaña a Magín Blanco, Jerry Noia mantén dende hai algo máis dun ano un idilio co público de Vilagarcía grazas ao seu formato Jukebox, no que revisita en solitario grandes clásicos do pop e do rock nacional e internacional.

-Para un músico con tantas inquedanzas, non é ingrato que o que mellor funcione sexa un proxecto de versións?

-Como compositor, penseino moitas veces. Un quere chegar ao público co que crea. Pero tamén é verdade que o mercado derivou a este tipo de demanda e a nivel público funciona moito mellor. Mira, eu por sorte teño traballo e non precisaría disto para vivir. A min o que me fixo montar este proxecto Jukebox eran as ganas de tocar.

-E con «Jukebox», pásalo ben?

-Si, porque con Jukebox levo un rol moito máis coñeiro.

-Baséaste nun repertorio afín aos teus gustos?

-Tamén niso funme amoldando. Sempre dende a premisa de que fose un repertorio coñecido eu empecei tocando cancións coas que me sentía cómodo: Neil Young, Crowded House..., grupos que me levan acompañando toda a miña vida. ¿Que pasa? Que ao final tes que acabar tocando cancións que ti non pensabas pero que ao público lle apetece escoitar. Sobre todo, moito pop rock en español. A xente está demasiado de festa como para que lle vaias ti alí co teu folk (rise).Así que vas seleccionando as cancións que ves que triunfan e de vez en cando lles vou colando tamén unhas das outras polo medio.

-Os cómicos sempre din que os bares son a mellor escola. Tamén o son para un músico?

-Sen dúbida. Aprendes como en ningún outro sitio a concentrarte e a abstraerte do mundo. Pode caer unha bomba que non te decatas.

-A Jerry Noia moitos coñecímolo por Sleeping Cat, un proxecto centrado nas sonoridades do folk rock americano. Como esta iso?

-Leva tres anos parado pero xustamente o 6 de marzo vou facer un concerto en Santiago, coincidindo co décimo aniversario. No 2016 dinlle un xiro ao proxecto e empecei a compoñer e a cantar en galego animado por Narf. Foi xusto o ano no que finou. Para min foi un mazazo moi grande. Xa non me apetecía tocar ese repertorio. A partir de aí empecei a ter moito traballo noutros proxectos, os músicos tamén se dispersaron e decidín darlle tempo, non meterme presión.

-Despois desde concerto, daraslle continuidade?

-Agardo que si. De feito aceptei ese concerto para ver se iso me motiva para retomalo. É unha especie de autoimpulsión.