A campaña da Semana Santa reduce o paro en abril no groso do Salnés mentres medra no Baixo Ulla

Pablo Penedo Vázquez
Pablo Penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

Martina Miser

Vilagarcía de Arousa encabezou en termos absolutos a baixada de máis dun cento de desempregados na comarca

07 may 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

O paro rexistrado no conxunto dos concellos do sur da ría de Arousa volveu descender un mes máis. Fíxoo con intensidade, caendo ao peche de abril nun 2,9 por centro respecto a marzo, nunha porcentaxe practicamente idéntica á do 3,03 % experimentada no conxunto da comunidade galega, con 3.610 demandantes dun contrato de traballo menos nas oficinas públicas de emprego, e lixeiramente superior ao 2,6 % do balance estatal, con 67.420 persoas saíndo das listaxes. Nos once concellos da zona fixérono 135, pasando das 4.643 ás 4.508.

A última estatística mensual na comarca non foi mellor polo lastre do comportamento do mercado laboral no Baixo Ulla e en Meis. Sobre todo, polos 28 parados máis computados en Valga, cifra determinada polos 37 inscritos nos que medrou o colectivo de persoas sen emprego anterior, que pasou no municipio das 13 de marzo ás 50 de abril, mes que concluíu con 238 desocupados en Valga. En Meis o número aumentou do 154 aos 165, isto é, 11 máis, mentres que en Catoira, de 135 a 138 (+3), e en Pontecesures, de 124 a 126 (+2) apenas houbo variación mensual.

No polo positivo, Vilagarcía de Arousa encabezou a caída do paro na zona en termos absolutos, reducindo a súa cifra en 64 solicitantes de emprego, desde os 2.174 aos 2.110. O Grove, con 39 menos, de 365 a 326, e Cambados, con 33, de 567 a 534, foron os outros grandes focos do balance positivo que completan os 21 cidadáns de Meaño na procura dun posto de traballo que saíron da base de datos das oficinas públicas de emprego en abril, caendo dos 140 aos 119, os 15 de Vilanova de Arousa, de 477 a 462, os 4 da Illa de Arousa, de 141 a 137, e os 3 de Ribadumia, de 156 a 153. Deste xeito, se no Baixo Ulla o número de parados se elevou nun 7 por cento en abril, dos 469 aos 502, no interior e na costa arousá do Salnés o colectivo descendeu nun 4 por cento, dos 4.174 aos 4.006.

Tras esta diferenza de comportamento obsérvase o impacto da campaña turística da Semana Santa, sen afectación positiva nos municipios do Baixo Ulla, con economías moito máis industrializadas. Así, o gran motor da caída do paro na zona obedece aos 134 solicitantes menos dun emprego no sector servizos no conxunto dos oito concellos do Salnés enumerados, elevados a 138 en toda a zona, coa axuda, en moita menor medida, do sector primario, con -18.