O Asmubal Meaño xogará un ano máis en División Honor Plata Femenina

Pablo Penedo Vázquez
Pablo Penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

Xogadoras, cadro técnico e directivos do Asmubal Meaño, o pasado sábado celebrando a consecución da permanencia en Santa Cruz de Tenerife.
Xogadoras, cadro técnico e directivos do Asmubal Meaño, o pasado sábado celebrando a consecución da permanencia en Santa Cruz de Tenerife. CEDIDA

O cadro de Costas remata undécimo na Liga tras gañar en Santa Cruz de Tenerife na derradeira xornada de Liga (32-34)

23 abr 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Misión cumprida. Por activa e por pasiva. O Inelsa Solar Asmubal Meaño xogará unha temporada máis na División Honor Plata Femenina, a terceira categoría nacional, logo de impoñerse o pasado sábado a domicilio na derradeira xornada do campionato regular o Balonmano Santa Cruz de Tenerife 32-34.

O equipo que dirixe Juan Manuel Costas dominou o electrónico boa parte do encontro, pero con vantaxes que non superaron os tres goles, obrigándoo a non durmirse en ningún momento. Sobre todo, polo desacerto que as súas xogadoras amosaron en innumerables lanzamentos cómodos de seis metros. Fallos que o Santa Cruz de Tenerife se empeñou en compensar ofrecéndolle a súa portería baleira ao Asmubal apostando moitos minutos por atacar con sete xogadoras e deixando desguarecida a súa meta. De feito, é neste buraco por onde Cárol Ferreira, a pivote meañesa, converteu boa parte dos 17 goles coa súa firma, a metade do total dos do seu equipo. A actuación da brasileira e a da porteira visitante, Dolores Pulti, apuntalaron o triunfo do Asmubal.

Co 32-34 o cadro galego non tivo que agardar a coñecer os marcadores dos seus dous rivais pola permanencia. Resultados que tamén o beneficiaron. O Palencia Turismo, que chegaba á derradeira xornada ocupando o único posto de descenso, salvouse co seu empate a 25 na cancha do Balonmano Gijón. A igualada condenou a Autonómica o Siero Deportivo Balonmano, que perdeu pola mínima, 27-26, co Cañiza. O Asmubal rematou no posto 11 de 14 con 18 puntos.

Valoración e futuro

Máis aló da lóxica satisfacción, o adestrador do Inelsa Solar Asmubal Meaño, Juan Manuel Costas, sinala que a difícil temporada vivida polo equipo, ao bordo do descenso durante boa parte do curso só un ano despois de disputar a promoción de ascenso como subcampión de Liga, debe servirlles a todos os integrantes do Asmubal de lección: «Ao final todo rematou ben. É unha temporada non para olvidar, si para aprender moito, as xogadoras, o corpo técnico e a directiva».

Costas, que di descoñecer se continuará no club á espera do que a directiva de Silvia Lobato e mais el falen ao longo da presente semana, lembra como toda a previsión do equipo se foi ao garete en cuestión de escasas semanas polas lesións de longa duración da central Eli Méndez e da lateral esquerda Sofía Arangio. «O equipo estaba feito para facer un determinado balonmán con elas dúas e custounos sobrepoñernos». Claro que non hai mal que por ben non veña: «Hai xogadoras que a comezos da Liga non tiñan o nivel que teñen agora e que quizais non terían de non se ter lesionado Eli e Sofía», sinala o técnico.

De seguir, Costas quere proceder a algún cambio, a nivel de club. Entre eles, uniformizar o tipo de traballo e de balonmán da canteira e do primeiro equipo.