
A fase final da cita internacional alevín, presentada onte, volverá contar con 80 equipos a vindeira semana
11 abr 2025 . Actualizado a las 05:00 h.O campo municipal da Senra, en Ribadumia, serviu onte de decorado á presentación dunha nova edición da fase previa do Torneo Internacional Alevín Arousa Fútbol 7. Un acto que contou coa presenza do presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, que xunto ao alcalde da localidade, David Castro, acompañaron o comité organizador dunha das grandes referencias a nivel de citas deportivas da provincia.
Así o salientou o propio Luis López: «O Arousa Fútbol 7 é un evento de referencia no calendario deportivo da provincia, de Galicia e de moitos clubs de fútbol base de todo o mundo». O presidente provincial sinalou que son campionatos coma este os que permiten avanzar na tan desexada desestacionalización do turismo na comarca pola que aposta o seu ente. No caso da fase previa do Arousa Fútbol 7, atraendo do xoves ao domingo da Semana Santa, en dúas quendas, a 80 equipos con 1.200 xogadores e 160 adultos nos seus corpos técnicos, cunha afluencia de público estimada pola organización dunhas 4.000 persoas. Máis de 700 delas facendo noite en Ribadumia e arredores, toda vez que entre os participantes figuran equipos non só galegos, senón tamén de Asturias, de Cantabria, de Canarias, de Castela e de Portugal.