
O único xogador da canteira no Arousa de Luisito xogou o seu primeiro partido como titular, dando unha grande imaxe
13 feb 2024 . Actualizado a las 05:00 h.Varias foron as novidades e sorpresas que Luisito Míguez ofreceu o pasado domingo no once titular co que o Arousa arrincou o seu duelo co pechacancelas, Arzúa. A que máis chamou a atención sen dúbida entre a afección arlequinada foi a inclusión de Dani Sánchez, incrustado na liña de cinco defensas en función de central dereito, na que completou todo o partido na súa estrea nunha lista de partida.
Único xogador licenciado o verán pasado no equipo de División de Honor Juvenil do club co que Luisito contou para o seu segundo proxecto á fronte do vestiario da Lomba, o valgués Dani Sánchez chegaba á xornada 20 da Tercera R.F.E.F. con 57 minutos disputados na Liga: 2 na visita á Sarriana na xornada 9, os 13 que lle deu o técnico de Teo na Lomba no duelo co Somozas da xornada 15 e os 34 cos que contou na seguinte na visita ao Atlético Arteixo.
«Entereime no vestiario unha hora antes do partido cando Luisito deu o once titular» de que ía saír de cara, conta Dani Sánchez. Nese momento, di, recibiu a noticia «con alegría, por poder axudar o equipo» no campo. E vaia se o fixo. Amosando unha sólida seguridade na blindaxe da súa parcela de extensión defensiva nas contadas chegadas do Arzúa aos dominios de Manu Táboas.
Tras dous anos de pre benxamín no Cordeiro e unha breve etapa na E.D. Arousa, Dani Sánchez recalou na canteira do Arousa sendo infantil. E coa camiseta arlequinada «sacando lesións, xogueino practicamente todo», recorda. Militando na máxima categoría infantil, daquela a Liga Galega, e cadete, a División de Honor; participando no seu segundo ano xuvenil no histórico primeiro ascenso do Arousa á categoría raíña do fútbol base español, a División de Honor Juvenil. Nesta última contribuíu á brillante sexta praza do equipo de Perú, formando parella no centro da zaga con Nico Casalderrey, hoxe no Portonovo.
Preguntámoslle a Dani Sánchez que agarda a partir de agora tras a súa primeira titularidade na Tercera. E a contestación dá fe da boa educación e da madurez que imprime o gran traballo de formación feito polo cadro de adestradores da base do Arousa entre os seus futbolistas: «Inda son novo, é o meu primeiro ano sénior e é un salto moi grande. Teño que seguir adestrando e aproveitar as oportunidades que me dean para axudar o equipo».