
É o capitán do Ría de Vigo, o remolcador que percorre a costa dende o norte de Portugal ata Brest, en Francia, por mandato da Axencia Europea para a Seguridade Marítima. Un verdadeiro baluarte
24 may 2025 . Actualizado a las 04:47 h.Dende o norte de Portugal ata Brest, en Francia, un só buque navega coma escudo contra a contaminación por encarga da Axencia Europea para a Seguridade Marítima (EMSA), o organismo que a UE fundou no 2002 a raíz das catástrofes desencadeadas polo Prestige e o Erika. Trátase do Ría de Vigo, un poderoso remolcador de 69 metros de eslora que, botado hai agora corenta anos, segue a cumprir a súa misión á perfección. Na ponte de mando atópase José Gonzalo Barral López (Valga, 1979), un home que chegou ao mundo do mar case por casualidade, pero non tardou en caer baixo o seu engado: «Cando empecei os estudos universitarios non tiña coma vocación ir ao mar. De feito, quería facer Arquitectura Técnica. Pero non chegaba á nota de corte e decidín probar en Económicas en Santiago, primeiro, e logo en Máquinas e Náutica na Coruña, e acabou atrapándome».
As súas primeiras prácticas tiveron coma escenario o Super Fast Andalucía, un buque de carga rodada que facía a ruta de Cádiz a Canarias para Transmediterránea. «Levabamos plataformas de camións, contenedores de todo tipo, tanques, helicópteros. Sobre todo transportabamos plátano de Canarias, aínda que non faltaban os camioneiros alemáns que traían mobles a Fuerteventura nin os camións de peixe que portaban alevíns en góndolas para logo ser criados en piscifactorías». O seguinte embarque, tamén en formación, foi xa nun barco que incorporaba pasaxe, o Fortuny. «Temos levado mesmo o Gran Circo de Europa. Unha xente moi animada que, literalmente, montaba o circo a bordo», sorrí o capitán.
O enrole que inicia a súa traxectoria profesional apunta á navieira Murueta, con sé en Bilbao. «Estiven con eles en dous barcos de carga xeral, dous bulk carrier que transportaban cereal, chatarra... Con eles fixen as primeiras viaxes a Orán, en Arxelia, que daquela experimentaba unha tremendo auxe da construción con empresas españolas, e os catorce buques da compañía levabamos ferro seguido. O cereal ía dende Francia ata toda a costa portuguesa, mesmo ás Azores. Tamén grúas pórtico para terminais de portacontenedores».
Aquela, recoñece Gonzalo, foi unha época apaixonante. «Foi moi excitante porque percorrín toda Europa e coñecín mundo. Alemaña, Holanda, Inglaterra, Irlanda, Francia, Bélxica, o Atlántico ata as Azores, todo o norte de África, practicamente todos os países do Mediterráneo...».
Pero chegou un momento no que o mariño, moi novo aínda no 2011, ten que frear e repensar as cousas. «Era diplomado, pero non tiña a licenciatura, así que parei e volvín para rematar os meus estudos. O que eu quería era ser capitán da mercante, e con aquelas quendas de traballo era practicamente imposible». Xa co título na man e os días de mar mallados, Gonzalo tramita a súa tarxeta profesional diante de Mariña Mercante, en Madrid, e incorpórase a Remolcanosa, precisamente a compañía que posúe o Ría de Vigo. «Entrei coma primeiro oficial, facendo probas de mar en buques de todo tipo que saían dos estaleiros de Vigo, dende offshore para o Mar do Norte ata pesqueiros, buques polares e oceanográfico. Mesmo, con outra empresa, a fragata Cristóbal Colón. Non todos os días tes a oportunidade de facer probas cun buque militar».
En xullo do 2013, incorpórase coma primeiro oficial ao Ría de Vigo. Dous anos despois convértese no seu capitán, hoxe xa un dos veteranos de Remolcanosa. «As novas xeracións veñen por tras, algúns pisando moi forte». Entre elas, varias mulleres. «Non son moitas aínda, pero hainas. E pódoche dicir que, pola miña experiencia, son igual ou máis capaces que moitos homes».
O naufraxio do Grande America. Gonzalo está máis que orgulloso dos dez compañeiros que con el forman a tripulación do Ría de Vigo. Sempre adestrados e a punto, «dá gusto comprobar a profesionalidade que tes ao redor». Probablemente o seu meirande reto fose, ata o de agora, o naufraxio do Grande America, un portacoches que foi a pique a 260 quilómetros ao norte de Xixón e a 350 ao oeste de La Rochelle, vertendo 2.000 toneladas de fuel pesado e 200 de gasóleo. Foron 22 días de labor de recollida entre ondas de catro e cinco metros.