
Os concellos levan a iniciativa á hora de organizar a oferta cultural coincidindo coa celebración do Día das Letras Galegas
01 may 2025 . Actualizado a las 05:00 h.O mes do Día das Letras Galegas preséntase cargado dunha programación cultural específica dos concellos. Medio Salnés adiantou xa as súas propostas.
Obradoiros, contacontos e moito son para festexar as Letras Galegas. O Grove prepara unha ampla programación para festexar as Letras Galegas que inclúe actividades do máis variado ao longo de todo o mes de maio, dirixidas a todo tipo de público. Os máis cativos terán ao seu dispor dous obradoiros ben interesantes. O primeiro deles, centrado en crear cómics, a cargo da ilustradora Lucía Cid ,que terá lugar o martes 9 de maio a partir das seis da tarde na Biblioteca Municipal. Está dirixido á rapazada a partir de oito anos, e precisa de inscrición previa. O segundo xira arredor do mundo da dobraxe, e será impartido por Manuel Pombal, desenvolvéndose en dúas sesións, con alumnado de Primaria do CEIP Valle-Inclán, o día 14. A música para a rapazada virá da man de dúas actividades incluídas no programa Ler Conta Moito: o 13 de maio na Axencia de Lectura de San Vicente ofreceráse o espectáculo María Faltri coa pandeireta na man, ao que acudirán estudantes do CEIP As Bizocas; e o 23 de maio ás cinco e media da tarde haberá contacontos ilustrado na Bilioteca Municipal, Cantareiras, poesía popular nas Letras Galegas a cargo da compañía Polo Correo do Vento, un espectáculo dirixido a nenos a partir dos cinco anos para o que é necesario anotarse.
Tamén os adultos poderán desfrutar de varias citas culturais que se organizarán nas instalacións da biblioteca meca. O 16 de maio, ás sete e media da tarde, as pandereteiras de Cinco en Zocas ofrecerán unha charla-concerto que leva por título Cantareiras: a poesía popular dende a tradición á vangarda. E o 30 de maio, tamén ás sete e media, está programada a presentación do libro A casa da Mina, de Maica Gorgal.
O Día das Letras Galegas a cultura viviráse no exterior, se a climatoloxía non o impide. A partir das once da mañá viviráse na rúa Alcalde Xacobe Barral a Feira do Libro Galego, a cargo do Espazo Lector Nobel O Grove. E ás doce haberá contacontos musical,
As historias de Bemol pequeno, da man de Música Miúda. En caso de mal tempo, o espectáculo trasladarase á Bilioteca Municipal. Pechando a xornada, a asociación cultural Cantodorxo celebrará con música e baile tradicional a súa XIII Festa das Letras Galegas, na Praza do Corgo a partir das seis da tarde.
Teatro, música e charlas. A concellería de Cultura de Cambados tamén dou a coñecer onte a programación de maio dentro do que dou en chamar «O mes das Letras Galegas». Suspendida a Festa dos Maios prevista para hoxe, a próxima cita é mañá venres, ás 20 horas, cunha sesión da Mesa das Verbas na Casa da Calzada. O sábado haberá teatro no auditorio municipal (20 horas) coa compañía meañesa Teatro do Merlo e a obra A primavera da aldea; o luns celebrarase unha actividade nos institutos para fomentar o uso do galego entre os adolescentes a cargo de Avelino González; o xoves 8 de maio Adela Leiro ofrecerá unha charla na Casa da Calzada (20 horas) baixo o título A tradición oral; o sábado 10, a Coral de Ruada actuará no auditorio ás 19.30 horas e o domingo 11 a compañía Contraproducións presenta o espectáculo Apaga o Candil, ás 19 horas e con entrada a 3,50 euros a través de Ataquilla e no propio auditorio o día da función.
A segunda quincena de maio, en concreto o día 16, arrinca coa tradicional ofrenda floral no paseo da Calzada, ás 11 horas, coa participación dos centros de ensino e autoridades; pola tarde, ás 20 horas, representarase no auditorio Seis, Lorca en Galicia. O sábado terá lugar outro clásico das Letras Galegas, o concerto da Banda de Música de Castrelo no parque de Torrado ás 12 horas, para dar paso, ás sete da tarde no Salón Peña, ao Festival de música e baile Con de Xido.
O domingo 18 Avelaíña Teatro presenta A Lola, ás 19 horas na Xuventude; o día 23, Inma López Silva e Tobías Betanzos protagonizarán as Conversas Literarias, ás 20 horas na biblioteca Luis Rei; o sábado 24 actuará o grupo Chaveta en Torrado a partir das oito da tarde e o martes 27 volve a actividade á biblioteca municipal con Teatro Migallas e Brincadeiras da Lingua.
O sábado 30 péchase a programación cultural con Música e Versos, ás 19.30 horas na Praza do Con de San Tomé a cargo de Banda de música do conservatorio e escola municipal de música de Cambados.
O concelleiro de Cultura e Normalización Lingüística, Liso González, inscribe esta oferta cultural dentro da aposta pola lingua «coma un dos eixos fundamentais do goberno e a seña de identidade con maiúsculas, a cal debemos protexer e mostrar».
A Illa de Arousa
Artes escénicas e sonoras. A biblioteca municipal da Illa súmase á homenaxe que este ano se fai ás cantareiras levando aos centros educativos cunchas de vieiras para que o alumnado as decore. A elección deste elemento non casual, pois hai que ter en conta que as cunchas son un instrumento da tradición musical oral do país. Os nenos entregarán as cunchas nos colexios para, a partir do día 15, levalas ao Xardín das Traballadoras de Conserva para decorar este espazo e festexar as Letras Galegas con música e poesía.