
Atletismo e baloncesto recibiron boa parte dos premios da Gala do Deporte local
21 jun 2025 . Actualizado a las 22:23 h.A Gala do Deporte de Cambados celebrou na tarde de onte a súa quinta edición. Fíxoo nun ateigado Auditorio da Xuventude, escenario elixido polo Concello tras o seu paso o ano anterior polo pavillón municipal do Pombal. Un evento que repartiu preto de dúas decenas de premios e de recoñecementos a deportistas, adestradores, directivos, equipos, clubs, empresas e demais persoas que durante o pasado ano, 2024, salientaron polos seus resultados ou polo seu labor a prol do deporte cambadés. Un xurado composto por xornalistas especializados dos medios de comunicación locais ou con delegación no Salnés elixiu os nomes.
Celia Castro Padín e Amadeo Abal. Os premios a mellores deportistas feminino e masculino foron parar a dous atletas que fan patria por toda España. Castro, co título de campioa de España sub-18 dos 800 metros en pista cuberta co Playas de Castellón. Abal, con multitude de podios en probas en ruta ao longo da xeografía nacional, como o seu triunfo na carreira dos 10 quilómetros de Cheste (Valencia).
O atletismo, deporte rei desde os tempos da antiga Grecia, foi tamén o rei da quinta Gala do Deporte de Cambados, acaparando cinco premios. Á marxe dos outorgados a Celia Castro e a Amadeo Abal, o Club Atletismo Cambados foi recoñecido como mellor entidade deportiva do 2024, e os seus integrantes Santiago Falcón Pérez e Joaquín Rodiño como mellores deportista veterano e mellor adestrador, respectivamente.
Na categoría de mellor deportista promesa, Uxía Rodríguez Fernández recibiu o galardón feminino polo seu cuarto posto no Campionato de Europa de Ximnasia de Trampolín Júnior na modalidade de Dobre Minitramp do ano pasado, mentres que Alejandro Leiro, do Judo Club Senín, fíxoo pola súa brillante traxectoria a nivel nacional na modalidade de sambo.
Araceli Bugallo Otero recibiu o premio a mellor deportista veterana e Cecilia Méndez Troncoso (Xuven) o de mellor adestradora. No capítulo de recoñecementos colectivos, o cadro de xogadores do Cambados Tenis de Mesa levou o galardón a mellor equipo, polo seu ascenso e regreso á División de Honra no 2024, co Club Xuventude Baloncesto vendo distinguido o traballo da súa escola deportiva. Roberto Oubiña Portomeñe (baloncesto) levou o galardón a mellor árbitro, con Mariscos Cordal recoñecido polo seu longo patrocinio ao Xuven e o Preeuropeo de Voleibol Júnior Feminino disputado no Pombal como mellor evento. Enrique Barreiro, do Cambados Tenis de Mesa, recolleu a distinción á traxectoria deportiva e Manuel Serén, tras máis de 40 anos como xogador e adestrador do Xuven, e as integrantes da actividade de ximnasia de mantemento de San Tomé cadansúa mencións especiais.

Premio ao labor comunicativo a Pablo Penedo. A Gala do Deporte recoñece tamén cada ano o labor feito polos medios de comunicación. Desta volta o premio foi para Pablo Penedo, redactor de La Voz de Galicia